Unha terra de boa calidade alonga a vida das plantas

Macetas, terra, fertilizante...

1 Abril de 2001
Img miscelanea 2 listado

O cambio climático da primavera converte esta época nun dos períodos do ano no que flores e plantas requiren máis dedicación. Tralo rigor do inverno, é o momento de prestarlle máis atención ás florees e plantas que adornan casas, balcóns, patios e terrazas, ben sexa cambiándoas de maceta ou renovando
a súa terra.

Macetas, terra, fertilizante...

E é que a miúdo o afeccionado que cultiva flores e plantas no seu fogar esquece que unha das claves para alonga-la súa vida é a terra que as sustenta. Se ben as plantas poden aclimatarse a temperaturas de interior e ó pequeno espacio dunha maceta, o seu crecemento e floración serán xeralmente inferiores ós acadados en terra libre. Pero prestándolle atención á terra e proporcionándolles un fertilizante adaptado ás súas necesidade nutritivas, lograremos exemplares vistosos e alongarémo-la súa vida.

O primeiro, elixi-la maceta

Antes de cambia-la terra e o fertilizante, cómpre comproba-lo estado do testo. Se está cheo de raíces, chegou o momento de traslada-la planta a unha maceta máis grande e enchela con terra das mesmas características cá do testo anterior, sempre que esta fose a axeitada para esa planta. Se non fose así, é o momento de corrixi-lo erro e enche-lo testo coa terra conveniente.

Como norma xeral, se dubidamos entre unha maceta grande e outra máis pequena, convén optar pola de menor tamaño, sempre que as raíces da planta caiban de maneira folgada. Procederase ó transplante cando as raíces formaran o cepellón ou a masa de terra que as protexe. Para moitos usuarios, resulta máis difícil conserva-la terra sa nas macetas grandes debido a que a tendencia que temos de regar en exceso as plantas que están en macetas grandes. O exceso de humidade facilita o desenvolvemento de organismos prexudiciais para a planta. Se a maceta elixida se usou xa previamente, convén limpala e desinfectala antes do seu novo uso.

Despois de selecciona-la maceta, hai que preparala para que acolla a planta. No orificio interior do testo colócase unha pedra ou un anaco doutra maceta coa concavidade cara a abaixo, de xeito que o desaugue quede asegurado e así a terra non obstruirá o paso. Se a maceta se apoia directamente no chan (cousa que non é conveniente), podemos facerlle un orificio lateral para a expulsión da auga. Ademais, débese enche-la parte inferior da maceta (unha quinta parte) con area grosa ou grava miúda demais para evita-lo estancamento da auga.

Fertilizar, no momento de prepara-lo substrato

A fertilización de fondo, básica en todo cultivo, é a efectuada no momento de prepara-lo substrato ou mestura de terra. Os fertilizantes complexos que ofrece o mercado son axeitados para esta clase de fertilización. Para que poidamos acadar unha distribución uniforme na preparación os fertilizantes deben ser sólidos, de gran fino ou en po. Esta fertilización efectúase empregando sales simples de nitróxeno, fósforo e potasio, amais de microelementos. Se optamos polos sales minerais, lembrémo-las porcentaxes axeitadas: segundo a sensibilidade da planta, entre 1,5 e 2 gramos por decímetro cúbico de terra. As plantas de follaxe verde son esixentes en materia de nitróxeno; pola contra, as de flor requiren fósforo e potasio, sobre todo durante os meses fríos e cando está próximo o período da súa floración. Os regos fertilizantes deben suprimirse durante o repouso invernal ou vexetativo. A fertilización non debe esquece-las follas: deixarase cae-lo fertilizante sobre elas, pois tamén por este conducto as plantas asimilan nutrientes.

  • Turbas.Materiais orgánicos que resultan da descomposición doutras plantas en medio húmido. A súa calidade defínese segundo a cantidade de sales carbonizados que conteñen. En xeral, son moi absorbentes e drenan ben. A súa acidez é elevada (pH baixo) ou neutra.
  • Casca de piñeiro. Se non inclúe tanino (substancia astrinxente que conteñen as árbores), resulta apta para o cultivo dalgunhas plantas, como as orquídeas, e substitúe con vantaxe a outros elementos artificiais.
  • Breixo. Trátase de restos vexetais descompostos sobre a terra, procedentes, en xeral, de breixos, castiñeiros ou doutras plantas. Constitúen a terra ideal para numerosas plantas.
  • Perliña. Pedra volcánica, triturada, calcinada e expandida. Destaca polo seu escaso peso. É moi permeable e mantén constantes a humidade e a temperatura.
  • Picón. Terra de orixe volcánica, de maior densidade cá perliña. Recoméndase para os cactos.
  • Plástico expandido. De pouco peso e moito volume, favorece a drenaxe e substitúe, unicamente polo seu baixo prezo, ós anteriores compoñentes.
  • Gravas miúdas ou bólas de arxila. Cocidas e expandidas son outros elementos inertes válidos para estes fins.
  • Macetas: hainas de tantas clases…
  • As macetas fabrícanse de moi diversos materiais, que convén coñecer.
  • De barro. Son fráxiles, pero pola súa porosidade evitan o asolagamento e conservan a frescura. Absorben a auga e cando esta se evapora pola acción solar refrescan o testo, pero nese proceso tamén perden sales minerais, o alimento da planta, o que pode provocar posibles xermes de enfermidades.
  • De plástico. Non transpiran nin absorben sales, pero quecen por efecto do sol. Transmítenlle esa calor á terra e poden estraga-la planta.
  • De madeira. A súa vida é curta: se non se impermeabilizan, podrecen e as breas poden prexudica-la planta.
  • De cinc ou doutros metais. Impermeables e resistentes, resultan aptas para as plantas de interior que colocar sobre un moble, pero deben dispor dunha boa drenaxe e cómpre vixiar que o metal non se oxide ou desprenda sales prexudiciais.
  • Como instalación definitiva, as xardineiras son moito máis aconsellables cás macetas, pois teñen maior capacidade de terra, poloque a temperatura e a humidade do solo oscilan menos.
A mestura da terra

Aínda que a mestura de terra debe adaptarse a cada tipo de planta e ás súas necesidades nutritivas, un preparado que conteña humus (terra de follas), terra negra de xardín, esterco descomposto, calcaria e area de río será válido para a maioría das especies. As proporcións da mestura varían dependendo das necesidades da planta, pero o humus e a terra negra de xardín deben constituír máis da metade do total, sen excede-las tres cuartas partes. A cantidade de humus aumentará a medida que o fagan as esixencias nutritivas da planta, e o resto da mestura completarase cunha cuarta parte de area e unha décima parte de esterco. Se non témo-la certeza de que a terra empregada estea sa, pódeselle engadir á mestura carbón vexetal en po, que diminúe as posibilidades de infección. A adición dun pouco de turba (material orgánico de orixe vexetal, que drena moi ben) mellora a porosidade de calquera tipo de terra.

A plantación

Preparada a mestura, introducirémo-la planta no seu testo. Para iso, cávase un burato na terra cunha ferramenta denominada plantadora. Se se introduce unha planta con cepellón de raíces, non se debe verter na maceta toda a terra previamente, senón só ata alcanza-lo nivel suficiente para que caiban as raíces. Unha vez colocada a planta, cóbrese o recipiente ata o nivel antes indicado. Para que a terra arrodee de modo compacto as raíces e entre en contacto con elas, é abondo con petar lixeiramente coa maceta no chan. Trala plantación, o testo ou xardineira debe manterse fóra do alcance dos raios solares ata que o aspecto das follas indique que a planta xa prendeu.