Residuos Sólidos Urbanos (RSU)

Son necesarias as incineradoras?

O uso destas instalacións industriais que queiman o lixo e crean enerxía xera controversia pola súa acción contaminante
1 Abril de 2006
Img medioambiente listado 387

Son necesarias as incineradoras?

O tratamento e eliminación do lixo doméstico, ou Residuos Sólidos Urbanos (RSU), é un dos problemas medioambientais máis controvertidos destes últimos anos. Sábese que nunha cidade cada habitante produce ao día máis dun quilo de residuos, cantidade que, amais, crece sen que nada o evite: nos últimos dez anos, os países europeos aumentaron o volume de residuos per cápita en máis dun 60%.

Ata hai poucas décadas, o procedemento fundamental para dar solución ao lixo era acumulalo en vertedoiros. Pero a falta de espazo nas grandes urbes e os problemas de contaminación que causaban propiciaron nos últimos anos a urxente busca de alternativas. Así, a incineración converteuse no sistema de tratamento de lixo con maior aceptación en Europa, pero o noso país é un dos estados membros da UE con menor implantación de incineradoras: só funcionan 12 incineradoras, todas elas de titularidade municipal, e unicamente hai dous proxectos de novas plantas de incineración se ben varias fábricas cementeiras teñen ou solicitaron permiso para incineraren residuos, mesmo os tóxicos ou perigosos.

Os argumentos: a favor e en contra

As incineradoras son plantas de tratamento e redución de RSU. Non só os reducen a cinsas senón que xeran ingresos pola venda de enerxía producida na combustión. Con todo, a súa implantación recibiu fortes críticas dos que as consideran un risco para o medio ambiente e para a saúde.

/imgs/20060401/img.medioambiente.01.jpgOs seus defensores sosteñen que é a mellor das alternativas de tratamento de residuos, posto que, amais de reduciren de maneira considerable o seu volume e peso, xeran enerxía eléctrica. E aínda que recoñecen que unha incineradora produce gases nocivos como CO2, SO2, óxidos de nitróxeno, cloruro de hidróxeno e floruro de hidróxeno ou substancias como benzopirenos e alcatráns, moitos deles canceríxenos, aseguran que todos eles son finalmente eliminados. E que a emisión de dioxinas, substancias tóxicas con efectos canceríxenos, redúcese ata valores mínimos e inocuos. Din tamén que os residuos metálicos que quedan tras a incineración (non poden ser destruídos), son tratados con posterioridade e elimínase a súa toxicidade. En resumo, recoñecen que as incineradoras non están exentas de riscos pero deféndenas como opción máis conveniente. Así mesmo, alegan que, se ben as primeiras incineradoras non cumprían todas as medidas de suguridade desexables, as actuais instalacións contan con sistemas para depurar e eliminar posibles elementos tóxicos. España aprobou no seu Plan Nacional de Residuos (2000) unha norma que endurecía os límites permitidos para as emisións de varios contaminantes, entre os que se encontraban os xerados polas incineradoras.

Os detractores das incineradoras, como é de recibo, rebaten as razóns dos seus promotores. Aseguran que destrúen recursos que poderían aproveitarse, din que se trata dun sistema caro que frea o desenvolvemento de tecnoloxías limpas, acúsano de que é moi contaminante e que resulta incompatible co desenvolvemento de programas de separación de lixo. Outro dos problemas que adxudican os seus inimigos ás incineradoras é que estas plantas industriais requiren investimentos millonarios, polo que se fai especialmente necesario coñecer se se están xestionando dunha forma eficaz e axeitada. Así mesmo, presentan a esixencias de que se comprobe se se están realizando as medidas de análise e control pertinentes.

As diferenzas entre unhas e outras posicións tradúcense tamén nunha disxuntiva social sobrevida: por un lado, os cidadáns esixen aos seus concellos unha solución para a indesexable acumulación de lixo, pero néganse de vez a que preto da súa casa se instale unha planta incineradora que axude a resolver o problema.

Alternativas ás incineradoras

Hai outros métodos de tratamento de residuos, que os detractores das incineradoras consideran máis viables e respectuosos co medio ambiente. A compostaxe é un proceso controlado e acelerado de descomposición das partes orgánicas dos residuos que dá lugar a un produto estable chamado compost, formado por restos orgánicos, microorganismos, osíxeno e auga, e que se pode usar para fertilizar solos, alimentar gando, construír estradas, obter combustibles, e para outros diversos cometidos. para que se poida utilizar sen problemas o compost, é fundamental que a materia orgánica non estea contaminada con substancias tóxicas: é frecuente que un exceso de metais toxicos converta en inútil o compost (sería defícil e moi cara a súa eliminación) para usos biolóxicos.

E a biometanización é un tratamento de fermentación da materia orgánica que dá como resultado a produción de metano, gas cuxa combustión produce enerxía. Este proceso, amais de en residuos sólidos urbanos, aplícase a lodos de depuradoras. os críticos da biometanización acúsana de xerar cheiros nauseabundos na contorna, de ocupar gran cantidade de solo e de producir maior impacto visual que unha incineradora e, xa que logo, tamén de non admitir usos residenciais nas proximidades da zona na que se produce esta biometanización.

Propostas normativas. Os proxectos maís adiantados da normativa medioambiental no noso país apuntan a que entre a reciclase e o aproveitamento da materia orgánica se deberían tratar ao redor do 50% ou mesmo do 60% dos residuos xerados. O vertido deberíase reducir a un 10%, e o resto, entre o 30% e 40%, trasladaríase a plantas de incineración. Pola súa parte, a directiva europea sobre vertido de residuos, aprobada en 1999, establece que calquera tratamento que contribúa á eliminación dos residuos debe ser consecuente co medioambiente e favorecer a reciclaxe. Pero a reciclaxe, se ben en aumento, é aínda unha práctica minoritaria (en España só se recicla o 11% dos RSU). Así mesmo, establécese unha xestión controlada e axeitada do tratamento de residuos mediante o seu depósito en instalación que reúnan as maiores garantías. En datas recentes, a Comisión Europea adoptaba a Estratexia Temática de Prevención e Reciclaxe de Residuos e a Estratexia Temática de Recursos. Organizacións como Ecoloxistas en Acción criticaron que esta Estratexia dá a mesma importancia á reciclaxe e á incineración, o que significaría promover a incineración.