Mozilla

Libre e poderoso

Este navegador, creado desinteresadamente por milleiros de programadores en todo o mundo, ofrece novidosas e interesantes opcións
1 Setembro de 2002
Img internet listado

Libre e poderoso

Un navegador é a ventá que permite enxerga-la paisaxe (é dicir, as webs) de Internet. E non hai ventás totalmente translúcidas: todas alteran a percepción do exterior. Por iso, a primacía dun único navegador na informática doméstica, como acontece con Microsoft Internet Explorer, fai que para moitos usuarios este sexa o único navegador coñecido e non simplemente unha opción máis entre unha variada gama. Pero nesta navegación tan peculiar non sempre houbo un mesmo capitán.

Durante a eclosión da web a mediados dos noventa, o navegador por excelencia era Netscape, que calcou os conceptos de Mosaic. Microsoft, a empresa creadora do sistema operativo que move a inmensa maioría de ordenadores, reaccionou tarde ante o cambio que supuña Internet, pero fíxoo de maneira irresistible: deseñou o navegador Explorer e distribuíuno de xeito indisoluble coa súa aplicación estrela (Windows). Con esta estratexia, Explorer pasou de non existir en 1995 a estar en 2002 en máis do 90% dos ordenadores conectados á Rede. Durante estes sete anos Netscape percorreu o camiño inverso: do 70% do mercado ó 7%.

Ó perde-la súa posición de primacía, os responsables de Netscape lanzaron en 1998 un órdago que catro anos despois comeza a da-los seus froitos: regaláronlle ó mundo os alicerces dos seu programa para que programadores altruístas colaborasen no seu desenvolvemento: así xurdiu Mozilla (www.mozilla.org), un dos proxectos bandeira do software libre, que en xuño viu nace-la súa primeira versión estable.

Pero Mozilla é moito máis ca un navegador. Consiste nun conxunto de ferramentas para le-lo correo electrónico, crear páxinas webs, ler grupos de noticias e chatear, que poden ser melloradas e reutilizadas a discreción polos programadores que se ateñan á licencia GPL, é dicir, a que permite a alteración e libre distribución dos programas con tal de que sigan mantendo esa licencia.

Voluminosos e pesados

Grupos de usuarios achácanlles a Mozilla e a Explorer que precisan un ordenador inzado de megahercios e megabytes para funcionar con soltura, e é que o seu tamaño só lles permite operar en ordenadores recentes. Mozilla sofre o hándicap engadido do discorrer do mercado: ó estaren os ordenadores domésticos copados por Explorer, demasiados deseñadores de sitios-web actúan coma se o navegador de Microsoft fose o único, cando, segundo os expertos, non é precisamente o máis escrupuloso cos estándares. Isto fai que, ás veces, as páxinas vistas con Mozilla, que si que os segue rigorosamente, se desconfiguren ou resulten totalmente inutilizables, como acontece con algúns bancos electrónicos.

Como compensación destes inconvenientes, Mozilla incorpora novos xeitos de navegar. Á esquerda ábrense pestanas onde se poden ter permanentemente actualizadas novas, información bolsista ou barras de busca de acceso inmediato. Unha das opcións máis útiles é a que permite abrir múltiples páxinas web nun único navegador, o que evita que o escritorio se encha de ventás desordenadas e difíciles de acceder. Ademais, Mozilla permite elimina-las ventás emerxentes habitualmente publicitarias ( pop-ups ) e incrementa-la seguridade, entre outras vías restrinxindo as cookies sospeitosas.

Imaxe actual

O aspecto do navegador nada máis instalalo en nada difire do Netscape 4, é dicir, ofrece unha imaxe antiga e pasada de moda. Sen embargo, pode ser alterado ó extremo mediante milleiros de “peles” dispoñibles en Internet, de instalación moi sinxela (só é preciso facer un clic , do resto encárgase a aplicación). Nesa flexibilidade radica a gran baza de Mozilla, que abarca elementos non tan triviais coma o deseño externo. Arredor de Mozilla traballan moitos programadores que desenvolven engadidos útiles e orixinais. Os xestos de rato (mouse gestures), por exemplo, permiten realiza-las tarefas máis básicas (ir atrás, recargar unha páxina, abrir nova ventá…) cun leve movemento de rato.

Se Netscape xa regalou as interioridades do seu sistema, ¿que gañou con abri-lo corazón do seu programa? ¿que ofrece agora? Desde a súa versión 6 (nunca houbo unha versión 5) limítase a empaqueta-lo traballo dos programadores voluntarios de Mozilla e a engadirlle algunhas funcionalidades como o programa de mensaxería instantánea de America Online que, ó non ter dispoñible o seu código fonte (as súas interioridades) non se pode incorporar ó proxecto Mozilla. Este navegador libre, a cambio, inclúe un modesto programa de IRC ( chat ), pouco amigable para internautas noveles. Os usuarios indecisos deben ter en conta que non deben escoller entre tanto navegador: nun mesmo ordenador poden convivir en harmonía varios navegadores, incluso cabe a posibilidade de lanzalos ó mesmo tempo. Convén probar varios, e usar indistintamente un ou outro en función do uso que se lle vaia dar. A fin de contas, poucas veces cambiar resultou tan doado.

Opera
www.opera.com


Algo terá Opera cando é un dos poucos navegadores que se atreven a cobrar polo seu uso, se ben os usuarios que non estean dispostos a bota-la man ó peto dispoñen dunha versión gratuíta cunha ventá de publicidade. Opera é áxil e estable, e funciona con soltura en máquinas onde os dous navegadores máis usados (Explorer e Netscape) practicamente se arrastran. O usuario pode optar por unha versión ultralixeira que prescinde, incluso, de java.

Galeon
galeon.sourceforge.net


Mozilla e Galeon son o Gordo e o Fraco dos navegadores. Ámbolos dous comparten o mesmo núcleo (o de Mozilla), pero Galeon elimina tódolos engadidos que non serven para ver webs: non incorpora programa de chat, de correo electrónico nin de creación de webs. Isto alixéirao e fai que non suque a Rede, senón que voe.

Lynx
lynx.brownser.com


Lynx é sobrio, espartano e moi pouco atraente. O navegador só-texto por excelencia retrotrae ós seus usuarios a épocas pretéritas nas que as imaxes nos webs nin sequera estaban inventadas. Máis ca pequeno é diminuto, funciona en case calquera ordenador por antigo que sexa e é a proba de lume que dá o marchamo de usabilidade a un sitio-web máis alá das súas cores. Non hai máis que segui-la máxima “se se dá visto con lynx, vese con calquera outro navegador”. Convén probalo, aínda que só sexa para coñecer cómo cambiou Internet

Browsers
www.browsers.com


Explorer, Netscape, Mozilla, Galeon, Opera e Lynx son só a punta do iceberg. Hai ducias de navegadores curiosos, distintos e sorprendentes cos que achegármonos á web de maneira diferente. Browsers.com inclúe análises de boa parte deles e dos seus accesorios.