Aprender a nadar

Desde os 4 anos, a calquera idade

1 Xullo de 2004
Img miscelanea listado 279

Desde os 4 anos, a calquera idade

O ser humano non nada instintivamente. A habilidade para se soster e avanzar na auga ha ser aprendida. Este coñecemento críase innecesario no mundo occidental ata ben entrado o século XX, mesmo en sectores tan hidrodependentes coma os pescadores. Pero hoxe, aprender a nadar converteuse nunha prioridade. A proliferación de piscinas e a elección de zonas costeiras, ríos ou pantanos como destinos maioritarios no lecer estival obríganos a todos, desde nenos a adultos, a adquirir coñecementos para familiarizarnos e sentirnos seguros na auga. Ademais, as estatísticas revelan que se ben o número de persoas que non saben nadar diminuíu nas dúas últimas décadas -sobre todo nas franxas de menor idade-, aínda é elevado o número de homes e mulleres que renunciaron a sentirse cómodos dando unhas brazadas. E é que aprender a nadar non é só unha opción de goce: o afogamento ocupa o sétimo lugar entre as causas de accidentes infantís, e na escala de accidentes mortais globais, os ocorridos na auga ocupan o segundo posto, só despois dos accidentes de tráfico.

Aprender sendo adulto

Canto antes se aprenda a nadar máis fácil resulta, pero a calquera idade é viable logralo. Convén que sexa un experto quen inicie a persoa adulta, pois así se asegura unha aprendizaxe consolidada. Se quen aprende é novo e non sufriu ningún accidente que lle provoque máis temor á auga có lóxico respecto, pode ensinarlle un amigo ou familiar, pero á menor dificultade será o momento de acudir a unha das múltiples escolas especializadas. Con dez sesións ben deseñadas é posible aprender a nadar, aínda que as leccións consisten, máis ca en avanzar sobre a auga, en aprender a flotar e a respirar.

  • Vencer o temor á auga. O principal obstáculo para aprender a nadar é o medo á auga e a inseguridade derivada de estar nun medio diferente, o que xera tensión e impide ós músculos actuar correctamente. A isto engádeselle que se acelera a respiración e aparece a sensación de afogamento. Polo tanto, antes de nada, hai que romper o tópico de que se flota de xeito espontáneo: non é certo. A persoa que está aprendendo a nadar debe estar vixiada para que non se sinta indefensa, aínda que isto non significa que o seu monitor teña que sostela na auga. É máis, as diferentes escolas coinciden en que as instrucións se dan desde fóra.
  • Aspirar fóra da auga, expulsar aire somerxido. Unha vez se conseguiu perder o medo á auga, débese aprender a respirar, tomando o aire pola boca e exhalándoo pola boca e o nariz baixo a auga. O mellor é seguir unha táboa establecida: situarse de pé, suxeitándose ó bordo da piscina, tomar aire e flexionar as pernas para meter a cabeza dentro da auga, onde se expulsa o aire, para despois sacar a cabeza e tomar aire de novo. A flotación. Perdido o medo e comprobado que se pode controlar a respiración, é momento de aprender a flotar. Unha vez máis hai que romper o mito: cómpre ter os brazos somerxidos, todo o contrario do que inspira a recorrida imaxe de auxilio que ergue os brazos a fin de lograr flotar. Ó principio hai que estar situado nunha zona onde a auga non cubra e practicar a flotación boca abaixo, boca arriba e somerxido.
  • … e a nadar. Cando non hai medo, respírase e flótase axeitadamente, é o momento de aprender os movementos de brazos e pernas para avanzar na auga. Pódese axudar de colchonetas ou flotadores que aseguren o paso. Lograr un estilo é materia doutro momento, do que se trata inicialmente é de sentirse a gusto dando brazadas, coordinando o movemento de brazos e pernas. Unha cuestión importante, máis alá do exercicio lúdico, é aprender a tirarse á auga, sobre todo para subir á superficie e comezar a nadar. Aprender a nadar é, xa que logo, fácil, e se se quere que fillos e fillas tamén o logren, convén que os seus pais e nais saiban facelo.

Nos nenos, a partir dos 4 anos

Aínda que é recomendable familiarizar os nenos e nenas co medio acuático desde que nacen, antes dos catro anos son demasiado pequenos para desenvolveren autonomía na auga e adquiriren os movementos da natación. Por iso, os pediatras animan a iniciar a aprendizaxe desde bebés, pero tendo moi presente que os programas de natación non garanten a autonomía do neno, e ata que non sexan adolescentes, sempre que se bañen debe existir a supervisión dun adulto.

Para que o proceso de iniciación non resulte traumático e si o máis frutífero posible, é moi importante presentar a auga coma un elemento lúdico e natural desde os primeiros baños na casa. Aínda que custe, invítase a pais e nais a que non utilicen unha esponxa para limpar a cara dos seus pequenos, é mellor que introduzan a súa cabeza baixo a auga. Isto contribúe a que o pequeno non perciba a sensación de non respirar baixo a auga como algo alleo e que provoca medo.

  • Unha boa escola Nalgúns países europeos o ensino de natación está regrado, forma parte do sistema curricular. No noso país, aínda que cada vez é máis frecuente que sexa unha materia impartida no centro escolar, non é o habitual aínda, polo tanto, en moitas ocasións son os pais e nais os que acoden a unha escola especializada. Nela deberán esixir persoal cualificado para traballar con nenos; unha temperatura de 33 graos, tanto fóra coma dentro da auga; condicións suficientes de hixiene e niveis de cloro menores (a auga para bebés debe ter entre o 0,5 e o 0,6%, fronte ó 1% que tolera o adulto). Ata os 3 anos, recoméndase un monitor por cada dous nenos e a partir dos 4 anos cada monitor pódese facer cargo de 3 nenos.
  • O ensino O primeiro propósito é que os nenos se sintan a gusto na auga. Igual ca sucede cos adultos, deberán aprender a manexarse no medio sen esforzo, coa dificultade engadida de que non fan pé, pero a vantaxe de que son menos medorentos e teñen máis habilidade. Moi pouco a pouco motívase o equilibrio, tanto horizontal coma vertical, isto é, a flotación, tan difícil para os maiores, pero moi sinxela para eles, polo que en seguida as pernas se volven principais protagonistas, e lles axudarán a avanzar ó estilo do can. Cando iso se controle é o momento de introducir o movemento de brazos. Unha cuestión clave na aprendizaxe do neno é axudalo a orientarse. Sentirse perdidos e non atopar a escaleira provócalles máis medo cá propia auga. E en todo o proceso desta aprendizaxe hai que evitar precisamente iso: que se colla medo á auga.