UMTS/3X

Das promesas á realidade

Os teléfonos móbiles de terceira xeración xa están entre nós, pero os seus beneficios, pagan a pena?
1 Abril de 2005
Img internet listado 234

Das promesas á realidade

/imgs/20050401/img.internet.01.jpg
Logo de case un lustro de retardo, fabricantes e grandes operadores pasaron á acción na ansiada telefonía de terceira xeración, coñecida como 3X ou UMTS, que substitúe a actual GSM. Xa existe unha ducia de terminais dispoñibles no mercado e os servizos sobre a rede UMTS comezan a ver a luz. As tres concesionarias -Xfera, a cuarta adxudicataria e a única sen servizo na segunda xeración actual, aínda non saíu ó mercado- emprenderon agresivas campañas acompañadas de substanciosas ofertas de lanzamento para tratar de convencer ós consumidores das bondades da 3X.

A terceira xeración

As siglas UMTS (sistema universal de telecomunicacións móbiles) van acompañadas do anuncio da “revolución” nas comunicacións, de igual maneira a como foi o paso da primeira xeración, a analóxica (que a ofrecía Moviline en España), á segunda, dixital. Unha morea de posibilidades chegará coas novas redes e terminais, que porán na man do usuario un dispositivo multimedia conectado a Internet a alta velocidade, que disque poderá facer, segundo anuncian, mil marabillas. Pero a realidade móvese máis a modo cás promesas. Para acadar as metas anunciadas cómpre resolver tres puntos: dar cobertura universal (ou case) a uns prezos asumibles (dos móbiles e dos servizos) e, moi importante, ofrecer novos contidos e servizos atraentes que animen o usuario a cambiar de móbil.

UMTS é un estándar empregado en Europa e algúns países de Asia que permite transmitir datos a 2 Mbps (megabytes por segundo), é dicir, oito veces máis rápido cá máxima velocidade actual. Posibilita unha conexión eficaz a Internet e habilita unha serie de novos servizos. Permite que fotografías, vídeos e outros contidos (música, xogos, etc.) poidan viaxar practicamente sen esperas a través das redes móbiles. Así e todo, esta velocidade teórica redúcese nas ofertas dos operadores a un máximo de 384 Kbits, algo menos có ADSL caseiro. Polo tanto, que é realidade e que é aínda pura ficción?

Ó alcance da man

Os usuarios que teñen entre as súas mans un móbil UMTS xa aproveitan novas aplicacións que, polo de agora, non difiren moito entre os distintos operadores: videochamadas, videomensaxería e descargas de xogos, música con calidade mp3 e clips de vídeo.

Amena, por exemplo, anuncia ata 82 servizos: ofrece descargas dos goles da Liga, imaxes das cámaras da DXT e clips de música, cine, humor e actualidade. Tamén promete canles de televisión 24 horas en vivo (TV3 e Bloomberg) e cursos en liña de bolsa e negocios. Vodafone inclúe entre as súas opcións a recepción en vivo das novas de CNN+, amais de vídeos cos “mellores momentos” de varios programas e series de televisión. A conexión a Internet para navegar desde o móbil non ten moito sentido mentres apenas existan páxinas web adaptadas ó tamaño da súa pantalla. En calquera caso, e ó contrario do que poida parecer, non complica máis o manexo dos móbiles porque se apostou por sinxelas e intuitivas interfaces gráficas.

Zonas escuras

A perfección, así e todo, dista de ser total. Aínda existen problemas como cortes na conexión (sobre todo se o usuario está en movemento) e de nitidez das imaxes descargadas. Non son os únicos:

  • Cobertura. Con algunhas diferenzas entre operadores, a rede UMTS só cobre os núcleos urbanos importantes. Con todo, este non é o maior problema: UMTS emite nunha frecuencia moi alta que atravesa con dificultade as paredes, polo que non haberá cobertura (nin para voz, nin para datos) no interior dos edificios a non ser que se instalen antenas.
  • Terminais. Por suposto, hai que cambiar de móbil. Os teléfonos pódense mercar libres ou suxeitos a algún plan. Os seus prezos oscilan entre os 120 e os 400 euros e todos permiten ampliar a súa memoria externa para almacenar máis vídeos e cancións.
  • Prezos dos servizos. Dependen do plan que se elixa e dos servizos empregados. Nesta primeira fase, os operadores compiten pola oferta máis atraente: Vodafone cobra as videochamadas ó mesmo prezo cás chamadas de voz (ata o verán) e Amena a 25 céntimos minuto para sempre ós 50.000 primeiros clientes. Os prezos definitivos coñeceranse así que remate a campaña de ofertas, pero estímase que as videochamadas custarán o dobre cás de voz e a navegación e descargas andarán arredor do euro por megabyte (con descontos a través de bonos). As videomensaxes custan 60 céntimos en Amena e en Vodafone factúranse por volume (unha mensaxe con vídeo, de entre 30 e 100 Kb, vale un euro). Movistar tamén cobra por uso: 10 céntimos por sesión e hora de conexión e entre 0,5 e 0,05 céntimos por cada quilobyte.

En resumo, un teléfono móbil UMTS xa é capaz (onde teña cobertura) de realizar videochamadas, gravar e enviar videomensaxes e descargar o correo electrónico, xogos, música, videoclips (e mesmo de recibir televisión en directo) a unha velocidade razoable. O principal obstáculo para as videochamadas, a aplicación estelar deste sistema, é atopar interlocutor, alguén ó outro lado cun teléfono UMTS. Os usuarios non chegarán ata que non haxa novos contidos e servizos, e non haberá compañías que desenvolvan estes servizos ata que exista un número importante de usuarios.

Cando a terceira xeración dá os seus primeiros pasos, a cuarta está xa na incubadora. Algúns expertos coidan que o grande investimento das telefónicas en UMTS foi un grande erro porque ofrece o mesmo cá xeración actual, a maior velocidade, iso si, e será unha breve transición cara á 4X. De feito, AT&T e Nortel Networks levan tempo definindo o perfil da cuarta xeración de móbiles e a xaponesa NTT DoCoMo adiantou a oferta de servizos 4X ó ano que vén. O sucesor de UMTS, HSDPA, promete unha velocidade de transmisión de 12 Mbps, pero xa hai varias compañías que traballan no desenvolvemento de novos sistemas nos que os datos voarán a 20 Mbps, dez veces máis lixeiros cá velocidade punta do UMTS.

/imgs/20050401/internet02.gifForo UMTS
www.umtsforum.net

Nada no 2000 como iniciativa persoal dun Enxeñeiro de Telecomunicacións, esta páxina é xa unha referencia no sector.

/imgs/20050401/internet03.gif Galería de móbiles
www.gsmspain.com

De entre os montes e moreas de páxinas dedicadas ós móbiles ateigadas de logos e melodías, esta mantén unha completa galería de teléfonos con información técnica.

/imgs/20050401/internet04.gif Con tradición
www.telephonymuseum.com

Antes dos móbiles xa existían os teléfonos… Aquí poderá repasar a historia da telefonía desde 1876 a 1990 (en inglés) ou adquirir un teléfono de comezos do século pasado.