Elixir un ordenador, máis difícil do que parece

A adquisición dunha destas máquinas está condicionada por numerosos factores e non todos eles son de natureza técnica, como as necesidades reais do usuario e o uso que se lle queira dar a medio e a longo prazo
1 Decembro de 2010
Img internet

Elixir un ordenador, máis difícil do que parece

Un ordenador non é un obxecto máis e, por moito que sexa un dos regalos máis demandados no Nadal, no momento da súa compra hai que ter en conta que vai pasar a formar parte da paisaxe doméstica ou laboral do seu dono durante uns cantos anos. Condicionaralle, ademais, o seu xeito de traballar, de se informar ou de se divertir. Polo tanto, é fundamental estudar con calma os posibles modelos que hai no mercado e ter en conta non só aspectos técnicos, senón tamén económicos e persoais no momento de optar por un ou outro.

Cales son as necesidades reais?

O uso que se lle vaia dar ao ordenador será sempre o primeiro condicionante que hai que ter en conta, xa que non é o mesmo buscar un aparello para xogar a videoxogos ca outro para traballar, para navegar por Internet ou para gozar de distintas actividades relacionadas co lecer como escoitar música, ver vídeos, etc.

Se se busca un ordenador para executar videoxogos é importante valorar tanto o procesador como a pantalla. O procesador debe ser especialmente potente e ir acompañado dunha tarxeta gráfica tamén de gran potencia. Estes dous parámetros son determinantes no prezo final do aparato. Con respecto á pantalla, no caso dun ordenador de sobremesa vaise mercar de xeito independente, pero deberá ser grande e con boa resolución. No caso dun portátil condicionará o tamaño e o prezo final do aparello. Neste campo, en relación calidade prezo convén adquirir un de sobremesa.

Cando se desexa un ordenador para desenvolver tarefas laborais, domésticas ou profesionais, amais de incluír navegación web, non hai que buscar o procesador máis potente, pero tampouco o máis lixeiro. Un terminal de potencia media ou media alta abonda, sempre que a memoria RAM teña unha boa capacidade para non colapsar o fluxo de ordes do procesador. O resto de valores técnicos, como o disco duro, os portos de conexión, lector de discos, etc., tamén deben ser medios altos. Non se debe esquecer que o que hoxe soa a moderno e eficaz, en catro anos pode parecer obsoleto e pouco funcional.

Por outra banda, baixo este condicionante é máis interesante estudar a comodidade e a ergonomía que ofrece o aparello ca as condicións técnicas. Unha pantalla independente con amplitude abonda, un teclado espazado e de botóns sólidos e un bo rato, a poder ser óptico, son factores que importan. Por suposto, se hai espazo e o ordenador non se ten que usar en mobilidade, un de sobremesa constitúe unha mellor opción ca un portátil, xa que permite traballar nunha posición máis sa.

Agora ben, se se busca un ordenador dedicado principalmente a desenvolver actividades relacionadas co lecer, á acumulación de material audiovisual e á súa reprodución -unha orientación cada vez demandada polos usuarios-, hai que darlles prioridade a determinados valores técnicos. Sempre é mellor un portátil ca un de sobremesa, xa que se pode mover dun cuarto a outro e se pode levar de viaxe, vacacións ou a unha segunda residencia. Por outra banda, un disco duro grande será máis importante ca un procesador potente, xa que nel se gardará o material audiovisual descargado. Ademais, o ordenador elixido debe ter unha elevada conectividade, con polo menos catro portos USB, saída multimedia HDMI, rañura para tarxetas SD e conectividade Bluetooth. A razón reside en que é probable que o usuario queira conectar ao ordenador discos duros externos para arquivar material, ou outros dispositivos como cámaras de vídeo e fotográficas, así como reprodutores de música para transferir arquivos. Tamén pode desexar conectalo a unha pantalla grande para ver mellor o material audiovisual. Para rematar, debe ter un bo lector de discos DVD e CD que resista un uso de lectura e copia intensivo. A pantalla, aínda que non precisa ser moi grande, si debe garantir unha boa resolución.

Portátil ou de sobremesa?

Aínda que se ten dito reiteradamente que o ordenador portátil acabará por desterrar o de sobremesa, ambos os dous formatos deféndense ben no mercado. Cada un ten as súas vantaxes e aínda que a mobilidade -atributo do portátil- se fai co tempo máis importante no mundo de hoxe, a ergonomía tamén cobra un valor crecente e, sen dúbida, un ordenador de sobremesa gana neste campo.

A razón principal de optar por un portátil debe ser a necesidade de desprazalo a miúdo ou ben que haxa pouco espazo na casa, nunca o deseño. Convén que o aparato non alcance os dous quilogramos ou será moi incómodo de transportar.

Aínda así, non se debe renunciar a un mínimo de prestacións, como son unha potencia de procesador mediana, unha boa tarxeta gráfica e un disco duro amplo, así como unha conectividade que non dea problemas, amais de wifi. Todos estes elementos nun aparello de dimensións reducidas disparan o prezo, pero se se dá co ordenador axeitado pódeselle tirar un elevado rendemento.

Non hai que esquecer que un portátil é sempre menos eficiente dende o punto de vista enerxético ca un de sobremesa, polo que quecerá máis. Unha característica que redundará nunha maior deterioración dos materiais ao longo do tempo e nunha durabilidade menor do aparello. Nisto tamén incide o feito de que durante o seu transporte sexa susceptible de recibir golpes ou caídas.

Se se opta por un ordenador de sobremesa, tamén coñecido como ordenador de torre, adquírese un computador máis sólido e durable a un prezo sempre menor en comparación ao seu homólogo no formato portátil. Agora ben, será un aparato que ocupará un espazo visible na casa ou na oficina e que moi rara vez se poderá mover.

Aínda que hai ordenadores de sobremesa con bonitos deseños, son os menos e corresponden ás marcas máis caras, como Apple, nas que se perde a vantaxe comparativa no prezo. Pola contra, gáñase en ergonomía, en eficiencia enerxética e en plasticidade. Este último concepto refírese á capacidade dos sobremesa para aceptar novos elementos de hardware interno que o fagan máis potente ou lle dean maior memoria. Nun portátil a implementación de melloras non é tan sinxela. A iso súmase que se pode elixir pantalla, teclado e rato con independencia da torre que se merque.

O sistema operativo

O principal sistema operativo é Windows, cunha ampla compatibilidade con respecto á maioría de programas e funcións. Aínda que tivo versións nefastas, como Vista, recuperouse con Windows 7 e é un sistema ideal para o usuario medio. Pero se se desexa unha experiencia de usuario máis completa e se está disposto a pagar un pouco máis polo ordenador, Mac OS de Apple é o máis apropiado. Proporciona unha maior comodidade de uso ca Windows e é moi intuitivo.

E para os que desexen ir máis alá na súa aprendizaxe informática e non lles guste estar suxeitos aos estándares, Linux dispón de numerosas versións, algunhas moi doadas de usar. Ubuntu é das máis accesibles e adáptase á perfección ás necesidades de calquera usuario. Ademais, é gratis. Non obstante, a súa instalación require de coñecementos avanzados en informática.