Buscadores temáticos / Blog: Kirai.NET, un geek en Xapón / Web: "As fotos do capitán pataca"

1 Marzo de 2007

Buscadores temáticos / Blog: Kirai.NET, un geek en Xapón / Web: "As fotos do capitán pataca"

Navegar á carta

Buscadores temáticos

A pesar de que moitos usuarios non o saiban, hai vida máis alá de Google. Polo tanto, non está de máis coñecer algúns buscadores temáticos, un grande atallo cando se sabe exactamente que é o que se está a buscar. Hai unha morea deles, pero velaquí uns poucos:

  • /imgs/20070301/img.internet2.01.jpgAllmusic
    Allmusic é unha das grandes enciclopedias sobre música en Internet, cunha base de datos enorme, non só en música contemporánea anglosaxoa, senón tamén en jazz e música clásica. Nesta páxina pódese atopar información sobre centos de miles de artistas, millóns de discos e cancións. Cada artista está debidamente biografado, inclúense os seguidores da súa arte e tamén os mestres que o influíron. Cada disco conta tamén coa súa crítica e valoración. Sen dúbida é o xeito máis rápido para atopar información básica sobre calquera artista. Dende Lou Reed ata Moncho, o “Rei do Bolero”. En inglés.
  • /imgs/20070301/img.internet2.02.jpgInternet Movie Database
    A mellor base de datos sobre películas de cinema e series de televisión, onde non só se incorpora un eficiente buscador por título, actores, directores, produtores e outros parámetros, senón que tamén informa das novidades no mundo do cinema e as series, os festivais, as candidaturas aos Oscar… Tamén ofrece unha boa cantidade de blogs sobre cinema. En inglés (a versión en español a penas ten unha ínfima parte do contido da anglosaxoa).
  • /imgs/20070301/img.internet2.03.jpgPortal do Ocio La Higuera
    Non todo o que se busca en Internet é información profesional ou “sesuda”; tamén hai buscadores como o de La Higuera, que permiten tanto atopar con rapidez o teléfono dun restaurante novo, as cancións do disco de Nora Jones, as próximas estreas da carteleira de teatro ou o modo máis rápido para conseguir unha entrada para o concerto do ultimísimo grupo de “indie pop” procedente do noroeste de Inglaterra. Puro lecer.
  • /imgs/20070301/img.internet2.04.jpgO Buscopio
    O Buscopio é un “”meta buscador””, é dicir, un buscador de buscadores. O que fai este portal é dividir en grandes apartados temáticos a información, de xeito que cada sección é un buscador en si mesmo: temas de Internet, temas de cultura, temas de deportes, busca de servizos concretos, por países, etcétera. Deste xeito, o usuario define os primeiros niveis da súa busca e resolve o problema de ter que discriminar o gran da palla. É certo que pode deixar fóra dos seus resultados páxinas que poderían interesarlle, pero na Rede cada vez é máis inevitable ter que escoller entre rapidez e tino no proceso de busca dunha información.

Cada mes un blog:

Kirai.NET, un geek en Xapón

/imgs/20070301/img.internet2.05.jpg Héctor García Puigcerver é un enxeñeiro informático alacantino cun longo percorrido profesional e xeográfico. Especializado no deseño de linguaxes informáticas que melloren a eficiencia dos buscadores de Internet, Héctor traballou na Universidade de Alacante, no CERN (Centro Europeo de Investigación Nuclear), en Suíza, e por dúas veces en Xapón. Actualmente atópase na súa segunda etapa xaponesa, traballando para o buscador de blogs Technorati. Dende un céntrico barrio de Tokyo, escribe un blog sobre a súa vida no Xapón: Kirai.NET. En Kirai, Héctor conta a vida cotiá en Xapón vista polos seus ollos e pola súa mentalidade occidental e tecnófila. Iso inclúe a estrañeza, e certo regusto de perplexidade ante a dificultade de comprender, e unha profunda fascinación por unha sociedade e un país que para el simbolizan a perfecta mestura de tradición e modernidade. Polo menos, a mestura máis atraente. Héctor, que se defende en xaponés, foi entrevistado por varias televisións nipoas, reflexo da curiosidade que esperta o seu blog no seu país de acollida.

A páxina do mes

“As fotos do capitán pataca”

/imgs/20070301/img.internet2.06.jpg O único que di del o seu perfil é que o “capitán pataca” é un home, de 39 anos e casado. Tampouco cómpre saber máis nada para apreciar o valor das fotografías que expón na súa páxina persoal de Flickr. Nelas xoga tanto coas formas frías, e á vez sinuosas, dos contornos dalgúns edificios, como coas casuais figuras que a hedra ou as follas mortas poden debuxar sobre o chan ou calquera outra superficie. Doutra banda, a súa querencia polos filtros de cor e polos tons xélidos como o aceiro, dálles a moitas das súas tomas unha atmosfera irreal, máis digna do cómic ou das ficcións da pantalla que da realidade cotiá que alguén poida capturar cunha cámara dixital.