O PC como televisor

A outra pantalla

A tarxeta sintonizadora converte o ordenador nun televisor ó uso
1 Xaneiro de 2003
Img internet listado 108

A outra pantalla

Para ve-la televisión nun ordenador é imprescindible contar cunha tarxeta sintonizadora, cun prezo que anda arredor dos sesenta euros. O seu labor é recibi-lo sinal da antena e dirixirlla á tarxeta gráfica, que está presente en tódolos ordenadores e é a responsable de crea-las imaxes que aparecen no monitor. A maioría de tarxetas sintonizadoras colócanse no interior do PC, xunto ó disco duro ou á tarxeta de son, polo que a súa instalación require dunhas certas doses de bricolaxe informática que non van máis alá de soltar uns parafusos e encaixar unhas pezas. Recentemente apareceron tarxetas externas que evitan este atranco e funcionan simplemente enchufándoas, pero son algo máis caras.

En calquera caso, o monitor non se pode empregar de xeito independente para ve-la televisión, para sintonizar un programa é imprescindible acender tamén o ordenador e executa-lo programa que adoita incluí-la tarxeta sintonizadora. O usuario pode alternar entre ve-la televisión a pantalla completa (tal e como se ve nun televisor tradicional) ou limita-la imaxe a unha ventá, que se pode mover, escalar ou arrastrar polo escritorio. Así, pódese ver un documental na marxe superior esquerda do monitor mentres se redacta un documento no espacio libre.

As funcións dun ordenador equipado con tarxeta sintonizadora son as mesmas cás dun televisor convencional: rotulación de canles, son dual ou estéreo, e mesmo teletexto. A diferencia é que os programas se poden almacenar directamente no disco duro coma se se tratase dun vídeo. A maioría de tarxetas inclúen programas para converte-lo PC nun vídeogravador. Iso si, unha gravación dunha hora ocupará varios centos de megas no disco duro, en función da calidade e do sistema co que se grave, polo que non é unha mala opción ter un disco duro dedicado exclusivamente a este fin.

Conxuntos integrados

O mercado ofrece xa solucións conxuntas como Showshifter www.showshifter.com que permiten desde un mesmo programa ver e grava-las emisións de televisión así como reproducir CDs, DVDs, MP3 e DiVX;-). Resultan cómodos, aínda que empregar un programa específico para cada función fará que o usuario gane en control sobre cada función.

Un dos maiores inconvenientes de emprega-lo ordenador como televisor é o ruído. A maioría dos computadores son ruidosos porque precisan grandes ventiladores que disipen a calor que xeran os seus procesadores de última xeración e altísima potencia. Ese é o motivo de que ver unha película ou escoitar música poida resultar molesto.

Sen embargo, para ve-la televisión esa potencia é esaxerada. Por iso se o ordenador vai se-lo centro multimedia do salón unha boa opción pasa por adquirir un ordenador cun procesador distinto ós máis coñecidos Intel ou AMD, como VIA, que ofreza menos potencia (pero abonda para ve-la televisión ou escoitar MP3) a cambio de prescindir de ventilador e, polo tanto, lograr un funcionamento máis silencioso.

Tamén por Internet

Mención aparte merecen as canles de televisión que emiten a través de Internet. Neste caso, a toma de antena e a tarxeta sintonizadora tórnanse inútiles. O sinal chega ó equipo a través de Internet, como o fan os xornais en liña ou as radios online. Pero as conexións domésticas actuais distan de ofrecer unha velocidade que permita transmitir vídeo cunha calidade semellante á do VHS.

Para recibir sen pausas nin saltos imaxes en directo precísase, como mínimo, unha conexión ADSL, e a calidade será peor cá da televisión convencional. Sen embargo, non é difícil imaxinar un futuro no que as cadeas por Internet acaden o desenvolvemento suficiente: o usuario poderá escoller emisións de todo o mundo e velas sen ataduras de horarios.

A tecnoloxía dos videogravadores non variou ostensiblemente nos últimos vinte anos. É certo que agora ofrecen unha imaxe máis nítida e un son envolvente, pero as cintas de vídeo seguen sendo grandes, rebobinar leva minutos e atopa-lo comezo dunha película resulta difícil. Os DVDs non solucionan este problema porque non son substitutos do vídeo, senón que o complementan. Os DVDs permiten ver películas mercadas ou alugadas, pero non serven para gravar programas da televisión.

Xa están á venda vídeos domésticos que prescinden de cintas e gardan os programas en discos duros. As súas vantaxes son múltiples: permiten reproducir algo previamente gravado mentres se realiza outra gravación, acceden de xeito instantáneo a calquera secuencia ou conxelan un programa de televisión que se emite en directo para retomalo ó cabo duns minutos, unha opción moi útil se soa o teléfono ou xorde un imprevisto.

Unha empresa americana, TiVo foi máis alá. Comercializa vídeos dixitais con conexión a unha central que os mantén permanentemente ó tanto dos cambios na programación das diversas canles. Así, o usuario non debe programalos “de qué hora a qué hora en qué canle”, senón que escolle nun sinxelo menú a película, serie ou documental desexado e se desexa gravalo unha vez ou de xeito recorrente. O aparello encárgase a partir dese momento de elimina-los anuncios e axusta-la programación se a emisión se retarda.

Navegar a la carta

wwiTV

www.wwitv.com
Completa listaxe con emisoras de televisión que emiten por Internet. A calidade aínda non é equiparable á dunha transmisión convencional, pero este sistema permite acceder a programas e informativos que, doutro xeito, sería imposible contemplar.

Ver tele

www.vertele.com
Portal temático sobre canles, programas, presentadores e todo o que arrodea á televisión no noso país. A maior parte da web está orientada a informar ós telespectadores, pero tamén conta cunha sección para os profesionais do medio.

¿Lémbraste?

www.teacuerdas.com
Recuncho para nostálxicos no que descubrir cómo eran as revistas, a radio, a publicidade e a televisión de hai unhas décadas. Un dos seus apartados detalla qué programas de televisión estiveron en antena ano a ano desde o comezo da televisión ata 1989.