Maltrato infantil

Na infancia, non todo é felicidade

Por defecto e instantaneamente, o noso inconsciente localiza o maltrato ós nenos en ambientes sociais marxinais. Asocia este problema con familias moi distintas do fogar medio, insertas neses minoritarios medios humanos que padecen os efectos dunha suma pobreza, unha nula instrucción académica ou as toxicomanías
1 Abril de 2001
Img interiormente listado

Na infancia, non todo é felicidade

O imaxinario colectivo non actúa inocentemente nin por azar. Neste caso, hai cando menos dous argumentos que explican por qué asignamos automaticamente estes malos tratos ós nenos con familias de ambiente marxinal ou especialmente difícil. En primeiro lugar, as noticias que difunden os medios de comunicación espallan exclusivamente as prácticas máis degradantes e lesivas para os nenos: maltratos físicos graves, torturas, asasinatos, desatención manifesta ás necesidades elementais dos cativos, ou o uso dos seus corpos ou imaxe con fins pornográficos… e case non lles prestan atención a outro tipo de maltratos menos rendibles desde unha perspectiva de comunicación, por seren menos rechamantes ou menos morbosos. E en segundo lugar, moitos pais que xamais cometerían un deses atropelos que indignan a calquera, reducen o maltrato infantil a un catálogo tan curto de prácticas que lles impide reflexionar sobre a posibilidade de que algún dos seus comportamentos cotiáns ou esporádicos cos seus fillos poida tratarse en realidade dun feito de malos tratos.

Está en tódo los lados

Este problema está máis espallado do que queremos pensar e, aínda que de maneira agachada, maniféstase mesmo no noso contorno social máis próximo. É un drama do que non se coñece a súa verdadeira dimensión, xa que non se dispón de datos numéricos e estatísticos. E é tamén unha vergonza social, un déficit de humanidade, sensibilidade e cultura cívica que doe asumir como o que é, unha enfermidade do sistema de convivencia que nos démo-los seres humanos.

Non é pecar de pesimismo pensar que o problema dos malos tratos ós nenos medra en intensidade e frecuencia: a nosa sociedade desenvólvese e medra nunha economía de mercado na que as estructuras que xeran benestar social non son eficaces abondo e téndese a masivas concentracións urbanas, co conseguinte desprazamento de familias enteiras que viven noutros medios a ambientes culturais estraños e desprovistos de medidas de protección e acollida. Ademais, as bolsas de pobreza e marxinación, cada vez maiores, constitúen un problema de moi difícil solución en moitos países economicamente desenvolvidos, entre eles o noso. E, desde o punto de vista psicolóxico, parece constatarse a tendencia a que a agresividade que xeran as frustracións que acumulamos ó longo do día se desafogue sistematicamente cos máis débiles, neste caso os nenos.

O perfil do maltratador non é necesariamente o dun diaño sen sensibilidade, un desequilibrado, un marxinado sen referencias sociais ou un pai ou nai que sufriu o problema na súa pel cando foi neno ou nena. Pode caer nestas prácticas calquera persoa que non metaboliza axeitadamente a angustia que causan os fracasos e humillacións no traballo, o rexeitamento dos amigos, a insatisfacción ante a súa vida persoal. Outros adultos zóupanlles ós nenos por simple ignorancia da repercusión que o seu comportamento lles pode ocasionar.

Qué é, en realidade, o maltrato

Un neno é maltratado ou sofre abusos cando a súa saúde física e a súa seguridade ou o seu benestar psicolóxico están en perigo polas accións inflixidas polos seus pais ou polas persoas que se encargan do seu coidado. Pode producirse maltrato tanto por acción coma por omisión e por neglixencia. Considérase que hai catro tipos de maltrato. Maltrato físico é calquera lesión causada ó neno como consecuencia de golpes, tiróns de pelo, patadas, picadas… propinados intencionadamente por parte dun adulto. Tamén están os danos causados por castigos pouco axeitados ou desmesurados. É difícil distinguir cándo remata a imposición da disciplina mediante castigos físicos “razoables” e cándo comeza o abuso. Quen emprega o castigo físico argumenta que o fai como último recurso, cando outras alternativas correctoras menos expeditivas (e que supoñen maior esforzo por parte dos pais), como as explicacións e outros castigos ou ameazas menores demostraron a súa ineficacia.

Non ten intención de lesionar, só pretende corrixir unha conducta pouco axeitada. Pero, coa excepción da “pequena azouta a tempo” (considerada por moitos pais como precisa, aínda que subsiste o debate social sobre isto), que é desculpable só cando o neno se amosa refractario a calquera outro xeito de corrección, o castigo físico é un atentado contra a dignidade e a autoestima do neno, e pode causarlle graves danos emocionais. Os nenos que sofren frecuentes ou graves castigos físicos tenden a reproduciren actitudes violentas, ben sexa para acadaren os seus fins ou mesmo sen motivación aparente. Os signos do maltrato físico son: queimaduras, fracturas ou hematomas, que aparecen bruscamente sen unha explicación convincente; o neno atemorizado ante a proximidade dos maiores; os pais que se refiren ó seu fillo despectivamente e a familia trata o neno con esaxerada disciplina física.

O segundo tipo de maltrato é o abandono ou neglixencia, descoidos importantes na esencial tarefa de cubri-las necesidades do neno, xa sexa en educación, saúde e seguridade ou benestar. Estamos ante un abandono físico cando se desatende a saúde do neno, é expulsado da casa ou é deixado repetidamente ó coidado de menores, e trátase de abandono educacional cando non se vela para que o fillo dispoña dunha educación e escolarización axeitadas ás súas necesidades. Os signos do abandono ou neglixencia: absentismo escolar, problemas visuais ou dentais que non reciben a atención que precisan, aspecto desleixado, nenos pequenos que quedan sos na casa, menores mal vestidos cando a capacidade económica dos pais non é crítica…

O maltrato emocional é unha das formas máis espalladas de maltrato infantil e quizais a máis tolerada socialmente. Son nenos insultados, menosprezados ou ridiculizados precisamente polos adultos que deberían fomenta-la súa autoestima e crecemento persoal. Esta violencia causa nos nenos perturbacións que influirán na súa saúde psíquica. As víctimas adoptan comportamentos extremos (chaman a atención ou se amosan moi pasivos) ou adoptan comportamentos adultos protexendo a outros nenos, ou semellan máis infantís do que por idade lles corresponde. En ocasións, rexistráronse intentos de suicidio nestes nenos.

O abuso sexual consiste nos contactos entre un adulto e un neno que lle proporcionan satisfacción sexual ó adulto sen que o neno poida dar un consentimento consciente. A maioría prodúcense no ámbito do fogar. O que abusa a miúdo é membro da familia ou unha persoa achegada. Os signos de abuso sexual dependen de moitos factores, como o momento da vida do neno no que acontecen, se houbo ou non forza e ameazas, e da personalidade do neno e do abusador. De tódolos xeitos, é habitual que o neno que sofre abusos sexuais se negue a facer exercicios físicos na escola, amose conductas ou coñecementos sexuais pouco acordes coa súa idade e que pretenda iniciar contactos sexuais con nenos menores ca el.

Un neno pode estar sufrindo malos tratos cando se dan estas circunstancias:
  • Cambios repentinos na súa conducta habitual.
  • Problemas físicos que non reciben atención dos seus pais.
  • Amósase ansioso e expectante como se algo malo fose pasar.
  • Absentismo escolar inxustificado.
  • A familia interésase pouco polo proceso escolar do fillo e non acode ó colexio cando se lle chama.
  • Os pais negan que o neno teña problemas e ó mesmo tempo desprézano pola súa conducta.
  • A familia esíxelle ó neno metas inalcanzables para a súa capacidade.
  • Os pais ou adultos ó seu cargo ridiculízano a miúdo.
  • Os nenos non ollan á cara á xente ou falan mal de case todo o mundo.

Os casos de maltrato infantil non saen á luz e non se denuncian porque non sabemos identifica-los signos que delatan que a un neno o maltratan, ou ben porque cando as evidencias existen preferimos evitar problemas ou tememos que facelas públicas poida volverse contra o propio neno. Ou tamén porque o presunto maltratador é unha persoa próxima ou coñecida. A “vista gorda” ante esta lacra social non carece de moi compresibles xustificacións, e é por iso que ten tanto predicamento.

É un problema de dimensión e interese comunitario: a sociedade no seu conxunto debe busca-las solucións, pero… cando un particular alimenta fundadas sospeitas de que un neno ou nena está sufrindo malos tratos debe actuar con responsabilidade ética e coa máxima prudencia. O primeiro é poñe-lo caso en mans dos Servicios Sociais, que determinarán cómo se aborda a situación desde o aspecto legal, psicolóxico, familiar, escolar e contando coa colaboración das institucións especializadas en atención a menores. Se as intervencións públicas tardan en actuar, non o fagamos nós directamente ante o neno nin ante a familia. Nin tampouco debemos converter estes feitos en obxecto de díxome-díxomes e morbo dos veciños.

A discreción e o bo tino son, neste caso, un deber moral e favorece a solución destas situacións. Pensemos tamén na imaxe e honorabilidade dos supostos maltratadores. Un exceso de celo pode ser prexudicial. Se os servicios sociais non atenden a nosa demanda, podemos insistir ante a institución correspondente (normalmente, o Servicio Social de Base do Concello). De persisti-la demora, témo-lo deber cívico de denuncia-lo feito ante as autoridades, especialmente cando a violencia que sofre o neno é manifesta e reiterada. Correspóndelles ós servicios públicos de atención á infancia aborda-las situacións de maltrato infantil, pero todos somos responsables de favorece-las condicións sociais para que os dereitos dos nenos sexan respectados.