Masaxes non-terapéuticas

Non sandan, pero relaxan e alivian

Unha masaxe é un xeito de tranquilizarse, recuperar forzas e deixarse mimar
1 Febreiro de 2003
Img miscelanea listado 209

Non sandan, pero relaxan e alivian

Cando unha parte do corpo nos doe ou molesta, acariciámola. Masaxeámo-lo músculo e os tecidos brandos en busca de alivio. Non resulta estraño, xa que logo, que os beneficios da masaxe e a súa capacidade para mellora-la saúde estean recollidos en escritos milenarios, presentes en múltiples culturas que desenvolveron as súas propias técnicas. Os hindús convertérona en obxecto de estudio, os exipcios confiaban nela para alivia-lo cansazo de corpo e mente, e incluso os gregos socráticos eloxiaron as súas virtudes. Pero se ben a cultura oriental integra a masaxe como unha acción de cura e en ocasións mesmo mística, Occidente tarda en admiti-la súa práctica de xeito regrado e natural. Faino ligado ó deporte, entendéndoo como unha fórmula para combate-la rixidez, as contraccións ou as dores reumáticas, e incluso para favorece-la consolidación de fracturas. Sen embargo, as bondades dunha masaxe non se limitan a estas propiedades fisiolóxicas. Tamén alivian o malestar psíquico e combaten a tensión, relaxan corpo e mente, e se se reciben con confianza e entrega, ofrecen a oportunidade de desconectar por un intre.

¿Masaxe terapéutica ou relaxante?

A masaxe terapéutica e a relaxante parten de obxectivos moi distintos. A primeira pretende curar ou cando menos calmar certas doenzas, mentres que a segunda persegue unicamente relaxar a quen o recibe ou aliviarlle, por exemplo, a zona das cervicais logo dunha dura xeira. O curativo aplícao o profesional, que coñece o corpo dos seus pacientes e sabe cál é o problema que hai que tratar e cómo se debe masaxea-la zona lesionada ou danada. Ben a través da osteopatía (estiramentos óseos), a quiropraxia (manipulación de puntos concretos nas vértebras) ou a reflexoterapia (presións sobre as terminacións nerviosas de mans e pés), deben ser só os profesionais quen así manipulen o corpo. Pero non cómpre agardar a que apareza unha lesión para acudir a eles. Se se estima que unha dor ou unha molestia persistente é síntoma de que algo vai mal, é que chegou o momento de se poñer en mans dun especialista.

Unha masaxe, non obstante, non é só parte dun tratamento. Pode estar encamiñada á relaxación e confiarse a mans non expertas, aínda que nese caso tan só se masaxearán as zonas do corpo que non presenten lesións.

Atención ó pescozo

Sen dúbida, o máis habitual é solicitar unha masaxe no pescozo e isto non é casual. As preocupacións e os medos, en definitiva, a intranquilidade, concéntranse na caluga. A mala educación postural, hábitos como suxeita-lo teléfono co queixo ou se sentar coas pernas cruzadas, cargan ó longo do día. Pero non só iso. O desequilibrio emocional tamén se sitúa entre a cabeza e as costas. Por iso, unha lixeira masaxe desde a caluga ata os ombreiros ten a facultade de alivia-las molestias e combate-la tensión. Ó fin e ó cabo, deixamos aquilo que nos pesa en mans amigas, algo ó que non estamos afeitos noutros ámbitos ou momentos do día. A terapia da masaxe pódeselle aplicar a toda persoa e influír positivamente nela.

Beneficios dunha masaxe relaxante

  • Sobre os músculos: Recuperan a elasticidade e disípanse os signos de tensión.
  • Sobre o sistema nervioso: Proporciona unha sensación relaxante.
  • Sobre a circulación: Activa o proceso circulatorio, ó aumenta-lo envío de osíxeno ós tecidos.
  • Sobre a pel: O peeling ou a fricción da epiderme axuda a libera-los desfeitos e a elimina-las células mortas.
Como dar unha masaxe relaxante

Unha masaxe pódese entender como un método de evasión que se pode dar e recibir na casa, atendendo a unhas sinxelas pautas. Iso si, lembrando sempre que se trata de aliviar -que non de sandar- molestias leves, ou simplemente vendo nel un xeito de tranquilizarse, recuperar forzas e deixarse mimar.

  • O tacto é moi importante ó transmitirlle certas sensacións á persoa que recibe unha masaxe. As mans transmiten seguridade, sensibilidade e flexibilidade. Se non son fortes, pódese axudar co peso do corpo para aumenta-la presión, pero sempre deben estar seguras e convencidas.
  • Como non disporá de padiola, ten que buscar unha superficie firme e cómoda. O chan non o é, pero si a cama ou un simple colchón. O lombo debe quedar en horizontal e sobre todo, a persoa que recibirá a masaxe cómpre que estea cómoda. As embarazadas, sempre de costado.
  • Elixir unha habitación tranquila, lonxe da cociña ou de despensas que emitan cheiros, evitando correntes de aire.
  • Crear un ambiente cálido, que axude á relaxación. A musicoterapia cada vez conta con máis adeptos, pero unha conversa agradable pode ser igual de tranquilizante. Cómpre evita-la luz directa e demasiado intensa, xa que obrigaría á persoa a contrae-las pálpebras.
  • Pódense usar aceites balsámicos, suaves e neutros, ou simplemente cremas hidratantes. A súa función é nutri-la pel e axuda-las mans inexpertas a se deslizaren suavemente.
  • Manter un ritmo constante, facendo que cada movemento siga con naturalidade o anterior. Se se masaxean as pernas, comezar desde os pés ata chegar á ingua. Trátase de ir gañando centímetros ós poucos, movendo as mans de maneira horizontal, achegándonos ó corazón para favorece-lo retorno venoso e a drenaxe linfática. Se se masaxean as cervicais, facelo en círculo, evitando premer calquera nó que se atope.
  • Non esquece-las mans e os pés. Nas nosas extremidades atópanse terminacións nerviosas, e sobre elas pódese actuar dunha maneira moi suave e sen riscos.
  • Non deixar nunca de estar en contacto con quen recibe a masaxe. Esta é unha máxima respectada sempre polo especialista, sexa cal sexa a técnica que desenvolva, e é que a temperatura e a enerxía non se deben ver alteradas.
  • Unha vez recibida a masaxe, convén abrigarse para garda-la calor da pel.
  • Recoméndase non comer polo menos dúas horas antes da masaxe para evitar que o sangue estea aínda axudando a face-la dixestión. Tampouco beber auga previamente, por non interrompe-la sesión para ir ó servicio.
  • O obxecto é logra-lo efecto sedante. Con media hora de sesión é abondo.
  • Unha precaución que hai que ter moi presente: nunca recibir unha masaxe con febre. A masaxe sobe a temperatura corporal. Se se ten a tensión baixa, hai que ser conscientes de que se sente menos dor e pode que, ó manipular moito unha zona, esta se resinta.