Incineración do lixo

Precisa para uns, contaminante para outros

A incineración do lixo é unha discutida opción para soluciona-lo problema da acumulación de refugallos.
1 Marzo de 2002
Img medioambiente listado

Precisa para uns, contaminante para outros

O debate de qué facer coa inxente cantidade de lixo que xeramos -1 quilogramo ó día por persoa en países desenvolvidos- semella non ter fin. Tras quedar patente que acumular refugallos e retiralos da nosa vista xa non resulta factible, a controversia xorde ó tratar de atopar fórmulas que nos permitan desfacérmonos dos residuos sólidos urbanos da maneira máis inocua para os humanos e máis respectuosa co medio natural. Os famosos 3R (reciclar, reutilizar e recuperar) axudan a palia-la multiplicación de refugallos, mais non solucionan o problema xa que distan moito de ser unha práctica habitual (en España, o 70% dos residuos van ó vertedoiro, só o 11% se recicla; en países coma Holanda recíclase o 30%). Aínda que criticada por organizacións ecoloxistas como Greenpeace debido ás dioxinas que se liberan, a opción de incinerar lixo para producir enerxía é unha saída contemplada por algúns para destruír residuos sólidos urbanos. Os seus defensores salientan que a comunidade científica non se manifestou rotundamente sobre a toxicidade vital das dioxinas. En Europa hai modelos, como o francés e o belga, que apostan abertamente polo emprego do lixo como combustible, pero países como Alemaña practicamente descartan esta opción. En España funcionan oito incineradoras que producen enerxía, pero a polémica e o rexeitamento social que suscitan motivou que se paralizasen case trinta proxectos de construcción destes fornos xigantes.

Substitución de vertedoiros

Os que defenden o uso de incineradoras antepoñen a necesidade de conciencia-la sociedade no hábito da reciclaxe, pero contemplan as plantas de tratamento e combustión controlada como a substitución inmediata dos vertedoiros. Recoñecen que está en cuestión que a incineración sexa perigosa, aínda que afirman que non se achegan probas concluíntes e apelan a que a comunidade científica non demostrou que as dioxinas e furanos residuais -corpos químicos que se xeran ó queimar a baixa temperatura productos que conteñen cloro, como papel ou plástico- sexan nocivos para a saúde. Así se pode deducir do último informe emitido pola Axencia de Protección Ambiental dos Estados Unidos referido ás dioxinas, que aínda que as vincula directamente co cancro, non conclúe que sexa debido á actividade das incineradoras, senón á combustión de PVC. Por outra banda, a lexislación é severa e permite que mediante a incineración se xeren cantidades mínimas non só de dioxinas, senón de moitos outros compostos potencialmente tóxicos.

A clave está, polo tanto, en queima-lo lixo a temperaturas elevadas e cumprindo a lexislación, con controis previos e posteriores. Cómpre lembrarmos que nos vertedoiros actuais o lixo se queima por si mesmo -fermentado co requecemento da materia orgánica e desprendemento de metano inflamable-. E, segundo os defensores das plantas incineradoras, esa combustión natural é máis contraproducente cá controlada, debido a que se produce a unha temperatura baixa.

En suma, os defensores das incineradoras propoñen dúas vías complementarias e urxentes para palia-lo problema dos residuos sólidos urbanos: reduci-la contía de residuos ou cando menos frea-lo seu imparable incremento e, mentres se acada ese obxectivo, substituír urxentemente vertedoiros por plantas de tratamento integral do lixo, incluída a combustión do sobrante final.

Contaminación de aire, auga e solo

Na outra banda da polémica está a postura de quen entende que no proceso de queima das incineradoras xorden productos tóxicos que contaminan aire, auga e solo. Consideran a incineración como o sistema que permite seguir explotando recursos naturais e sosteñen que as incineradoras frean o desenvolvemento de tecnoloxías limpas e retardan a promulgación de normas que favorezan a reducción en orixe de refugallos, a reutilización e a reciclaxe dos compoñentes do lixo.

Sen embargo, a súa principal preocupación é que a incineración constitúe unha das fontes principais de emisión de dioxinas, substancias tóxicas, persistentes e bioacumulativas. Apelan a que a lexislación fixe certas prácticas, como a obrigatoriedade de retornar sempre envases de vidro, ou que se prohiba usar materiais como PVC, presente en moitos productos cotiáns.

Neste sentido maniféstanse as asociacións ecoloxistas. Critican o malgasto que ó seu entender supón a incineración de refugallos: o aforro de enerxía que a reciclaxe de residuos permite é catro veces superior á enerxía que se obtén incinerándoos. Os grupos ecoloxistas consideran tamén que a medida que aumente a cantidade de refugallos recuperados diminuirá a de materiais dispoñibles para incinerar, e denuncian que as incineradoras precisan mante-lo seu volume de incineración para continuaren sendo rendibles para as empresas que as xestionan. Así, por cada tres toneladas de refugallos incinerados prodúcese unha tonelada de cinzas e escouras que se consideran residuos tóxicos e perigosos, obrigando ó seu almacenamento en depósitos de seguridade.

Alternativas á incineración

O Concello de Córdoba implantou un xeito racional e integrado para tratar residuos sólidos urbanos. En 1993 iniciouse a recollida selectiva en orixe. A singularidade de Córdoba parte dun proceso fortemente participado, implantado desde a base que avanza paso a paso e que culminou en 1996 coa creación da Planta de Reciclaxe e compostaxe. Os productos vólvense inserir no ciclo productivo a través de empresas de economía social e o compost utilízase na agricultura local.

En Navarra desenvólvese unha interesante experiencia de protección do medio que inclúe a prevención, tratamento, reciclaxe e recuperación de refugallos en toda a súa gama e unha política integral de tratamento de augas. O ciclo péchase co aproveitamento da lama da depuradora e dos residuos orgánicos para obter compost de uso agrícola. A experiencia en refugallos céntrase preferentemente nas comarcas de Pamplona e Lizarra. A mellora na calidade das augas navarras permite actualmente a vida piscícola e a práctica de agricultura ecolóxica en amplas zonas, incluída a propia capital, Pamplona.

¿Que contén o noso caldeiro do lixo?

Aínda que a práctica á que hai que aspirar é reducírmo-lo material que vai ó caldeiro do lixo, limitando a compra de productos de usar e guindar (vasos, pratos e bolsas), rexeitando aqueles que estean excesivamente empaquetados, elixindo envases familiares e adquirindo productos frescos e a granel, e reutilizando ou intercambiando envases, roupa, libros, mobles ou xoguetes, nunca está de máis analizar en qué se compón o noso lixo.

  • Materia orgánica (restos de comida e de xardinería ): 44%
  • Papel e cartón: 21%
  • Envases de metal, plástico e tetra-briks: 15%
  • Téxtiles: 3%
  • Vidro: 7%
  • Outros (pilas, restos de plásticos e metais, madeira, gomas): 10%

Reciclado segundo materiais

  • Materia orgánica: (formada sobre todo por restos de comida) serve como fertilizante natural e compost, moi rico en nutrientes.
  • Papel e carbón: actualmente existe en España un contedor por cada 940 habitantes. Unha tonelada de papel reciclado evita a corta de 15 árbores adultas.
  • Vidro: España é o cuarto país de Europa que máis vidro recicla. Con esta reciclaxe afórranse 700.000 toneladas de materia prima e máis de 73.000 toneladas de petróleo.
  • Tetra-brik: o papel das capas de aluminio e polietileno xa se poden reutilizar para fabricar sacos, bolsas ou cartón para envases. En 1998 recuperáronse en España 3.150 toneladas.
  • Latas: en latas de aluminio recupéranse 4.900 toneladas, en latas de aceiro recupéranse 73.900 toneladas.
  • Plástico: A maior parte vai ós vertedoiros, un 5% incinérase, e un 7% recíclase. O ano 2000 recuperáronse 1.500 toneladas.
  • Residuos especiais: Son os máis perigosos do fogar (pilas, pinturas, vernices, lacas, aceite usado para fritir, medicamentos). Cómpre evitar guindalos ó caldeiro do lixo. Non se debe guinda-lo aceite polo vertedeiro.
  • Voluminosos e téxtiles: mobles, colchóns, electrodomésticos e cascallos. Cada ano recóllense máis de 18.000 toneladas de restos domésticos; pero aínda máis se verten de xeito incontrolado.

Cánto vive o lixo

  • 1 ano
    O papel, composto basicamente por celulosa, non lle dá maiores problemas á natureza para integra-los seus compoñentes ó solo. Se queda guindado sobre terra e lle toca un inverno chuvioso, non tarda en degradarse. O ideal, de tódolos xeitos, é reciclalo para evitar que se sigan serrando árbores para a súa fabricación.
  • 5 anos
    Un anaco de goma de mascar convértese nese tempo, por acción do osíxeno, nun material superduro que despois comeza a crebar ata desaparecer. A goma de mascar é unha mestura de gomas de resinas naturais, sintéticas, azucre, aromatizantes e colorantes. Degradada, case non deixa pegada.
  • 10 anos
    Ese é o tempo que tarda a natureza en transformar unha lata de gasosa ou de cervexa ó estado de óxido de ferro. Polo xeral, as latas teñen 210 micróns de espesura de aceiro recuberto de verniz e de estaño. Á intemperie, é precisa moita chuvia e humidade para que o óxido a cubra totalmente.
  • 10 anos
    Os vasos descartables de polipropileno contaminan menos cós de poliestireno -material das caixiñas de ovos-. Pero tamén tardan en transformarse. O plástico queda reducido a moléculas sintéticas; invisibles pero sempre presentes.
  • 30 anos
    Os envases tetra-brik non son tan tóxicos como un imaxina. En realidade, o 75% da súa estructura é de celulosa, o 20 de polietileno puro de baixa densidade e o 5 por cento de aluminio. O que tarda máis en degradarse é o aluminio. A celulosa, se está ó aire libre, desaparece en pouco máis de 1 ano.
  • 30 anos
    Lacas, escuma… É un dos elementos máis polémicos dos refugallos domésticos. Primeiro porque ó ser un aerosol, agás especificación contraria, xa é un axente contaminante polos seus CFC (clorofluorocarbonos). Polo demais, a súa estructura metálica faino resistente á degradación natural. O primeiro paso é a oxidación.
  • 30 anos
    A aliaxe metálica que forma os tapóns das botellas pode parecer candidata a unha degradación rápida porque ten pouca espesura. Pero non é así. Primeiro oxídanse e pouco a pouco a súa parte de aceiro vai perdendo resistencia ata dispersarse.
  • 100 anos
    De aceiro e plástico, os chisqueiros descartables empregan bastante tempo para converterse noutra cousa. O aceiro, exposto ó aire libre, pasados 10 anos aínda está comezando a danarse e balorecer levemente. O plástico, nese tempo, nin perde a cor. Os seus compoñentes son altamente contaminantes e non se degradan. A maioría ten mercurio, pero outros tamén poden ter cinc, cromo, arsénico, chumbo ou cadmio. Poden comezar a separarse logo de 50 anos ó aire libre. Pero apáñanse para permanecer como axentes nocivos.
  • 100 a 1.000 anos
    As botellas de plástico son as máis rebeldes á hora de se transformaren. Ó aire libre perden a súa tonicidade, fragméntanse e dispérsanse. Soterradas, aínda duran máis. A maioría está feita de tereftalato de polietileno (PET), un material duro de roer: os microorganismos non teñen mecanismos para atacalo.
  • Máis de 100 anos
    As rollas de plástico están feitas de polipropileno, o mesmo material das palliñas e envases de iogur. Pódense reciclar mellor cás botellas de auga mineral (que son de PVC, cloruro de polivinilo) e cás que son de PET (tereftalato de polietileno).
  • 150 anos
    As bolsas de plástico, por causa da súa mínima espesura, poden transformarse máis axiña ca unha botella dese material. As bolsiñas, en realidade, están feitas de polietileno de baixa densidade. A natureza adoita establecer unha “batalla” dura contra ese elemento. E, polo xeral, perde.
  • 200 anos
    As zapatillas están compostas por coiro, tea, goma e, nalgúns casos, escumas sintéticas. Por iso teñen varias etapas de degradación. O primeiro que desaparece son as partes de tea ou coiro. O seu interior non pode degradarse: só se reduce.
  • 300 anos
    A maioría das bonecas articuladas son de plástico, de ós que máis lles leva desintegrarse. Os raios ultravioletas do sol só logran dividilo en moléculas pequenas. Ese proceso pode durar centos de anos, pero desaparecen da face da Terra.
  • Máis de 1.000 anos
    Tempo que tardan en desaparece-las pilas.
  • 4.000 anos
    A botella de vidro, en calquera dos seus formatos, é un obxecto moi resistente. Aínda que é fráxil, e cunha simple caída pode crebar, para os compoñentes naturais do solo é unha tarefa titánica transformala. Formada por area e carbonatos de sodio e de calcio, pódese reciclar nun 100%.
  • A Unión Europea disponse a limita-lo contido máximo de dioxinas nos alimentos. Está previsto que no presente ano 2002 unha directiva definirá un límite de inxestión “tolerable” de dioxinas de sete picogramos semanais por quilo de peso corporal. Nestes momentos, segundo o informe do Scientific Committee on Food da Unión Europea a inxestión cotiá de dioxinas en Europa estímase entre 0,4 e 1,5 picogramos por quilo. Non hai dúbida de que é precisa a eliminación das emisións de dioxinas e polo tanto o emprego de tecnoloxías como a incineración de residuos xeradores destes compostos altamente tóxicos e bioacumulativos. Recentemente asinouse o Protocolo de Estocolmo para a eliminación de compostos orgánicos persistentes, é déuselle prioridade a unha ducia deles, a ducia porca, na que se atopan as dioxinas e furanos.
¿Que é unha planta incineradora?

Trátase de plantas industriais ás que os camións do lixo transportan os refugallos. Dispoñen dun foxo de recepción no que se depositan os refugallos para que un guindastre os traslade a unha caldeira de combustión, onde se queiman a altas temperaturas. Na parte baixa desta caldeira recóllense as cinzas residuais e desde ela os vapores e gases xerados pasan a unha caldeira secundaria na que se someten a un proceso de limpeza e se lles engade cal e carbón activo (que absorben as substancias tóxicas como dioxinas e furanos, metais pesados, etc). Para rematar, estes gases e vapores pasan a través dun filtro que retén as partículas e substancias, e emítense por cheminea. Nas plantas máis modernas o vapor quente aprovéitase e requéntase para alimentar unha turbina que xera enerxía eléctrica, que se subministraría á rede xeral. Así pois, mediante as incineradoras redúcese a cantidade de lixo e prodúcese enerxía.