Mellorar as buscas en Internet

O infolixo que nos invade

A publicidade non desexada e mais as informacións replicadas a propósito abundan na Rede e entorpecen o labor dos buscadores cando se trata de organizar a información
1 Outubro de 2011
Img internet

O infolixo que nos invade

O termo infolixo tense usado en numerosos ámbitos ao longo da historia do xornalismo moderno. Falouse de infolixo para facer referencia ás informacións liviás, superficiais ou pouco contrastadas que se dan en ocasións en certos programas de información ou na prensa de determinados sectores. Pero en ningún medio este concepto cobra tanto sentido coma en Internet.

A información, xa sexa persoal ou profesional, reborda na Rede, desbórdanos e non a damos procesado dun xeito lóxico e organizado. Recibimos acotío milleiros de impactos informativos dende as máis variadas fontes (blogs, medios de comunicación, redes sociais…) e o noso cerebro non os dá procesado todos por moito que se esforce. O resultado, segundo os expertos, é que perdemos capacidade crítica e cremos todo o que lemos, por moi inverosímil que sexa, sen deternos a contrastalo. É o que algúns sociólogos chamaron “infoxicación” -intoxicación de información-, e responde a unha saturación informativa que en teoría torna os usuarios máis manipulables nas súas opinións e emocións.

Da infoxicación ao infolixo

O infolixo é unha causa desta presunta “infoxicación”, xa que supón un intento máis ou menos consciente de aproveitar esta incapacidade humana para discernir a información de calidade no medio dixital co fin de conseguir un beneficio económico. O infolixo non é a información que achegan os usuarios, xa que unha das premisas da Rede é que a participación é libre e igualitaria, polo menos nun primeiro momento. Para decidir despois que contidos teñen máis valor e cales menos hai diversos instrumentos, entre eles os buscadores ou as recomendacións dos nosos amigos en redes como Facebook e Twitter.

O infolixo poderíase definir como a información que non cumpre as normas iniciais de liberdade e igualdade de participación. Por exemplo, se un usuario escribe un texto nun blog cunha reflexión propia achegará información a quen o lea ou atope nun buscador. Pero se o que fai o devandito usuario é copiar unha información recollida nun texto doutro usuario ou nun medio de comunicación e pegala no seu blog e co mesmo título, daquela xera infolixo. Non achega nada novo, con independencia de que a súa intención inicial non fose mala, e aumenta a cantidade de material onde Google ou Bing, os dous principais buscadores, terán que buscar a información orixinal e válida. Canto máis infolixo, máis difícil llelo poñemos aos buscadores para que nos dean aquilo que lles pedimos e máis ineficaces se amosan.

Infolixo deshonesto e “infospam”

Cando un usuario que replica o lido nun blog non cita a fonte orixinal nin pon un enlace á noticia que copiou, a súa acción considérase deshonesta, xa que de xeito intencionado intenta evitar que os buscadores cheguen á información orixinal que outro usuario require e queden na súa páxina, que non alberga outra cousa ca infolixo. Os buscadores atopan a información orixinal ao seguir o enderezo que indican os enlaces dos textos; se non hai enlaces no contido, é como se nós ao seguirmos un camiño atopásemos un río e non houbese ningunha ponte para cruzalo. O resultado é que o buscador queda estancado na páxina que contén o infolixo, e ofrece este como resultado da busca no canto da información orixinal.

Por que fan isto algunhas persoas? Pode que a non inclusión do enlace sexa un descoido, pero en xeral débese a unha estratexia comercial para captar publicidade por medios deshonestos. Se dan suplantado coas súas páxinas a orixinal, serán máis citados por outras fontes que non saben que son impostores e así terán máis importancia para os buscadores. Estes mostraranos nos postos máis altos das buscas e os usuarios entrarán nos seus contidos con maior frecuencia.

Lucrativo e antiecolóxico

Cando entren, atoparanse con textos que lles achegarán pouca información e numerosos enlaces publicitarios; é o que se chama spam ou “infospam”, que ao igual que o que atopamos na nosa caixa de correo electrónico non é máis ca publicidade molesta e non desexada. Mesmo nalgunhas ocasións se trata de publicidade enganosa ou de venda de material ilegal.

Os xeradores de infolixo cobran cartos por teren estes enlaces, máis canto maior sexa a súa importancia nos buscadores. É un negocio moi lucrativo para unhas poucas persoas que controlan numerosas páxinas, para outras moitas non é máis ca un xeito de acadar algún ingreso adicional sen traballar demasiado, pero para o conxunto da comunidade de internautas supón un problema gravísimo que pode chegar a resultar o 90% da información que se move na Rede, segundo algúns expertos. É dicir, pode impedir que atopemos a información que desexamos debido ao elevado número de réplicas existentes.

O infolixo é, ademais, moi contaminante e antiecolóxico, xa que supón un gasto moi elevado en enerxía para o seu almacenamento en servidores e provoca unha grande ineficiencia nos procesos de moitas plataformas. Estimábase que no 2005 o custo de almacenamento de datos mundial era o 1% da enerxía consumida, e crese que nos últimos cinco anos este gasto se podería duplicar e mesmo triplicaría. Agora considérase que o consumo enerxético mundial do spam é o equivalente ao gasto en electricidade de 2,4 millóns de fogares en Estados Unidos, e ás emisións de CO2 de 3,1 millóns de automóbiles.

Combater o infolixo

Google mellorou nos últimos anos os métodos para atopar a información orixinal e evitar o infolixo. Entre outras medidas, deseñou estratexias para distinguir entre o verdadeiro e as réplicas sen utilidade que penalizan as páxinas dos usuarios deshonestos. Tamén desenvolveu ferramentas de busca por diversos parámetros -como a data da información, se é un vídeo, un texto, unha foto, o idioma, etc.- que lle permiten ao usuario afinar e sortear o “infospam”. Bing, pola súa banda, tamén aplicou as súas estratexias.

Deste xeito, a calidade das buscas mellorou e é máis doado atopar a información desexada sen atoparse con estafadores e publicidade non desexada. Pero os usuarios tamén atoparon o seu modo de evitalo: moitos deles participan en redes sociais como Twitter e Facebook, e alí recoméndanse directamente entre eles os enlaces á información que lles interesa, de xeito que non teñen que pasar polo buscador. É o que se chama “filtro 2.0” ou social. Tal é o valor deste filtro humano que buscadores como Google e Bing lles pagan centos de millóns de dólares a estas redes sociais para poder amosar as recomendacións dos seus usuarios.