Viaxar seguro

Destinos exóticos: cómpre vacinarse

A situación sanitaria do momento, as enfermidades endémicas da zona, as características da viaxe e a súa duración determinan as vacinas precisas para visitar un país
1 Maio de 2003
Img miscelanea listado 227

Destinos exóticos: cómpre vacinarse

/imgs/20030501/miscelanea.01.jpg
No ano 2000 en España vacináronse 300.000 persoas contra enfermidades contaxiosas de países de África, Asia e América do Sur, principais zonas con posibilidade de infección de patoloxías como febre amarela, cólera ou paludismo, por citarmos algunhas. Aínda que anciáns, embarazadas, inmunodeprimidos, nenos e persoas con enfermidades crónicas constitúen os principais grupos de risco, o retrato do viaxeiro que máis a miúdo contrae algunha enfermidade das devanditas é o dun mozo, menor de 30 anos, con escasa experiencia en viaxes, que acampa ó aire libre, come en postos ambulantes e pasa máis dun mes percorrendo zonas rurais, preferentemente en época de chuvias. Non obstante, calquera viaxeiro corre o risco de infectarse, polo que a vacinación non só é conveniente, senón obrigatoria para entrar nalgúns países.

Certificados de vacinación personalizados

Dispor dun certificado de vacinación é algo fundamental para viaxar a algúns destinos e incluso a presentación deste documento é obrigatoria para obte-lo visado de entrada en numerosos países africanos e asiáticos. Se carece deste certificado, o visitante pode ver cómo lle prohiben acceder ó seu destino ou terá que someterse, como medida preventiva, a un período de illamento que pode alcanza-los 10 días.

Os Centros de Vacinación Internacional que se atopan en tódalas capitais de provincia, son os únicos autorizados polo Ministerio de Sanidade e recoñecidos pola Organización Mundial da Saúde para programar e defini-la vacinación necesaria para viaxar a cada país, e xa que logo, para emiti-la tarxeta de vacinación. A selección das vacinas para unha viaxe determinada dependerá da situación sanitaria concreta do lugar que se vai visitar, das enfermidades endémicas que o afecten, das características da viaxe (non se corre o mesmo risco nunha viaxe de aventura ca nunha organizada, nin nun periplo por unha rexión rural ca por unha zona urbana) e da súa duración. Nos centros habilítase unha ficha para cada viaxeiro e determínanse ‘á carta’ as vacinas que precisa. Só así se evita a administración indiscriminada de medicamentos (que non carecen de efectos secundarios e custan cartos) ou a protección insuficiente.

Programar con antelación

/imgs/20030501/miscelanea.02.jpg
As viaxes con destinos con alto risco, non só de contaxio da enfermidade senón de transmisión ó regreso, débense preparar con tempo. É recomendable comeza-las xestións sanitarias polo menos 4 ou 6 semanas antes de partir, pois hai vacinas que, amais dunha primeira inxección, precisan dun reforzo posterior. Algunhas requiren varios días para inicia-los seus efectos, outras non se poden aplicar simultaneamente e unhas cantas están contraindicadas para mulleres embarazadas. Ademais, non se trata de cumprimentar unha cartilla estándar: valóranse tódalas circunstancias que arrodean a viaxe no momento concreto en que se vai realizar. Tamén é aconsellable ter ó día o certificado de vacinación e someterse a un ciclo primario de vacinación (a triple vírica: sarampelo, rubéola e parotidite, aínda que polo xeral tódolos cidadáns deste país foron vacinados para esas tres enfermidades). Calquera que sexa a rexión que se vaia visitar, os médicos recomendan as vacinas contra a hepatite A e B, a difteria e a febre tifoidea, amais das pertinentes -dependendo da alerta sanitaria activa no momento- para o destino e o período en que se vai permanecer nel.

Vacinas

Febre amarela: ten unha validez de 10 anos. Hai que poñela como mínimo 10 días antes de emprende-la viaxe. Non require unha segunda dose. Custa 50 euros. Cólera: a vacina só ofrece un 50% de protección, polo que as medidas hixiénicas son fundamentais. Inxéctase unhas semanas antes de emprende-la viaxe e non require unha segunda dose. Custa 20 euros.

Paludismo ou malaria: non hai unha vacina eficaz contra esta enfermidade, polo que se recomenda evita-la picadura do mosquito transmisor. Pero, ademais, cómpre tomar unha pastilla de quimioprofilaxe a semana anterior á saída, tódalas semanas que dura a viaxe e ata catro semanas despois do seu remate. Ademais, é recomendable non beber tónica, xa que esta contén quinina, principio activo dalgúns medicamentos que combaten esta enfermidade (sobre todo os síntomas iniciais, que aparecen no país visitado) e a súa inxestión anularía os efectos do tratamento.

Tétanos: vacina preventiva de grande importancia, con validez de 10 anos. Convén lembrar cándo foi a última vez que o paciente foi vacinado, pois se non se respectan os períodos de validez pódese padecer unha reacción alérxica. Custa 2 euros.

Febre tifoidea: vacina oral, que fai efecto ás tres semanas e que protexe por tres anos. Recomendada para viaxeiros de longa estancia ou que visitan rutas turísticas non habituais. Custa 15 euros.

Hepatite A e B: vacina preventiva de grande importancia. Débese recibir polo menos dúas semanas antes de partir e poñer un reforzo ós seis meses. Recoméndase para percorridos de aventura e para menores de 30 anos. Custa arredor de 100 euros.

Meninxite: inxéctase un mes antes de partir e os seus efectos duran tres anos. Esta vacina adáptase ó tipo de meninxite que afecte a zona que se vai visitar.

Poliomielite: validez permanente. Custa 15 euros.

Encefalite xaponesa: esta vacina recoméndase só para persoas que viaxen a áreas rurais asiáticas durante catro semanas ou máis, ou a quen visite zonas con brotes coñecidos da enfermidade. Trátase dun tratamento pouco frecuente que normalmente se solicita ó centro internacional de vacinas, polo que convén acudir con máis dun mes de anticipación.

Non todo son vacinas

A vacinación é a medida máis radical recomendada para viaxar a destinos con alto risco, pero hai que ter moi presente que non inmunizan, tan só preveñen, polo que igual de importante é extrema-las medidas de hixiene, tanto persoais coma alimentarias.

  • Elixir roupa e calzado axeitados. Se o destino é caloroso, é mellor escoller fibras naturais (algodón, liño, etc.), lixeiras, non axustadas e de cores claras, e é aconsellable muda-la roupa a miúdo. O calzado será amplo e ventilado para evitar infeccións por fungos.
  • Sacudi-las sabas e mantas antes de deitarse, así como a roupa e o calzado antes de vestirse, por se algún insecto ou outro animal se oculta neles.
  • Usar sombreiro e gafas de sol e aplicar cremas con filtro solar.
  • Levar unha pequena botica con desinfectante e algodón, antibióticos, paracetamol, pastillas potabilizadoras e preparados antidiarreicos.