Telefonía 4G

A revolución vólvese móbil

O conxunto de tecnoloxías coñecidas como 4 G traerá ao teléfono a conexión permanente a Internet
1 Marzo de 2011
Img internet

A revolución vólvese móbil

“4G, revolución ou simple evolución?”, rezaba o titular dunha recente reportaxe nunha revista especializada. Inmediatamente despois o texto comezaba coa opinión dun experto en redes móbiles que respondía laconicamente: “as dúas cousas”. Dita así, sen explicar antes en que consiste este conxunto de tecnoloxías que sen dúbida van mudar moitos aspectos da vida dos usuarios, a resposta semella tan enigmática como absurda.

Así e todo, é a máis apropiada: a tecnoloxía 4 G supón unha revolución no xeito en que as persoas se relacionan coa realidade que os rodea. No fondo, non é máis ca a evolución lóxica de Internet e do router con wifi, que sae dos fogares para dar sinal de rede en plena rúa.

Unha ruptura co pasado

A gran diferenza coas tecnoloxías de redes móbiles anteriores reside en que con 4 G as antenas pasan de seren só repetidores-captadores de sinal a seren emisores desta. É dicir, nas tecnoloxías GSM, GPRS e UMTS (que equivalen a 1 G, 2,5 G e 3 G) as antenas daban detectado os teléfonos pola técnica chamada triangulación, que determinaba a súa posición en función da área triangular formada por tres antenas, e enviado un sinal rebotado dende outro dispositivo.

A súa función era identificar o sinal e pasalo dun móbil a outro, aínda que este sinal fose complexo e levase consigo, amais de voz, mensaxes de texto, imaxe e, en 3 G, o acceso web. Na telefonía 4 G a antena é a terminación libre dun canuto de cables de fibra óptica que conducen ao acceso á Rede e que o espallan por unha grande área de quilómetros cadrados, como o fai un router wifi nun fogar. É dicir, coa tecnoloxía 4 G Internet sairá á rúa.

As implicacións desta ruptura radical coa telefonía móbil clásica son moitas. Para comezar, os operadores deberán realizar un investimento multimillonario para implantaren 4 G, xa que as antenas ata agora situadas no alto dos edificios non lles serven, xa que son simples repetidores. Gradualmente, terán que se iren substituíndo polas antenas emisoras das tecnoloxías 4 G, que irán precedidas da oportuna instalación dos cables no edificio onde se vaian situar.

Acceso ubicuo á Rede e revolución no consumo

Obviamente, as compañías operadoras de telecomunicacións de todo o mundo amósanse remisas a faceren este esforzo económico tan grande e poñen obxeccións á vez que lles piden axuda aos respectivos gobernos. Pero non ignoran que a implantación do 4 G suporá que calquera dispositivo con conectividade sen fíos a Internet poderá acceder dende calquera lugar, e en movemento, a un ancho de banda teórico de 100 megabits por segundo en baixada e de 50 megabits por segundo de suba de datos.

Isto significa poder facer o que hoxe fan os usuarios dende o ordenador, pero utilizando no seu lugar un móbil, unha tableta ou un portátil. Implica tamén poder acceder a toda a información que ofrece hoxe Internet mentres se anda ou se conduce, e que a devandita información estea ademais relacionada coa posición que os usuarios teñan no mapa. Cales serían as implicacións de poder saber en tempo real na estrada onde está a seguinte gasolineira, que prezos ten a estación de servizo máis próxima, se hai tráfico nos vindeiros tramos ou se as vilas e cidades que están no traxecto poden resultar interesantes?

A información en movemento pode modificar tamén o comportamento das persoas. Abonda con imaxinar que se desexa ir a un determinado restaurante a cear pero que polo camiño se recibe información de propostas máis apetecibles ou baratas no contorno próximo. Que persoa non se sentiría como mínimo tentada a cambiar a súa decisión? Esténdase este exemplo a todas as situacións, mestúrese con publicidade personalizada, e comprenderase a revolución que lle agarda ao usuario en canto á información e o consumo.

Adeus ao teléfono fixo

En 4 G toda a información, xa sexa voz, textos, imaxes ou audio chegarán ao móbil do usuario por protocolo de Internet, tamén coñecido como IP. Isto tradúcese en que as chamadas de voz xa non viaxarán coma antes, senón que serán dixitalizadas e introducidas como paquetes que irán por Internet, a chamada voz IP. A primeira consecuencia é que para falar de móbil a móbil poderanse usar programas como Skype de xeito gratuíto.

É dicir, falar polo móbil non custará cartos, polo menos non en función do cacho que se fale. É moi posible que as operadoras muden o sistema tarifario de minutos por outro que facture segundo o consumo de datos que o usuario faga. A segunda consecuencia é que, como todo, tanto dentro coma fóra dos fogares, vai circular por IP non cumprirá posuír un punto de acceso fixo dentro das casas ou das oficinas: desaparecerá a telefonía fixa e os teléfonos conectados por cable converteranse en reliquias do pasado.

Algo similar acontecerá co custo por roaming, as chamadas dende ou ao estranxeiro, xa que ao ser IP un protocolo global non terá sentido xustificar coa necesidade de acordos entre compañías os sobreprezos destas chamadas. O prezo de acceso será universal ou, polo menos, non condicionado á distancia ao lugar de residencia do usuario, tal como pasa hoxe cos móbiles.

Non obstante non todo será cor de rosa: a telefonía 4 G consume unha porción de ondas moi importante e suponse que progresivamente, coa entrada da televisión móbil en alta definición, o seu consumo aumentará. Isto significa que os usuarios sufrirán colapsos e retardos no acceso en lugares onde se concentre unha gran cantidade de dispositivos móbiles, como barrios populosos, zonas de veraneo ou mesmo en eventos deportivos. Neste sentido, terase que competir coas televisións, que tamén queren ofrecer programas en alta definición por IP, e compartir o espectro electromagnético, un recurso que é limitado.