Astronomía

Unha oportunidade para le-lo ceo

Trátase de adquirir unha habilidade semellante á lectura dunha partitura.
1 Xullo de 2003
Img miscelanea listado 245

Unha oportunidade para le-lo ceo

A astronomía é unha disciplina científica ó alcance de calquera curioso con paciencia, intuición e gana de descubri-lo ceo. Aprender a distingui-las estrelas, recoñece-los planetas e segui-las efemérides resulta relativamente sinxelo, e precisamente o verán é unha estación privilexiada para comezar. Se ben as noites son máis curtas, as condicións meteorolóxicas afastan as nubes e a humidade, e os días de vacacións permiten roubarlle horas ó sono cos ollos fixos no universo. Todo o que podemos observar está aí, pero hai que saber ónde e cándo se pode ver, pois o ceo é un lenzo que depende da perspectiva de quen o mira.

O primeiro: un planisferio celeste

Para poder ler e interpretar unha carta estelar non se precisan coñecementos astrofísicos nin un complexo equipo. Por menos de 5 euros hai no mercado esferas moi completas que sinalan a imaxe do firmamento en cada hora de tódalas noites do ano. Este planisferio está deseñado en función da latitude, é dicir, dos graos ós que se encontra o observador (España está a 41 graos), e guíase por horas solares (1 hora menos no inverno e dúas no verán). Seguindo o seu dictado, poderase comprobar cómo a simple vista se distinguen moitos dos astros que aparecen. Aprende-los nomes e as figuras é o seguinte paso. O interese será a clave para ir obtendo ós poucos a capacidade de ver arriba e para alfabetizarse coas representacións e as nomenclaturas. Trátase de adquirir unha habilidade semellante á lectura dunha partitura. Quen o logra asegura que produce un gran pracer e unha estraña sensación de pertenza ó cosmos.

Mellor uns prismáticos ca un telescopio

Galileo Galilei precisou tan só dun xogo de espellos que ofrecía unha visión aumentada por 10 para descubri-la natureza estelar da Vía Láctea, as manchas solares, o relevo da Lúa, as fases de Venus, os 4 satélites maiores de Xúpiter e o anel de Saturno. Desde entón a astronomía acadou un desenvolvemento extraordinario, o home chegou á Lúa e a tecnoloxía espacial é punteira na investigación humana. Non obstante, uns prismáticos de 7×50 (7 lentes de aumento, e 50 milímetros de diámetro) chegan abondo para iniciarse na observación. Un telescopio ofrece visión a maior distancia, pero o diámetro que abarca o seu lente é unha reducida parte do ceo, mentres que o ángulo da esfera celeste que abarcan os prismáticos é maior. Ademais, con eles o afeccionado realizará un investimento menor -por 150 euros pódense adquirir uns bos prismáticos- e deixará a complexidade dun telescopio para cando a afección se consolide.

Unir puntos

O obxectivo do observador afeccionado é localiza-las constelacións unindo mentalmente os puntos formados polos grupos de estrelas visualmente próximas entre si. A súa posición non varía apreciablemente e permite que sempre que se mire unha constelación se vexa igual, co que nos familiarizamos axiña coas súas formas. A maior desvantaxe para gozar do ceo nos nosos días é, sen dúbida, a contaminación lumínica, que obriga a afastarse do núcleo urbano para buscar un ceo onde distingui-las estrelas máis brillantes que diferencian as principais constelacións. Para orientármonos nun ceo tan grande cómpre guiarse polas figuras máis significativas e imaxina-las liñas e formas xeométricas que as unen. Ó primeiro custará descubrir algunhas constelacións que só veremos por momentos, pero a experiencia leva a saberse guiar na paisaxe nocturna.

Algunhas pistas

  • A Osa Mayor: a constelación máis famosa no hemisferio norte. Doada de identificar pola súa forma de carro. Serve de guía cara a outras constelacións.
  • A Estrela Polar: no hemisferio norte sempre está ó norte e non cambia de posición.
  • Casiopea ou o W: atópase en liña coa Polar e ó lado oposto da Osa Maior.
  • Vega de Lira: a noite do once ó doce de agosto, contra a media noite, sitúase no cénit (punto que temos xusto sobre as nosas cabezas) a estrela Vega, da constelación de Lira, a máis brillante que podemos ver no verán.
  • O triángulo do verán: Vega, Deneb e Altair representan os tres vértices dun triángulo chamado o triángulo do verán, por seren tres estrelas bastante salientables e características da época estival.
  • Arturo de Boyero: estrela doada de atopar tomando como referencia a cola da Osa Maior. É a xigante vermella máis próxima a nós, atópase a tan só trinta e cinco anos luz e distínguese axiña polo seu brillo.
As perseidas ou bágoas de San Lourenzo

Durante dous milenios a humanidade veu observando no ceo estival a chuvia de estrelas fugaces chamada Perseidas. Esta cita obrigada para os afeccionados á astronomía repítese tódolos anos arredor da festividade de San Lourenzo, entre o 10 e o 15 de agosto. Aínda que en principio non hai unha dirección privilexiada cara a onde dirixi-la observación, sempre se recomenda ollar cara ó Norte ou cara ó Leste lonxe dunha cidade. Veranse estrelas fugaces, é dicir, meteoros tan pequenos como partículas de po que se desintegran a uns 100 quilómetros de altura.