Reproductores MP3

Coa discoteca no peto

Os reproductores de música dixital portátiles poden almacenar máis de 1.000 CD
1 Decembro de 2003
Img listado nntt

Coa discoteca no peto

/imgs/20031201/nntt.01.jpg
O MP3, un sistema para comprimir audio, conseguiu que a música se movese sen dificultade por Internet e que se puidesen almacenar centos de cancións no PC ou nun só CD, sen perder calidade de xeito apreciable. Estes arquivos pasaron de reproducirse no ordenador, gracias a programas como WinAmp, a escoitarse en todo tipo de aparellos; moitos lectores de DVD reproducen arquivos de audio (MP3 incluídos, por suposto) gravados nun disco compacto gravable. Pero, ademais, os MP3 poden viaxar cos usuarios, pois naceu unha nova e variada xeración de reproductores portátiles capaces de transportar unha discoteca completa. Sen esaxerar un ápice: os de maior capacidade poden albergar máis de 20.000 cancións, dous meses de música soando 24 horas ó día.

Estes dispositivos permiten reproducir música dixital en diversos formatos, tanto se se descargou de Internet como se se extraeu dun CD (pasa-las cancións do CD ó ordenador, o que se coñece como “ripar”). A variedade dos productos é tan grande e renóvase tan axiña, que ó consumidor vénlle ben informarse antes de toma-la decisión de compra. A primeira pregunta que hai que facerse é para que se vai usa-lo reproductor. A partir de aí é unha cuestión de gustos e de valora-las prestacións de cada aparello: capacidade, software que utiliza, duración de pilas ou baterías, tamaño da pantalla LCD (cor ou branca e negra), formatos de arquivo admitidos (MP3, OGC, WMA, AAC, WAV, etc.), deseño (tamaño e peso), accesorios, prezo, garantía, etc.

Para tódolos gustos

Actualmente existen tres tipos de reproductores, diferenciados polo xeito en que almacenan a música: en memoria flash, disco duro ou CD. Os primeiros veñen cunha tarxeta de memoria, entre 32MB e 256MB, capaz de albergar entre 30 minutos e catro horas de música. É importante que conten con rañuras de expansión para introducir máis memoria (hai tarxetas de ata 1GB). A súa gran vantaxe é o tamaño (algúns máis pequenos ca unha caixa de mistos e uns 30 gramos de peso) e que, ó non levaren partes móbiles no seu interior, a música non salta aínda que o usuario o utilice mentres fai footing. Os de 64MB pódense atopar a partir de 60 euros.

Os reproductores de gran capacidade non son outra cousa que pequenos discos duros portátiles, nacidos para escoitar música pero eficaces para transportar calquera tipo de arquivos. Comezaron ofrecendo 5GB de capacidade ata chegar ós modelos actuais, algúns con 80GB de memoria na que caben máis de 1.200 horas de música.

Ámbolos dous tipos de reproductores conéctanse ó PC para descargar cancións mediante un programa que se inclúe co equipo. E en ambos hai que ter en conta a compatibilidade co sistema operativo do ordenador, a conexión con este (a maioría é USB, rápida e presente en tódolos ordenadores con menos de cinco anos), o tipo de arquivos que len (MP3 é o máis habitual, pero non o único) e se o software que manexa o reproductor (firmware) se pode actualizar para adaptarse no futuro a novos formatos. Os controis de volume e de reproducción son estándar, pero a pantalla LCD pode presentar ademais o título e autor da canción, a capacidade e batería restante, etc., polo que é importante o seu tamaño e visibilidade en distintas condicións de luz. A medio camiño atópanse os lectores de CD capaces de reproducir MP3. Contan coas prestacións dos discman (reproducen os CD de música ‘normais’), pero para espremer toda a súa capacidade o usuario debe crea-los seus CD en MP3, para o que precisa unha gravadora e software específico. Estes CD só funcionan en certos reproductores (cada vez máis habituais), pero poden conter máis de 200 temas, o que, unido ó baixo prezo destes discmans (desde 70 euros), os converte nunha alternativa interesante.

Moito máis ca música

Moitos reproductores inclúen gravadora de voz, outros sintonizan a radio e hainos capaces de emitir en FM, polo que a música que almacenan se pode escoitar en calquera aparello de radio situado a curta distancia. Pero os reproductores de disco duro aproveitan, ademais, a súa enorme capacidade e a posibilidade de manexar varios tipos de arquivo para ofrecer moitas máis posibilidades: reloxo e alarma, axenda de contactos, calendario, xestión de fotografías dixitais, xogos, etc. Tampouco é raro atopar reproductores de MP3 integrados en aparellos non destinados en principio a escoitar música como teléfonos móbiles, axendas electrónicas (PDA) ou cámaras de fotos.

¿Todo isto é legal?

A música dixital, sobre todo o MP3, sempre se relacionou coa piratería. A industria da música perseguiu os sistemas de intercambios de arquivos (P2P), tipo Napster, que non respectan o copyright, e mesmo tratou de impedi-la comercialización dos primeiros reproductores de MP3, xa que a maioría destes arquivos son ilegais. Sen embargo, o usuario pode estar tranquilo á hora de adquirir un reproductor MP3 e conta con moitas maneiras legais de enchelo de música.

Para comezar, pode transformar tódolos CD da súa discoteca en arquivos MP3 para o seu uso persoal. Ademais, pódese descargar música das plataformas musicais postas en marcha pola propia industria (como PressPlay ou MusicNet) ou polos que adquiriron os dereitos de venda (Mp3.com ou iTunes). Tamén hai moitos artistas que venden ou regalan os seus discos en MP3 a través de Internet.

Un reproductor de MP3 pode contar con saídas para conectarse a calquera equipo de música, incluído o do coche. Pero tamén existen reproductores creados especialmente para instalar nos automóbiles. As vantaxes son evidentes: agora hai estéreos con cinco cargadores de CD para evitar soltar demasiado o volante ó cambiar de disco, pero se o equipo le MP3 haberá que botar gasolina moito antes de que remate un só disco de 12 horas.

A maioría son equipos con aparencia idéntica ós reproductores de CD, que simplemente engaden a posibilidade de ler formatos de audio comprimido como o MP3. Pero tamén os hai con discos duros de varios Gigabytes, o que multiplica a súa capacidade, que ademais amosan toda a información sobre o tema que soa dun xeito moi atraente.

Resolver dúbidas
/imgs/20031201/internet02.jpgwww.portable-cd-mp3-player.com
Todo o que ó usuario se lle poida ocorrer preguntar sobre os reproductores portátiles antes de decidirse por un modelo respóndeo este portal. Iso si, en inglés.

Para elixir
www.hispamp3.com/hardware/reproductores/imgs/20031201/internet03.jpg
De memoria flash, de CD, de disco duro, para o coche… Unha boa selección de reproductores de MP3 cun comentario detallado e a opinión e valoración dos usuarios.

iTunes
/imgs/20031201/internet04.jpgwww.apple.com/itunes/
Apple conseguiu combinar con grande éxito un completo jukebox (programa para manexar música dixital) coa tenda ‘iTunes Music Store’, que ofrece cancións a 0,99 dólares pero só para os estadounidenses. O programa é gratuíto.