Diferenzas entre Windows, Mac OS e Linux

Cada un cobre unha necesidade

O uso que se lle vaia dar ó ordenador e os gastos derivados, fundamentais á hora de elixir
1 Xuño de 2004
Img internet

Cada un cobre unha necesidade

Usar un flamante coche de carreiras para transitar por un camiño rural non é o mellor xeito de sacarlle partido ó automóbil. Ó igual que para cada estrada hai unha familia de coches (‘fórmula 1’ para os circuítos, todo terreo para os camiños enlamados ou un turismo para as estradas convencionais), os ordenadores tamén contan con diferentes sistemas operativos (o programa principal do ordenador) especializados en determinadas tarefas. O sistema operativo do PC inflúe no que se poderá facer con el. Tamén influirá, decisivamente, na súa facilidade de uso e manexo. Usar un ordenador pode ser algo sinxelo, ou converterse nun mundo de complicacións se se escolle o sistema incorrecto.

Os tres sistemas operativos máis habituais son Windows, Mac OS e Linux. Windows funciona nos ordenadores con procesadores de Intel e AMD (os máis comúns), Mac OS faino unicamente nos ordenadores de Apple e Linux funciona en ambas as dúas plataformas, aínda que está mellor preparado para a primeira. Á hora de elixir o sistema operativo hai que ter moi en conta o tipo de ordenador que se ten ou que se vai adquirir, xa que unha elección equivocada impedirá instalar o sistema operativo desexado.

Windows, o ‘utilitario familiar’

Microsoft é o xigante informático que produce e comercializa Windows, o sistema operativo que usa o 90% dos ordenadores persoais de todo o mundo (a súa última versión é Windows XP). O seu prezo rolda os 120 euros e moitas veces inclúese no prezo do propio ordenador (que rolda os 1.200 euros).

Ó igual ca un turismo serve para moverse por case todo tipo de estradas, Windows é o estándar de facto que cobre a gran maioría de necesidades do usuario medio. Xa sexa para escribir documentos, navegar por Internet, escoitar música, ver películas, retocar fotografías dixitais ou gozar dos últimos xogos, Windows é doado de usar e configurar, sen necesidade de posuír coñecementos informáticos avanzados. Ademais, a práctica totalidade dos programas que se comercializan dispoñen dunha versión para Windows. Así e todo, Windows ten sona de ser inestable, xa que é frecuente que se bloquee e que se colgue (sobre todo en versións anteriores á XP). A súa seguridade tamén deixa moito que desexar, pois existen multitude de virus que aproveitan fallos do sistema para infectar o PC, como, por exemplo, o virus Sasser ou o máis daniño Chernobyl.

Mac OS, o ‘deportivo de deseño’

Mac OS é considerado por moitos expertos o sistema operativo máis sinxelo de utilizar, máis innovador e de estética máis coidada. Ó igual ca un coche deportivo, conxuga elegancia con altas prestacións, permitindo á vez rodar por case calquera tipo de estrada. É un sistema moi doado de usar e que sempre alardeou de que ata un neno pode utilizalo sen dificultades (os seus ratos teñen un único botón, en vez de dous, para non confundir ó usuario).

A súa última versión, Mac OS X, é radicalmente distinta ás anteriores. Con ela gañou en estabilidade, seguridade e ausencia de virus. O número de programas dispoñibles para esta plataforma (sobre todo, xogos) segue sen ser tan alto coma o de Microsoft, aínda que cumpre as necesidades de calquera usuario doméstico ou profesional multimedia. É no retoque, a produción e edición de música, fotografías e vídeos onde este sistema ten o seu punto forte. Apple Macintosh comercialízao ó prezo duns 150 euros (é de pagamento e propietario). Pero o seu maior custo non está na propia licencia de uso, senón en que unicamente funciona nos ordenadores que fabrica a mesma compañía. E estes ordenadores (dunha calidade e deseño moi coidados) non son baratos: aínda que hai modelos por baixo de 1.000 euros, é habitual que custen máis de 2.000 euros.

Linux, un ‘todoterreo robusto’

É o sistema preferido por moitos dos profesionais da informática e de Internet. Como se dun 4×4 se tratase, ofrece potencia, estabilidade, seguridade contra virus e serve para realizar calquera traballo. Pola contra, ó igual ca un todo terreo, peca de falta de comodidade, non é tan doado de usar coma os outros dous e precísanse coñecementos técnicos para realizar algunhas tarefas. Así e todo, as súas últimas versións son bastante máis amigables, polo que comezou a callar entre algúns usuarios domésticos e ofimáticos (uso do ordenador en ambientes de oficina).

A colección de programas dispoñibles nalgunhas áreas (como os xogos ou as aplicacións multimedia) é aínda escasa ou de pouca calidade, aínda que mellora día a día. Á hora de instalar novos periféricos, o proceso tamén se complica: mentres que en Windows e Mac OS é case automático, en Linux hai que realizar a miúdo algunha configuración manual.

Linux é un sistema un chisco ‘romántico’, pois foi desenvolvido voluntariamente por programadores de todo o mundo. De aí que sexa libre (liberdade total para ver e modificar as ‘entrañas’ do sistema) e gratuíto (pódese descargar de Internet, copiarllo a un amigo ou adquirirse en formato CD por uns 30 euros).

Aínda que o PC teña un sistema concreto, é posible cambialo de aparencia, ‘disfrazándoo’ en parte ou por completo. O ‘tuning’ dos coches tamén é posible nos sistemas operativos, converténdoos en algo visualmente distinto. No fondo, o sistema operativo segue sendo o mesmo (coas súas mesmas funcionalidades e características), e o único que cambia é a súa aparencia. Iso si, o resultado ás veces é tan conseguido que é difícil distinguir un sistema operativo orixinal dun ‘disfrazado’.

En Internet hai varios sitios-web que ofrecen ‘disfraces’ (coñecidos como ‘themes’ ou ‘skins’) para todos os gustos: aquaxp.com, www.xptheme.info ou wincustomize.com para Windows, maxthemes.com ou resexcellence.com/themes para Mac OS, e art.gnome.org, kde-look.org ou themes.org para Linux.

/imgs/20040601/internet02.gifOpinións dos usuarios
Centos de opinións dos propios usuarios sobre os seus sistemas operativos. Información moi útil e de primeira man sobre as vantaxes e inconvenientes de cada sistema.

/imgs/20040601/internet03.gifManuais sobre sistemas operativos
Axunta ducias de manuais sobre diversos temas que afectan ós sistemas operativos: cómo instalalos, configuralos ou resolver os problemas máis habituais.

/imgs/20040601/internet04.gifFilosofía de Linux e do software libre
Sitio-web oficial do proxecto GNU e da Free Software Foundation. Os integrantes desta organización son os creadores do movemento que deu lugar a Linux e a boa parte dos programas libres.