Bicicletas de montaña

O nivel do ciclista determina a elección da bicicleta

Conta a lenda que a comezos dos anos 70 un grupo de amigos nos Estados Unidos comezou a emprega-la bicicleta en camiños de terra
1 Abril de 2002

O nivel do ciclista determina a elección da bicicleta

Conta a lenda que a comezos dos anos 70 un grupo de amigos nos Estados Unidos comezou a emprega-la bicicleta en camiños de terra. A idea exportouse a Europa, onde se adoptou coas bicicletas de ciclo cross, cambiando as lamias delgadas por outras máis anchas e aumentando o seu peso, co propósito de ter máis control sobre as máquinas e lograr que fosen máis veloces na montaña. Nestes modelos caseiros atópase a orixe dun novo concepto de bicicleta que se denominou mountain bike ou bicicleta de montaña. Do seu éxito xa non hai dúbida: o 60% das bicicletas vendidas en todo o mundo desde 1985 son de monte, aínda que tan só a metade chega a rodar por camiños ou corredoiras de terra. As mountain bike tampouco quedaron á marxe dos avances tecnolóxicos, que se centraron en investigar materiais lixeiros e potentes para fabricar estas bicicletas. De feito, os cadros de aluminio resultaron decisivos para potencia-la súa popularidade e converte-la mountain bike na raíña do mercado.

Cómo elixir bicicleta

A mountain bike debe ser sobre todo cómoda e cun cadro acorde coa altura da persoa que andará riba dela. O mercado ofrece dúas posibilidades: optar por unha máquina de serie ou encargala á medida. A gama máis baixa das bicicletas de serie, sempre de aceiro, anda arredor dos 155 euros; se é de aluminio non baixa dos 250 euros. Pero imponse a tendencia de encargar á medida bicicletas: pártese de 350 euros, e elíxense en catálogo o cadro e outros elementos. As tendas especializadas ofrecen tamén a posibilidade de realizar híbridos: tomando como base unha bicicleta de serie, cámbianse as pezas ou elementos ó gusto do consumidor. Sexa cal sexa a opción elixida, convén contar cun servicio de posvenda ou polo menos apalabralo, xa que ós 30 días de uso da bicicleta é preciso un axuste de pezas.

Postura correcta


  • Altura do asento:
    debe permitir que, sentado nel, o pé estirado alcance o pedal cando está preto do chan.
  • Asento: cómpre nivelalo para que a súa posición sexa perpendicular ó eixe de centro (onde se conectan os brazos dos pedais ó cadro) e que o fío ou parte delgada do asento quede adiante abondo para que o cóccix non se resinta.

  • Guiador:
    a posición correcta é a que permite empuña-lo guiador quedando os brazos lixeiramente flexionados e a cabeza en posición de observa-lo chan sen forza-los ollos nun ángulo de 45 graos.

  • Freos:
    para frear doadamente, a súa posición debe ser cómoda. Se están mal colocados, os pulsos estarán forzados, ou contraídos ou estirados.

  • Tamaño do cadro:
    a causa máis común dunha mala postura na bicicleta é o tamaño pouco adecuado do cadro. Para saber se o cadro ten a medida axeitada á estatura, cómpre colocarse enriba do cadro da bici, xusto diante do asento. Unha vez aí, débese coloca-la man entre a entreperna e o cadro, e debe quedar unha man de distancia entre eles. Se hai menos distancia, o cadro é moi grande e hai moitas posibilidades de caídas; se hai demasiada distancia, o cadro é pequeno e non se consegue a postura correcta.

Ó saír na mountain bike, non esqueza…

  • Casco: xa é obrigatorio circular con el.
  • Mochila equipada: imprescindible que inclúa cantimplora. Convén levar na mochila comida rica en calorías, sales e hidratos de carbono e algún rompeventos ou cazadora.
  • Culots, grella e alforxas: os culots están especialmente deseñados para protexe-las partes máis sensibles e evitar rozaduras ou outras incomodidades (60 euros). Se as saídas son habituais ou se van prolongar durante varios días, non se deben esquece-las grellas (33 euros) ou alforxas (99 euros), que lle permitirán ó ciclista descargar peso nelas.
  • Ferramentas e cámara de reposto: aínda que cada vez máis modelos de bicicleta inclúen unha bolsiña de ferramentas embaixo do asento, cómpre saber cáles son básicas. Entre as ferramentas non deberán faltar nunca chaves, dados, desarmador de cruz, plano, espátulas para remover lamias, un cortacadea e un axustador de raios. Ademais, sempre se debe incluír unha cámara de reposto, nova ou usada pero en bo estado e, por suposto, parches.
  • Bomba: hai bombas de aire de diferentes tamaños e cores. Aínda que hai cartuchos de CO2, máis rápidos para inflar rodas, non está de máis lembrar que son antiecolóxicos e, á longa, máis caros.
  • Botica de primeiros auxilios: con tiras adhesivas, alcohol, vendas ou gasas, analxésicos, crema solar e cacao para os beizos.
  • Lanterna: unha lanterna corrente non supera os 10 euros.
  • Teléfono móbil: vaiamos sós ou acompañados -mellor en compaña- sempre é recomendable leva-lo teléfono móbil.

Cómo lava-la bici

  • Que as rodas se movan: antes de comezar a limpa-la bici cómpre colocala nun lugar no que as rodas se poidan xirar, para poder lavalas concienciudamente.
  • Sen moita forza: o primeiro paso de limpeza é molla-la bici cunha mangueira desde uns 50 centímetros de distancia, sen excesiva presión xa que se corre o risco de estraga-los adhesivos e mesmo a pintura.
  • Coidado coas zonas delicadas: non se debe apuntar directamente a partes da bici como a unión do asento ó cadro, o eixe do centro ou as pancas de cambio e freo.
  • Dous cepillos: un cepillo de serdas longas e suaves e remollado en xabón con abundante escuma serve para o cadro, a tesoira, a suspensión, etc. Hai que ser coidadoso coas zonas das lamias, xa que zarrapican terra e lama, e coas fibelas dos freos. Como os freos son unha área difícil, soltándoos o cepillo entrará mellor de xeito que se poderá limpar todo o sistema incluíndo gomas. Cun cepillo de serdas curtas e duras rematarase a limpeza das zonas máis delicadas. Facendo xira-los pedais elimínase o exceso de terra e aceite que a cadea deixa ó seu paso ó rodar. Algo moi importante que cómpre non esquecer é revisar que as poleas do cadro traseiro non teñan lixo.
  • Secar e lubricar: un pano limpo serve para seca-la bici e retocar puntos ou partes que o cepillo non puidera eliminar. Asegúrese de secar e lubricar tódolos cables, tanto de freo coma de cambios. Pódense lubricar cambiando as velocidades da máis grande á máis pequena e despois no sentido contrario, deste xeito os cables entran e saen. Para lubrica-la cadea o mellor é colocar unha pinga en cada elo e xira-los pedais ata que se aceite toda a cadea.
Elementos dunha bicicleta

Cadro

É o chasis sobre o que está montada a bici, determina o resto da máquina: peso, altura e resistencia.

  • Ferro: practicamente fóra de mercado, os cadros de ferro resultan sumamente pesados. Só se utilizan en bicicletas moi económicas.
  • Aceiro hitten: en bicicletas económicas.
  • Cromo molibdeno (Cro-Moly): combina resistencia cun baixo peso. Algunhas bicis só o traen na fibela e no cano vertical (o do asento), polo que resulta importante comprobar mediante a etiqueta ou no catálogo que o cadro sexa 100% ou Full Cro-moly.
  • Aluminio: aínda que é o máis caro polo seu baixo peso, a lixeireza deste material é tal que os máis novatos poden requirir outro máis pesado e manexable.

Dato importante: os cadros de marca garántense de por vida contra defectos de fabricación.

Grupo

Conxunto de pezas que permite frear, cambiar de velocidade ou rodar. Composto por: descarrilador traseiro para os piñóns, descarrilador dianteiro para os pratos, pancas accionadoras do cambio, xogo de piñóns, xogo de pancas e pratos, conxunto de freos (zapatas, mangos, etc.) e mazas, e rodamentos.

Pódense cualificar en 4 liñas (cantas máis velocidades, maiores prestacións:

  • Liña económica (18 velocidades)
  • Liña intermedia (21 velocidades)
  • Liña alta (24 velocidades)
  • Liña de competición (27 velocidades)

Cómpre cerciorármonos de que tódalas partes do grupo sexan do mesmo modelo e fabricante, xa que hai bicicletas con grupos “mesturados” nas que o máis visible corresponde a un modelo superior mentres que o resto das pezas son de liña económica.

Outras pezas

Asento: os modelos anchos e con interior de “xel” resultan máis cómodos cós asentos finitos (máis duros e ideais para competición).
Guiador: a súa posición pode cambiarse para ir máis ergueito. Unha boa opción é o tipo palomita. Os puños de esponxa son máis cómodos.
Freos: preferiblemente de aluminio.
Peches rápidos: en ámbalas rodas e no tubo do asento.
O tubo do asento: debe ser extenso abondo como para poder subi-lo asento ata a altura precisa para o ciclista.
Cubertas: as máis lisas e finas son para usar sobre asfalto. Para a lama e adherencia nas subidas é importante un bo debuxo.
Lamias: deben ser de aluminio.