Cinto de seguridade

Salva vidas e evita lesións

Trátase da medida máis eficaz na seguridade pasiva dos viaxeiros
1 Abril de 2003

Salva vidas e evita lesións

O cinto, un dos mecanismos que máis axiña se incluíu de serie na fabricación de automóbiles -nada menos que en 1940-, é o elemento que maior seguridade pasiva lles proporciona ós usuarios en caso de accidente. Ata o momento non se desenvolveu ningún outro protector que substitúa a súa función, aínda que si se incluíron modificacións no deseño, incluíndo pretensores mecánicos ou pirotécnicos. Desde 1997 os fabricantes de vehículos están obrigados a descartaren os cintos convencionais e colocaren sistemas de activación ligados a un pretensor, o mecanismo que tensa o cinto para axustalo ó corpo. A industria sumou outros avances na seguridade da conducción, como son os freos ABS, os repousacabezas ou a instalación airbag, pero a súa efectividade real está condicionada polo uso correcto do cinto. Así, o airbag resulta perigoso se non se leva o cinto posto, xa que o rostro pode entrar en contacto prematuro coa bolsa de aire unhas milésimas de segundo antes de que se pregue, o que pode producir graves lesións.

O seu uso salva vidas

Cando se produce unha colisión, o corpo humano vese sometido a unhas forzas de inercia que tenden a impulsalo cara a diante. A misión do cinto de seguridade consiste en impedir que o pasaxeiro saia despedido fóra do vehículo e evitar no posible que bata contra o volante, cadro de mandos, parabrisas ou asento dianteiro. Segundo datos da Dirección Xeral de Tráfico, a maioría dos usuarios empregan o cinto de seguridade cando saen á estrada, pero descoidan o seu uso en vías urbanas e en traxectos curtos. A falta de uso amplíase nos pasaxeiros en asentos traseiros, unha medida obrigatoria e imprescindible non só para a súa seguridade: demostrouse vital para quen conduce ou copilota, posto que o peso do viaxeiro de atrás pode invalida-la súa protección.

Algúns datos

O 17% dos accidentados que non levaban cinto faleceron, fronte ó 2,3% de entre os que si o levaban, segundo datos do 2002. Esta cifra lévanos á conclusión de que hai 7 veces máis probabilidades de morrer no caso de accidente se non se leva o cinto. Na cidade, o uso do cinto marca a diferencia entre saír ileso ou ferido nun accidente. Os datos revelan que o 1,8% dos que o empregaban correctamente resultaron feridos graves, fronte ó 6,2% dos que non facían uso del. En xeral, sen contemplar en qué ámbito se produce o accidente, a mortalidade do conductor implicado en accidente sitúase no 2% utilizando o cinto, fronte ó 8% dos que non o empregaban nese momento.

O cinto no embarazo

Se o cinto de seguridade se mantén folgado sobre o corpo, anúlase a súa función. Hai que entender que está deseñado para protexer desde o primeiro intre nunha colisión e para que iso aconteza cómpre que manteña o contacto directo co corpo, sen quedar folgado e coa presión xerada polo seu mecanismo de recollida. A muller embarazada está exenta de usar cinto (ó igual ca os adultos cunha altura inferior ó metro e medio), aínda que debe viaxar cunha prescrición médica que o testemuñe. Sen embargo, recoméndase que empregue o cinto mentres o seu volume llo permita, axustando a cinta entre os seos e por baixo do abdome, de xeito que en ningún momento, no suposto dunha colisión, o feto se vexa oprimido.

Os cintos traseiros

O uso dos cintos nos viaxeiros do asento de atrás non só os protexe a eles. O risco de falecemento para o conductor e o copiloto aínda que usen o seu cinto de seguridade é ata cinco veces maior se os ocupantes de atrás non o levan. Un pasaxeiro duns 50 quilos de peso, que viaxa no asento traseiro dun vehículo a 50 quilómetros por hora pode producir unha forza de 3.000 quilos no seu desprazamento sobre o asento dianteiro.

O cinto e os nenos, un dispositivo especial

O Parlamento Europeo aprobou en marzo unha nova directiva que establece o uso obrigatorio de cintos de seguridade ou mecanismos de retención especiais para nenos. A súa adaptación na lexislación de cada país prohibirá ós menores de tres anos viaxar en vehículos sen este mecanismo de seguridade. O dispositivo de retención, destinado ós nenos de estatura inferior ó metro e medio, pode tratarse dunha cadeira de bebé, un coxín e outro adaptador suxeito ó cinto normal que ten como función coloca-lo neno á altura idónea para que o cinto faga a súa función. De igual xeito, prohíbese que os nenos vaian nunha cadeira orientada cara a atrás cando o asento conte con airbag, non sendo que estea desactivado. Esta nova medida súmase ás que xa están en vigor, que determinan a prohibición de levar nenos de menos de 12 anos nos asentos dianteiros.

O airbag e o cinto

O airbag tarda 58 milésimas de segundo en incharse desde que a cápsula recibe un impulso eléctrico que detona o dispositivo explosivo. Ás 85 milésimas o viaxeiro retorna á súa posición inicial, e 70 milésimas máis tarde, a bolsa desínchase. Durante ese curto espacio de tempo cumpre coa súa función de amortece-la caída cara a diante do corpo. Pero este mecanismo tórnase perigoso se non se leva o cinto, xa que está calculado para recibi-lo impacto do pasaxeiro despois de que os pretensores tensaran o cinto sobre o tórax, e se esta freada non se produce, a cabeza pódese abalanzar cara a diante sen tempo abondo para que a bolsa se encha, co que no mellor dos casos, a súa función será inútil, e en moitas ocasións producirá feridas.

Algunhas advertencias

Non usar nunca o cinto debaixo do brazo. Pode ocasionar unha lesión grave ó fígado e ó brazo, córrese altas probabilidades de sufrir unha lesión de cabeza e pescozo, e aplica demasiada forza ás costelas no momento dun choque.

Non deixar folgado o cinto. Se non está axustado, no momento dun choque o viaxeiro verase lanzado contra o volante e o cadro de mandos, e restaralle efectividade ó airbag.

Desenrola-lo cinto. Para que os pretensores actúen correctamente, é preciso que o tecido quede estirado.

Cómo empregar correctamente o cinto de seguridade
  • Unha vez sentados, co lombo recto e realizando coas pernas un ángulo non superior a 180 graos, axustar ben o cinto. Non afrouxalo para evita-la súa incomodidade, pois en caso dun choque, o primeiro que sufriremos será o impacto do cinto sobre o tórax e o abdome.
  • A parte superior do cinto debe pasar pola clavícula, entre o pescozo e o ombreiro; nunca polo pescozo, xa que nos podería causar lesións graves en caso de accidente.
  • Na súa parte inferior, o cinto debe abarcar perfectamente a zona da pelve e non situarse sobre o abdome, xa que de se producir unha colisión, poderiamos sufrir danos graves, incluso deslizarnos por baixo do cinto.
  • Debe estar cinguido ó corpo e vixiar que non estea enrolado en ningunha parte do seu percorrido.
  • En inverno é mellor subir un pouco a calefacción que vestir prendas moi grosas ou levar demasiada roupa, xa que a folgura existente entre o cinto e o corpo poderanos producir lesións en caso de accidente ou freada brusca.
  • Nunca se deben utilizar coxíns ou semellantes para sentarse, pois lle restan eficacia ó cinto.
  • Non reclinar en exceso o respaldo do asento: favorece a aparición do efecto submarino: o corpo do pasaxeiro escorrega por baixo do cinto, así como a producción de lesións graves no pescozo.