Praga de medusas

Un baño de masas... urticantes

Aínda que se dispón de medidas para minimizar o risco dos bañistas, practicamente non se promoven estudos que aclaren as causas da invasión de medusas e que permitan combater o fenómeno con garantías
1 Xuño de 2008
Img medioambiente listado 547

Un baño de masas... urticantes

Quen sementa ventos, recolle tempestades… ou medusas. Os danos causados ao medio, tarde ou cedo, pasan factura, e estes urticantes animais levan xa uns anos invadindo, cada vez con maior frecuencia, as praias do noso litoral. No Mediterráneo, un mar requecido polo cambio climático e sen os seus depredadores naturais, esquilmados pola sobrepesca, a proliferación destes invertebrados é cada vez maior. As praias contan con diversas medidas que tratan de minimizar o risco dos bañistas, pero os científicos láianse da falta de medios para investigar este problema e poder atopar solucións.

O ano pasado, decenas de milleiros de persoas experimentaron o urticante contacto das medusas, sobre todo na costa mediterránea, aínda que convén lembrar que o Cantábrico, máis frío e en principio menos propicio para estes seres, tampouco se atopa de todo a salvo. Para este verán os científicos non se atreven a adiantar previsións. Dende o Instituto de Ciencias do Mar de Barcelona (ICM-CSIC) insisten en que se trata dun fenómeno impredicible debido á falta de información, aínda que o máis probable é que as maiores concentracións se produzan onde se viron ata agora con maior regularidade.

As medusas estanse a multiplicar non só no Mediterráneo, senón en todos os océanos do mundo. A sobrepesca, é dicir, a explotación abusiva dos recursos pesqueiros, perfílase como unha das principais causas, amais do aumento de nutrientes na auga do mar ou do quecemento progresivo da auga debido ao cambio climático. O caso das medusas é un claro exemplo de desequilibrio ecolóxico a nivel mundial causado polo ser humano: sen inimigos naturais, con comida abundante e cunha temperatura idónea, o seu crecemento é imparable. No Centro de Estudos avanzados de Blanes, tamén do CSIC, aseguran que aínda non chegou o peor e que este non será o único problema ao que se deberá enfrontar o Mediterráneo. Por exemplo, no 2006, oitenta persoas foron hospitalizadas en Xénova por respiraren aire do mar cargado de toxinas producidas por unha alga microscópica.

Por fortuna, a maioría das medusas que chegan ás costas españolas non son moi daniñas. Non obstante, os científicos sinalaron que o aumento das temperaturas podería favorecer a chegada de especies máis perigosas, como a “carabela portuguesa”, procedente de África. Non obstante, nestes momentos é imposible que se produza unha “sopa de medusas” que se espalle por todo o Mediterráneo, como se interpretou de modo erróneo. Estes animais concéntranse en áreas delimitadas, aínda que nalgúns casos ocupan algúns quilómetros de extensión, e son desprazadas polas correntes cara á costa. Tan só en áreas pechadas, como o Mar Menor, podería producirse este fenómeno.

Medidas nas praias

A experiencia de anos anteriores levou as institucións a desenvolveren diversas medidas capaces de minimizar o risco dos bañistas. Por exemplo, disponse de sistemas destinados á prevención, recolleita e extracción de medusas en zonas moi próximas ás praias, ao seu tratamento como residuo orgánico, ao uso de medidas sanitarias inmediatas despois das picaduras para diminuír o seu efecto, etc. Estas accións permiten gozar das praias, asumindo que hai un mínimo risco que se pode afrontar con garantías.

Non obstante, o seu éxito é desigual. Por exemplo, a recollida con embarcacións fóra dos 100 metros da liña de praia só resultou efectiva en contadas ocasións e cunha elevada concentración de medusas. E con respecto ao uso de redes fixas, reteñen as medusas, pero tamén as rompen, os seus tentáculos chegan á praia e causan picaduras.

Ademais, a validez dos sistemas de contención ou extracción é moi limitada, porque actúan a moi pequena escala. Por iso, os científicos salientan que a auténtica solución pasa por erradicar as causas, algo que non se consegue a curto prazo. O problema é que na actualidade apenas se inviste en proxectos de investigación, polo que se descoñece aínda a dimensión desta situación: cantas medusas hai, como medran e se multiplican, onde se concentran, etc.

Consellos para evitar a súa picadura…

  • Se as medusas se atopan preto da praia, hai que permanecer fóra da auga, en especial cando o seu número sexa elevado.
  • A utilización correcta de cremas solares, amais de filtrar as radiacións solares, actúa como capa illante fronte a tentáculos de medusas e outras especies ou substancias tóxicas que flotan na auga.
  • Hai que ter en conta que as medusas non atacan, senón que pican cando se contacta cos seus tentáculos de maneira accidental. Por iso, hai que saír devagar, sen movementos bruscos, para evitar atraer os tentáculos de xeito accidental.
  • Non hai que tocar nunca unha medusa, aínda que estea fóra do mar e pareza morta, xa que as células urticantes dos seus filamentos poden seguir activas e desprenderse do animal.
  • Non hai que alarmarse ante a súa presenza. A maior parte das especies mediterráneas non son perigosas.

… e como actuar se nos picou unha

Os síntomas máis comúns dunha picadura de medusa son unha dor e comechón inmediata, ardor, inflamación, arrubiamento e mesmo sangrado. É moi importante saír da auga; lavarse con auga salgada (nunca doce, xa que podería romper as células urticantes), non rabuñar nin fregar a pel con area ou toallas; sacar os restos de tentáculos se son aínda evidentes e aplicarse un choque de frío mediante unha bolsa de plástico chea de xeo durante uns quince minutos. Non é aconsellable aplicar outras substancias como o amoníaco, que irrita a pel. Se o estado da vítima empeora pasada media hora, cómpre acudir o máis axiña posible a un centro sanitario.

É importante lembrar que se trata dunha ferida que hai que coidar para que non se infecte. Unha aplicación dun antiséptico como a tintura de iodo e unha cobertura mediante vendas axuda a que cicatrice a ferida.

Medusas, tóxicas e necesarias

As medusas son invertebrados que, xunto ás corais, as gorgonias e as anémonas, pertencen ao grupo dos cnidarios (do grego knidé, estruga). Coñécense máis de 8.000 especies diferentes, das cales 1.000 poden resultar tóxicas para o ser humano. Algunhas delas poden ser mesmo letais, como a “avespa australiana”, que causa máis mortes nas antípodas ca as quenllas. O seu aspecto transparente débese á súa composición (un 95% de auga), o que lles serve de camuflaxe.

As medusas son carnívoras (aliméntanse de plancto e de pequenos crustáceos e peixes de reducido tamaño) e teñen un papel básico nas cadeas tróficas mariñas (redes alimenticias). Para capturar o seu alimento e tamén como defensa utilizan as súas células urticantes, que conteñen un filamento envelenado. Ao rozar a súa superficie, os filamentos crávanse na vítima inxectando o veleno.