Mensaxería instantánea

Do pracer ós negocios

A ampla aceptación da mensaxería instantánea entre grupos de amigos cala tamén no ámbito laboral
1 Outubro de 2002
Img internet

Do pracer ós negocios

Utilizar un programa de mensaxería instantánea equipara acende-lo ordenador con baixar ó bar onde se xuntan os amigos. A diferencia das conversas textuais convencionais, os programas de mensaxería non están deseñados para falar con descoñecidos, senón para se reunir con familiares, amigos ou compañeiros de traballo. A grandes trazos, estas aplicacións son chats onde só é posible conversar con xente que nos permitira expresamente facelo (ou con persoas ás que llo permitiramos nós).

O seu funcionamento é moi sinxelo: o usuario instala no seu equipo un pequeno programa no que inclúe o nome dos amigos que conten co mesmo sistema, é dicir, engade á súa lista de “colegas” ós compañeiros que tamén estean dados de alta no mesmo servicio. A partir daquela, unha alarma indicaralle cando unha desas persoas se conecta a Internet. Entón poderá saudala e dialogar con ela coma se se tratase dun chat convencional. ¿E se esa persoa non quere que a molesten porque está moi atafegada? Ten dúas opcións, cambia-lo seu estado de “dispoñible” a “ocupado”, ou, a máis expeditiva: entrar de xeito invisible. Así, ningunha das súas amizades verá nin sequera que se conectou a Internet.

Illados entre si

Os programas de mensaxería son variados e, o que é peor, incompatibles entre si. Os usuarios dun non poden falar cos doutro, o que obriga os internautas a empregaren non o mellor, senón o máis estendido entre os seus coñecidos ou a manter varios permanentemente abertos. Os grandes portais (AOL, MSN, Yahoo…) teñen cadanseu programa de mensaxería, que usan para fideliza-los internautas con servicios engadidos ós propios deste sistema. Isto motivou que a liña entre chat e mensaxería (tan clara nun principio) cada vez estea máis difusa, xa que aplicacións como MSN Messenger permiten acceder a salas de chat nas que atopar xente nova, aínda que non é aí onde mellor se desenvolven estas aplicacións.

De ser unha ferramenta propia de adolescentes, estes programas pasaron a ser unha valiosa ferramenta de traballo. A mensaxería instantánea é unha desas tecnoloxías que os empresarios temen case tanto como adoran. Ben utilizada sitúase a medio camiño entre o teléfono e o correo electrónico, proporcionando o mellor de ámbolos sistemas: é aínda máis inmediato có teléfono sen por iso obriga-la outra persoa a abandonar de súpeto as súas tarefas. Funciona como un medio de comunicación áxil e pouco custoso para unir equipos de traballo distantes. Por outra banda, córrese o perigo de te-los empregados entretidos durante horas con familiares e amigos.

Os programas de mensaxería pouco teñen xa que ver cos que comezaron a se popularizar hai cinco anos. Hoxe, amais de permiti-las ben coñecidas idas e vidas de notas textuais, incorporan opcións para enviar e recibir arquivos, coñece-la previsión meteorolóxica, le-los titulares do día ou enviarlle un sonoro bico ó interlocutor.

Ollando ó futuro

Pero onde máis se esforzan en avanzar estes programas é nas súas posibilidades multimedia. A maioría deles permiten falar con calquera compañeiro a través do micrófono e escoitar polos altofalantes do ordenador como se se tratase dun teléfono. ¿O prezo? O mesmo cá propia conexión, aínda que a chamada sexa a Nova Zelandia. ¿O inconveniente? Que ninguén agarde unha calidade semellante á do teléfono, xa que a miúdo hai retardos desesperantes que fan imposible a conexión. O mesmo acontece co uso de cámaras de vídeo (webcams), xa que a imaxe moitas veces chega a saltos varios segundos despois de ser captada.

Non é difícil imaxinar un futuro próximo no que os programas de mensaxería instantánea saian do computador de sobremesa e se incorporen a ordenadores de man (PDAs), teléfonos móbiles ou radios de coche conectados permanentemente a Internet. Deste xeito, será posible coñecer en todo momento quén anda aí, e deixar recados dixitais a quen desexemos.

Navegar a la carta
  • MSN Messenger
    www.msn.es
    Windows, que é o sistema operativo que move a inmensa maioría de ordenadores domésticos, inclúe de modo indisoluble desde hai un par de anos o seu propio programa de mensaxería. Non é raro, xa que logo, que este sexa un dos máis empregados. Carece de ferramentas tan útiles coma a almacenaxe de comunicacións recibidas cando estamos desconectados. Ademais, a mensaxe persoal non aparece ó lado do nome, senón que o oculta. A cambio, ofrece moitos servicios extra, coma o envío de mensaxes curtas a móbiles.
  • Yahoo! Messenger
    www.yahoo.es
    O Messenger de Yahoo! é un dos máis completos e estendidos. Amais dos consabidos envío e recepción de arquivos e a capacidade multimedia de audio e vídeo, inclúe novas, cotizacións bolsistas e previsións meteorolóxicas de todo o mundo. Os usuarios que utilicen o correo electrónico de Yahoo! reciben un aviso cada vez que chega unha nova mensaxe, evitando a molestia de entrar periodicamente na conta para comprobalo.
  • ICQ
    www.icq.com
    ICQ pronúnciase I seek you, ou, o que é o mesmo, búscote. Foi a primeira aplicación de mensaxería instantánea e nela inspirouse o resto de contendentes en liza. Ó igual ca AOL Messenger é tamén propiedade de America Online, que os distribúe por separado e incompatibles entre si. Inclúe opcións curiosas xa en desuso noutros sistemas que axilizan a conversa a cambio de provocaren situacións comprometidas: envía cada carácter tecleado, no canto de remiti-la frase enteira, co que os erros quedan ó descuberto. Incorpora múltiples funcións que o converten nun devorador de recursos do sistema.
  • Jabber
    www.jabbercentral.com
    Jabber é unha tecnoloxía, non un programa, polo que non hai unha versión oficial, senón múltiples implementacións do protocolo orixinal feitas por programadores desinteresados. ¿Isto que quere dicir? Hai varias versións para cada plataforma (Macintosh, Linux, Windows, Java…) que se atopan en diferentes fases de desenvolvemento: hainas que priman as novidades, mentres que outras buscan a estabilidade. A principal virtude de Jabber é que permite conversar con usuarios doutros sistemas desde o mesmo programa. Winjab é a versión máis coñecida para Windows, mentres que Everybuddy o é para Linux.
  • AOL Messenger
    www.aol.com
    En España case non é coñecido, pero nos EEUU, onde America Online ten unha importante cota de mercado de acceso a Internet, o messenger de AOL é un dos máis empregados. Ten unha versión web máis lenta e incómoda, pero que resolverá máis dun apuro se precisamos usa-lo sistema desde un ordenador alleo que non o ten instalado.