Nocturia: cando o desexo de mexar interrompe o sono

Espertar polo menos dúas veces durante a noite para mexar delata que hai algo no organismo que non funciona ben
1 Novembro de 2010
Img salud

Nocturia: cando o desexo de mexar interrompe o sono

Durmir pracidamente é un soño imposible cando se sofre de nocturia, un síntoma moi molesto que reduce tanto a calidade do sono como a calidade de vida e que, ademais, aumenta o risco de sufrir caídas nocturnas, sobre todo se quen a padecen son persoas de idade avanzada. A nocturia, ou a acción de espertar durante a noite con ganas de mexar un mínimo de dúas veces, afecta sobre todo á poboación masculina: sófrena sete homes por cada tres mulleres, e é máis habitual en persoas de idade avanzada. A Unidade de Urodinamia do Centro Médico Teknon, de Barcelona, estima que a partir dos 70 anos o 60% dos homes a sofren, mentres que por baixo dos 30 afecta a menos do 5%. Ante o crecente número de poboación afectada, un novo método permite diagnosticar con fiabilidade este incómodo hábito nocturno para lle pór tratamento.

Afección controlable

Lonxe de quitarlle importancia, o interese por este síntoma entre a comunidade científica medrou nos últimos anos motivado polo temor de que poida provocar outros problemas de saúde como os trastornos do sono e as caídas en anciáns. Hai que ter en conta que a Sociedade Internacional de Continencia (IC) considera nocturia o feito de se erguer polo menos dúas veces durante a noite para mexar. O paciente esperta porque ten ganas de baleirar a súa vexiga e, así que remata, volve durmir. É habitual que se erga de xeito voluntario para ir ao lavabo, polo que non se debe confundir cos escapes de ouriños característicos da enurese infantil nin da incontinencia.

Son moitas as persoas que pensan que é unha afección inevitable, propia do avellentamento, razón pola que non informan o seu médico. Non obstante, na práctica, unha de cada 5-6 persoas novas de ambos os dous sexos espertan para miccionar máis de dúas veces pola noite e algúns estudos ata comezan a sinalar que as mulleres novas son máis proclives a sufrir nocturia. De feito, hai situacións especiais, como o embarazo, que poden favorecela.

Na actualidade, tamén se analizan outros factores que poderían conducir á nocturia. Neste sentido, un estudo realizado no Centro Médico da Universidade de Loyola, de Illionis (EE.UU.), en máis de 2.000 mulleres, revelou que padecer nocturia na infancia pode ser un predictor de nocturia na etapa adulta. Outra investigación da Universidade de Tampere (Finlandia), recollida en “The Journal of Urology”, relacionou a obesidade cun incremento do risco de nocturia, mentres que aínda non está claro que certos hábitos nocivos, como o consumo de tabaco, alcohol ou café, a poidan favorecer.

As posibles causas

A nocturia pódese orixinar polas seguintes causas: ter a próstata ou a vexiga afectadas ou producir líquidos en exceso. O problema prostático que conduce a este molesto síntoma é unha lesión no tecido da próstata que obstrúe a saída de ouriños cara á vexiga e impide que se baleire por completo. Ao quedar un residuo de ouriños, téñense máis ganas de mexar durante a noite. En cambio, cando o problema se localiza na vexiga, a razón é que esta pode ser moi pequena (polo que hai que baleirala máis a miúdo) ou ser hiperactiva.

Non obstante, hai persoas que non teñen afección das vías urinarias pero que producen un exceso de ouriños durante a noite (poliuria nocturna), ben porque consumen moitos líquidos durante a cea ou pouco antes de se deitaren. Algunhas enfermidades como a diabete, a apnea do sono, a deficiencia de estróxenos, a esclerose múltiple, a insuficiencia renal ou a insuficiencia cardíaca (pola que toma fármacos diuréticos) tamén provocan ese efecto, tal e como subliña un estudo realizado no Hospital Universitario Erasmo, de Bruxelas (Bélxica), e publicado en “European Urology Supplements”.

O diagnóstico, agora máis fiable

A nocturia comezouse a estudar de modo específico dende hai pouco tempo grazas a unha nova proba diagnóstica, a fluxometría, que mide a cantidade de ouriños que se expele nun segundo, a forza do chorro, a súa duración e o fluxo intermitente. Para iso, o paciente debe ingresar unha noite no hospital. Durante ese tempo, o aparello de fluxometría permanece en funcionamento en todo momento. Así, cando a persoa sente ganas de baleirar a vexiga, só ten que premer un botón para que quede rexistrada a hora exacta da micción e mexar nun recipiente especial que permite coñecer a cantidade exacta de ouriños que verque. Trátase dun sistema de medición continua que rexistra todos os datos do paciente nun ordenador, deseñado para o Estudo Nocturia (Nocturia Study), unha iniciativa do equipo de Emilio Batista, do Centro Médico Teknon, de Barcelona.

Ata agora, para detectar a nocturia os pacientes empregaban un diario miccional. A vantaxe da fluxometría é que permite rexistrar os datos de maneira obxectiva. A cara negativa é que é unha proba novidosa, non está cuberta pola Seguridade Social e só se efectúa neste hospital da cidade condal.

O impacto da nocturia

O Estudo Nocturia diagnosticou este síntoma, mediante a fluxometría, en 40 pacientes voluntarios ata a data. O traballo iniciouse no 2007 e na actualidade xa revelou importantes conclusións:

  • Percepción errónea do problema: a fluxometría destapou que máis do 50% dos pacientes non atinan no número de veces que se erguen durante a noite. Sobreestiman as que acoden a mexar e din que espertan con este fin entre 1 e 1,5 veces máis das que en realidade o fan.
  • Deterioro da calidade de vida: a nocturia ten un forte impacto na calidade de vida no 15% dos pacientes. Agora, cun seguimento maior, o 30% dos pacientes confírmano, xa que din acusar un gran cansazo e atoparse faltos de enerxía para realizar actividade física.
  • Repercusión no sono: o 95% dos afectados érguense durante a primeira metade da noite para mexar. Demostrouse que as persoas que espertan durante a primeira parte da noite poden desenvolver trastornos do sono máis graves, como o insomnio, con consecuencias ao día seguinte, tales como adormecemento e fatiga diúrnos, mal humor e un menor rendemento.
  • Risco de caídas: a nocturia tamén comporta un maior risco de caídas e de fracturas en persoas de idade avanzada, ao se ergueren adormecidas, con pouca luz e probablemente, tras tomar algún fármaco que pode alterar os seus reflexos.
Consellos para lle facer fronte á nocturia
  1. Restrinxir o consumo de líquidos mediante a adopción de certos hábitos como beber pouco antes de deitarse e evitar petiscar despois da cea.
  2. Cear o máis cedo posible, sobre as sete ou as oito da tarde. A cea débese separar ao máximo da hora de irse durmir.
  3. Evitar cear alimentos como sopas, verduras ou froitas, que conteñen moita auga.
  4. No seu lugar, tomar outros alimentos máis sólidos, como unha tortilla ou pan.
  5. Se se inxeriron alimentos moi ricos en líquidos ou se se bebeu moito, atrasar media hora ou unha hora o momento de ir para a cama.
  6. Evitar beber cada vez que se erga para mexar.
  7. Ir durmir co organismo o máis baleiro posible.

Fonte: Emilio Batista, coordinador da Unidade de Urodinamia do Centro Médico Teknon, de Barcelona, e presidente da Asociación Continencia