Do mar á mesa

O sabor do mar

Debido ó aumento do consumo do peixe, será preciso incrementa-las importacións e a crianza dalgunhas especies en piscifactorías
1 Xaneiro de 2003
Img miscelanea listado 197

O sabor do mar

Cada cidadán español inclúe na súa dieta 30 quilogramos de peixe ó ano, o que nos sitúa, detrás do Xapón e de Portugal, nos primeiros postos do consumo mundial deste producto e convértenos nun país eminentemente ictiófago. Os últimos datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación contabilizan máis de dous millóns de toneladas anuais de capturas. A gran maioría é provista pola flota autóctona, se ben a tendencia á alza do consumo de peixe indica que será preciso incrementa-las importacións -que hoxe representan un 30% do volume total- e que a crianza dalgunhas especies en piscifactorías -que xa abastecen as peixerías con robalizas, douradas, rodaballos e troitas- irá en aumento. Aínda que se conservan as tradicións, tamén no mundo da pesca se introduciron as novas tecnoloxías, que axudan nas rutas, o transporte e a conservación, e mesmo modificaron as tradicionais poxas. O que non variou é o longo percorrido do peixe ata que se converte nun delicioso prato na nosa mesa.

Á procura do peixe

Cando os barcos se aventuran á pesca de altura acoden cara a caladoiros de latitudes moi distantes para traballar alí polo menos durante tres meses. Levan áncoras en parella, de xeito que un se converterá na factoría, ó tempo que o seu par retornará a porto cada 10 días para descargar. Hoxe os relevos tamén alcanzan á tripulación, o que permite certa melloría na calidade de vida do home do mar que noutros tempos pasaba máis dun trimestre sen pisar terra. Os mariñeiros que se dedican á captura de baixura retornan a porto transcorridos curtos períodos en alta mar. Ámbalas modalidades condicionan o tipo de peixe que se captura e a súa cantidade, aínda que aténdonos só ó método, a pesca de anzol é a que consegue as pezas máis exquisitas, pois a peza non se maltrata, non perde escamas, nin presenta dentadas.

A poxa

Para un profano resulta practicamente imposible comprende-lo sistema de poxas no que as lonxas se ven inmersas desde as 6 da mañá. Debido á súa particularidade e privacidade, en determinados portos o acceso ás poxas está restrinxido ós vendedores, que se denominan así porque mercan o peixe para o venderen eles despois, ben sexa por xunto ou polo miúdo.

O armador -dono da embarcación- ou persoal do seu equipo dirixe a poxa das capturas. A calidade da pesca coñécese antes incluso de que chegue a porto e condiciona a súa distribución. Sabedor do prezo de mercado, marcado polas grandes prazas (Madrid e Barcelona), o poxador ofrece un valor de saída para o quilo de peixe. O prezo baixará ata que un vendedor acepte a poxa co berro de “¡meu!”, aínda que as grandes lonxas como A Coruña, Vigo, Pasaxes e Ondarroa contan xa cun sistema informatizado e nelas se poxa desde un asento persoal ó que corresponde un número, o que garante o anonimato. Nas poxas importantes o vendedor faise con toda a partida ou pode adxudicarse só as caixas que máis lle satisfán. Tamén pode ocorrer que o armador pare a poxa porque ninguén poxa polo prezo que considera mínimo e non lle compensa a venda. Neste caso retira a mercadoría ata o día seguinte. Hai que ter presente que o peixe pode chegar a manterse en condicións idóneas ata 10 días no porto. Polo xeral, as grandes cadeas de distribución e comerciantes por xunto adquiren barcos completos, co que se manteñen prezos.

Na peixería

A oferta está condicionada pola lei do mar, os tempos de captura e os gustos do consumidor, aínda que sempre hai referencias como o ollomol ou a pescada de anzol, e discusións sobre a maior calidade da anchoa de San Sebastián ou a de Castellón. Desde as peixerías máis modestas, ata as de grandes superficies comerciais vense obrigados a respectaren a frescura (un peixe non pode ofrecerse máis de catro días) e recorrer ó xeo para preserva-lo estado fráxil dos productos do mar.

Flota pesqueira en España

España, con 132.631 postos de traballo, segundo datos da Comisión Europea, é o país comunitario con máis empregos no sector pesqueiro. Tamén ocupa o primeiro lugar en canto ó valor dos desembarcos, con 1.601,7 millóns de euros, e o segundo en capturas: 1.198.900 toneladas, cifra superada tan só por Dinamarca. A flota española (11.579 buques) representa o 18% dos 99.170 barcos censados en toda a Comunidade Europea. Distribuído por comunidades, Galicia posúe a maior flota pesqueira do país (máis de 10.000 barcos), seguida de Andalucía (case 3.000); Cataluña e Canarias (arredor de 1.700, cada unha); a Comunidade Valenciana (máis de 1.000); o Principado de Asturias (628); o País Vasco (arredor de 593); a rexión de Murcia (450); Cantabria (300); e para rematar, Ceuta e Melilla (arredor de 100).

Peixes favoritos

O tipo de peixe máis habitual en cada costa é cada día menos determinante na elección do consumidor. As novas técnicas de distribución, o desenvolvemento das comunicacións e a importación ábrenlle a calquera mercado unha ampla oferta. Sen embargo, as receitas, costumes e os gustos aínda determinan a especie que se adquire. España ten e gusta dunha gran variedade de productos do mar. Á cabeza do consumo sitúanse as comunidades do norte, Andalucía e Castela e León. Malia ós moitos quilómetros de costa, cataláns, levantinos, murcianos e canarios e baleares representan un consumo baixo, lonxe incluso da zona manchega e Madrid. Á cola, Estremadura.

Peixe máis consumido:

  • Carioca: 7,6 kg/ano por persoa
  • Sardiñas: 4 kg/ano
  • Meiga: 3 kg/ano
  • Atún: 2,92 kg/ano
  • Bocartes ou anchoas: 2,2 kg/ano
  • Congro: 1,4 kg/ano
  • Consumo de peixe branco (pescada, dourada, meiga, linguado…): 18 kg/ano por persoa.
  • Consumo de peixe azul (sardiñas, atún, xurelo…): 12 kg/ano por persoa.