Música desde as entrañas do ordenador

Os ordenadores actuais pódense usar como sofisticadas e versátiles cadeas de alta fidelidade.
1 Decembro de 2001
Img internet listado

Música desde as entrañas do ordenador

Un ordenador é o máis semellante a unha desas navallas con mil funcións distintas do exército suízo. Un PC cos compoñentes axeitados pode utilizarse como televisión, libro, DVD, contestador automático ou vídeo. Sen embargo, en todos estes casos as prestacións que ofrece aínda non superan as do obxecto emulado, aínda que hai ocasións nas que as posibilidades do PC son equiparables, se non superiores ó orixinal. É o caso de cando se desexa conseguir, almacenar e reproducir música; un ordenador ben equipado e ben configurado pode ofrecer máis e mellores prestacións ca unha cadea de alta fidelidade.

Desde hai máis dun lustro os ordenadores veñen equipados con tarxetas de son que, cando menos, ofrecen a mesma calidade ca un CD convencional. Lonxe quedan os incómodos asubíos do vetusto PC-Speaker co que tiñan que loita-los programadores de xogos para crearen melodías que non repicasen no tímpano.

Con ou sen cadeas

Hoxe en día, en moitos casos o problema de usa-lo ordenador a xeito de cadea de música estriba no último elo da cadea: os altofalantes. As máis das veces son os primeiros que sofren os recortes de orzamento e calidade. Por ese motivo, moitos usuarios optan por conectaren a saída de audio do ordenador á cadea de música. Dese xeito, conseguen aproveita-las posibilidades do ordenador como enorme discoteca (un disco duro corrente pode almacenar oito meses de música ininterrompida en formato MP3) á par que se valen da cadea para non dependeren dos altofalantes do equipo que, xeralmente, son de inferior calidade.

Para da-lo salto e prescindir da cadea de música, a tarxeta de son que incorpore o PC deberá ser potente abonda e os altofalantes deberán estar á altura do resto do equipo, algo que, evidentemente, encarecerá o prezo do ordenador. A clave para descubrir se este gasto resulta rendible estará, como é lóxico, en comparar este gasto extra co aforro que supón non precisar ningún outro aparello para escoitar música.

Emisoras pola Rede

No tocante á radio, as diferencias de usar un ordenador conectado a Internet no canto das emisoras convencionais por ondas son abismais. Na Rede emítense centos de radios de toda clase e condición que soamente se poden escoitar desde o ordenador. Algunhas delas son as mesmas que emiten en onda media e frecuencia modulada, pero coa particularidade de que por Internet poden escoitarse case en todo o mundo, sen máis limitación física cá presencia dun ordenador conectado a Internet. Pero, é tan sinxelo crear unha emisora na Rede que a inmensa maioría só habitan no espacio dixital.

Hai emisoras para tódolos gustos e cobren todo o espectro de intereses que poida imaxinarse: desde as relixiosas ás que só ofrecen música infantil dos oitenta. ¿Inconvenientes? Se o usuario non dispón de tarifa plana para Internet resultaralle caro escoita-la radio (custaralle o mesmo que calquera conexión á Rede). Ademais, só unha conexión de banda ancha (cable-modem ou ADSL), permite unha conexión que se achegue á calidade dun CD. Cun modem convencional, sen embargo, será doado que a emisión se corte ou se vexa interrompida por molestos chasquidos.

Fío musical

Unha das grandes pegas á hora de utiliza-lo ordenador coma cadea de música é o emprazamento do equipo. O PC, a diferencia dun radiocasete, non é algo que se poida trasladar dunha habitación a outra. Afortunadamente, hai un xeito relativamente económico de crear unha rede sen fíos que permita escoita-la música que reproduce o ordenador en calquera habitación da casa: montar unha pequena emisora de FM.

Hai aparellos que, conectados á saída de audio do ordenador, emiten un sinal que pode captar calquera receptor de radio convencional que se atope a uns poucos metros. A calidade de escoita deste sistema será a mesma cá dunha emisora de frecuencia modulada convencional moi potente e permitirá escoitar desde a cadea de son da sala ou desde un transistor na ducha os discos almacenados no ordenador.

Lambetadas para a vista

Hai algo hipnótico nas imaxes aleatorias que os ordenadores poden crear ó son da música. A capacidade de cálculo dos PCs actuais permitiu o desenvolvemento de programas que converten os sons en imaxes. O proceso non é complicado: o usuario activa o programa co que habitualmente escoita música, e, xunto a el, outro que se vale dunha galería de imaxes predefinidas para animalas en función do ton. Todo un espectáculo.

Non hai un estándar para este tipo de programas, polo que cada un funcionará só en combinación cun reproductor de son. Winamp foi un dos primeiros en incorporar esta posibilidade, aínda que Apple e Microsoft, en vistas do éxito do invento, tamén contan con estes engadidos nos seus respectivos programas de audio (iTunes e Windows Media Player).

Unha destas aplicacións máis fascinantes é Geiss ( www.geisswerks.com), que funciona en Winamp Winamp e amosa sinuosas formas que laten con cada reverberación. Non obstante, a súa maior virtude é que ten uns requirimentos técnicos relativamente comedidos, o que lle permite funcionar nun número maior de equipos. E é que o usuario debe ter en conta que estes efectos só serán visibles nun ordenador medianamente potente, se non as imaxes aparecerán ranqueando e a penas poderán bailar ó ritmo da música.

Navegar á carta
  • Winamp. Un dos programas de reproducción de música máis potentes e versátiles. Admite pequenos programas (plugins) desenvolvidos por terceiros que cambian a aparencia da aplicación, distorsionan o son, xeran imaxes aleatorias ou mesturan o final das cancións co comezo das seguintes.
  • Shoutcast. Shoutcast é un dos sistemas de emisión de radio por Internet máis estendido. Neste sitio web explican de xeito pormenorizado cómo escoitar moitas das cadeas que circulan pola Rede, e, incluso, cómo montar de xeito gratuíto unha emisora caseira.
  • Cine no teu salón. Páxina persoal de moi boa factura na que se describe cómo instalar un sistema de cine na casa. Un dos seus puntos fortes é o apartado de son, onde se describen as particularidades de varios sistemas de audio e as vantaxes que reportan.
  • CNET. Unha das páxinas sobre electrónica e informática máis aclamadas. O seu prato forte son as análises comparativas de productos, entre as que o usuario poderá escolle-los altofalantes e a tarxeta de son que mellor se adapten ás súas necesidades.