Depresión polo Nadal

Non sempre é Nadal a gusto de todos

A mellor medicina para combater os baixóns anímicos é innovar nas celebracións e facer o que realmente lle apeteza a un
1 Decembro de 2010
Img salud2 listado

Non sempre é Nadal a gusto de todos

Bo Nadal! vén sendo a expresión que máis se repite durante estes días de celebración e está cheo de panxoliñas, postais, anuncios publicitarios e mais de saúdos e despedidas entre amigos e familiares. Así e todo, felicidade e Nadal non son sempre son un matrimonio ben avido. De feito, así o constatan os resultados dunha enquisa elaborada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). A investigación revela que o 56,5% dos españois considera que estas festas teñen un carácter familiar, mentres que un 26,2% coida que son puramente comerciais e un 11% salienta o seu valor relixioso. Igualmente, o Nadal é unha época de ledicia para o 49,8%, mentres que un 27% sente tristura e morriña e para un 17,3% o sentimento que reina durante estes días é a angustia. Todo iso apunta a que unha parte importante da poboación sobrevive, atura ou simplemente pasa o Nadal sen pena nin gloria. Hai quen non atopa nestas datas nada especial que o motive para pasalo ben dun xeito especial ou que o anime a emprender proxectos diferentes. A vivencia destas festas, xa que logo, é diferente segundo o estado de ánimo de cada persoa, de se se teñen nenos ou non ou de se se convive con persoas maiores.

É Nadal: toca pasalo ben?

Son moitos os psicólogos que tras o Nadal teñen a axenda chea. Non obstante, estes mesmos especialistas lembran que para moitas persoas o Nadal non supón nada. Trátase só dunha oportunidade coma calquera outra de atoparse con familiares e amigos. Agora ben, aínda que moitas persoas viven esta época con normalidade, hai quen non se dá liberado da presión social que empurra a estar ledo. O Nadal atragóaselle a moitas persoas ás que lles encanta comer ben ou pasalo ben nunha festa, precisamente porque senten obrigadas a compartir unha comida con familiares ou amigos cos que non manteñen unha boa relación. De aí a liberación que unha boa parte da poboación experimenta o 7 de xaneiro, co remate das festas.

Alén da compoñente relixiosa, o Nadal vencéllase directamente a agasallos e celebración. Nestas xuntanzas a comida e mais a bebida adquire un protagonismo especial. Pero o perigo céntrase en deixarse levar pola inercia e facer cada ano o mesmo: un día á casa dos pais e outro día á casa dos sogros, contar os mesmos chistes e manter as mesmas discusións. Os expertos aconsellan innovar e facer o que realmente lle apeteza a un. Esta, aseguran, é a mellor medicina para combater a depresión.

Nadal e persoas maiores

Case un millón e medio de persoas maiores de 65 anos viven soas en España. Para elas o Nadal tamén debería ser unha época de ilusión, aínda que non sempre é así. O principal consello é non facerlles sentir que se cadra o ano que vén xa non van estar. É moi importante relacionarse con eles de acordo ao nivel de enerxía e vitalidade que teñan. “Nin como mozos de vinte anos nin como moribundos”, aconsellan os expertos. Non obstante, o Nadal pode ser moi duro para as persoas maiores que non gozan dunha boa rede social ou familiar, malia á posta en marcha de iniciativas que intentan combater esta situación. O Ministerio de Sanidade, a través do IMSERSO, puxo en marcha de novo a campaña “Xuntos no Nadal”, dirixida aos vellos que viven sós para que durante estas festas poidan gozar da compañía doutras persoas nun lugar cálido ou nun balneario.

Un Nadal diferente

Por iso, moitas persoas ás que o Nadal non lles gusta ou ás que non o motiva especialmente deciden pasar as festas dun xeito alternativo. Aproveitan para viaxar a algún destino no que o Nadal se viva de maneira diferente ou onde simplemente non se celebre. As axencias de viaxes, conscientes desta realidade, ofrecen numerosas posibilidades. Segundo datos do Instituto de Estudos Turísticos, pertencente ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, o 2,6% das viaxes que se realizaron durante o ano 2009 se efectuaron durante as festas do Nadal. Malia a que o motivo de moitos destas viaxes era visitar familiares ou amigos (71,3%), máis de unha de cada catro viaxes (28,3%) tiña como obxectivo outro tipo de lecer. E trátase dunha tendencia á alza. Parece ser que as panxoliñas e os turróns perden peso ante a posibilidade de coñecer destinos exóticos ou de gozar as festas doutro xeito.

O blues do Nadal

Quen dixo que o Nadal debería ser unha época de felicidade? Aínda que ninguén ergue a man, esta crenza está moi espallada na nosa sociedade. Así e todo, a realidade é que moitas persoas se deprimen nesta época do ano. A tristura que lle asalta a moitos durante estas festas coñécese como “depresión branca”, “depresión do Nadal” ou “blues do Nadal”. Segundo a Asociación Europea de Psiquiatría Social, un 20% dos españois padece este problema. O ambiente de ledicia e de felicidade colectiva motiva a morriña e a tristura pola falta de familiares ou de amigos achegados. É daquela cando as persoas se poden deprimir en maior ou menor grao. Os psicoterapeutas aseguran que as principais causas que explican os “baixóns” anímicos polo Nadal son a perspectiva de se reunir con familiares problemáticos, o desembolso económico que supoñen as celebracións e a ausencia dos seres queridos, xa sexa porque faleceran ou porque un se separou deles. No caso de familiares ou amigos desaparecidos, a melancolía ten que ver a miúdo co feito de pensar na propia morte. E é que a moitas persoas lles custa asimilar que a vida é finita.

Tampouco hai que esquecer un dos grandes males do noso tempo: a soidade. Cada vez é maior o número de persoas que non saben convivir con ela. Iso si, hai que lembrar que non é o mesmo estar só que sentirse só. Sentirse illado é un dos principais motivos de depresión durante o Nadal. O aumento do gasto doméstico tamén afecta ao estado de ánimo de moitas familias, máis se viven unha situación de paro ou de axuste económico. A presión social que incita a gastar é moi forte. O máis recomendable é intentar fuxir dos clixés tradicionais: se non é posible facer regalos, o mellor é expresalo abertamente.

Os verdadeiros reis do Nadal

As familias con nenos son, en xeral, máis divertidas e motivadoras para todos. A razón é que se viven as festas a través dos seus ollos. Son moitas as persoas que recuperaron a ilusión ao celebraren estas datas cos seus fillos pequenos, netos, sobriños… O problema é que boa parte da ilusión dos pequenos se concentra nos regalos, de aí que os pedagogos recomenden que os cativos aprendan o antes posible que o sentido do Nadal o proporcionan as relacións humanas e, aínda que gocen dos regalos, tamén deben aprender a valorar e gozar doutras actividades que tamén forman parte do Nadal: visitar familiares, saír en familia, as vacacións…