O perfume

Un accesorio do bo gusto

A calidade dun perfume determínase pola cantidade de esencia empregada na súa elaboración
1 Decembro de 2003
Img listado miscelanea

Un accesorio do bo gusto

A historia do perfume discorre parella á das civilizacións que o incluíron na súa vida cotiá. Atrás quedaron os tempos nos que as máis antigas culturas utilizaban nos seus ritos relixiosos plantas aromáticas e resinas, e os días nos que o París exquisito da corte do Rei Sol converteu o perfume no accesorio imprescindible do bo gusto. Pouco a pouco o seu carácter exclusivo foise democratizando conforme o facía a sociedade. Hoxe, na era do consumo, os perfumes moven cantidades astronómicas de cartos, constitúen unha industria punteira na investigación e desenvolvemento, ligada a grandes marcas, e arrastran nomes míticos do mundo da moda e da fama.

Como se elabora un perfume

Hoxe en día séguense empregando técnicas antigas como a maceración de flores en graxas animais purificadas e cocidas, que consegue unha mestura que se solidifica case inmediatamente, a partir da cal se elaboran as distintas esencias. Sen embargo, a elaboración dun perfume ó por maior precisa de adiantos científicos e técnicos que desenvolven fórmulas complexas e mecánicas en todo o proceso. Este abarca desde a elección de materias primas e as técnicas de destilado, pasando pola profesionalidade olfactiva dos perfumistas. A base da gran maioría dos perfumes son aceites esenciais extraídos desde as materias primas naturais mediante destilación. Con esta técnica trátanse flores, follas, raíces, madeiras… As substancias que levan o cheiro son arrastradas no vapor de auga e, ó teren a esencia e a auga distinta densidade, sepáranse facilmente. Outros aceites máis delicados, e cos que esta técnica non funciona, extráense a través de disolventes volátiles. A planta da que se vai extrae-lo aceite ponse en maceración, utilizando o disolvente apropiado (petróleo ou benzol), a esencia queda disolta e o disolvente elimínase por evaporación. Sexa cal sexa a fórmula, a maioría dos perfumes están finalmente disoltos en varias formas de alcohol e conteñen ingredientes para que a substancia sexa estable. A chegada ó mercado do perfume no seu envoltorio depende, pois, da súa elaboración, pero o que lle importará ó consumidor é a materia prima que provoca a nota predominante.

Tipos de perfume

A calidade dun perfume determínase pola cantidade de esencia empregada na fórmula da súa elaboración. Podemos falar de extracto cando a concentración de esencia alcanza o 40% en relación á cantidade de alcohol. Esta fórmula, a máis cara de todas, preséntase a xeito de crema. Pero, sen dúbida, as formas líquidas do perfume son as máis coñecidas e utilizadas.

Eau de Parfum. A máis alta concentración de fragrancia presentada en formato líquido. Normalmente contén ata un 20% de ingredientes activos, aceites esenciais ou fragrantes. A súa fragrancia perdura ata 7 horas.

Eau de Toilette. Presenta máis ou menos un 10% de aceites esenciais. O seu arrecendo no corpo mantense entre 3 e 5 horas.

Eau de Cologne. Inclúe aproximadamente un 5% de esencia. O seu aroma aguanta aproximadamente 3 horas no corpo.

Colonia. É unha forma moi lixeira de perfume, con só 2-3% de concentración. É a máis utilizada por quen gusta de se aplica-las fragrancias xenerosamente, pero non dura máis de dúas horas no corpo.

Recomendacións de uso
  • A luz e a calor poden altera-la fórmula dunha fragrancia. Non convén expo-los frascos ó sol nin colocalos preto dunha fonte de calor. Tampouco se deben gardar moito tempo. Unha boa opción para a súa conservación é mantelos no frigorífico.
  • O clima inflúe na evaporación do perfume. A calor facilita a súa evaporación, polo que hai que modera-la aplicación de perfume no verán. O efecto vasoconstrictor do frío, pola contra, provoca que as notas olfactivas se expandan máis a modo.
  • Un perfume cheira distinto en cada persoa, de aí a importancia de probalos antes de adquirilos. O aroma que unha esencia despide na pel dunha persoa depende da súa alimentación, tipo de pel e estilo de vida.
  • Un perfume débese probar no pulso e na dobrez do cóbado. Hai que agardar 15 minutos para que devolva o cheiro definitivo de cada pel.
  • Para perfumarse con efectos duradeiros, o mellor é facelo no pescozo, pulsos, caluga e sofraxes. Un truco moi utilizado é poñerse no escote un algodón empapado co perfume e esparexelo lixeiramente pola roupa cun atomizador.
  • Non hai que abusar dos perfumes en ningunha das súas presentacións: aínda que quen o leva non detecta a fragrancia, esta segue aí e os demais si a perciben. Máis cantidade non significa maior duración.
  • As peles secas precisan maior cantidade de fragrancia. Se a dieta é baixa en graxas, o perfume dura menos tempo. Nas persoas que fuman a duración dun perfume é inferior e, ademais, o seu aroma pode cambiar.
  • O aroma de xabóns, xeles, cremas ou locións perfumadas pode modifica-lo da fragrancia do perfume. É preferible adquirir estes productos da mesma liña do perfume ou, se non, sen aroma.