A degradación dos océanos

Os mares, eses grandes vertedoiros de lixo

Vertidos urbanos industriais, mareas negras, fertilizantes, insecticidas ou productos químicos son algúns dos culpables da contaminación dos océanos
1 Xullo de 2003
Img medioambiente listado 227

Os mares, eses grandes vertedoiros de lixo

/imgs/20030701/img.medioambiente.01.jpg
Máis da metade da poboación mundial vive xunto ou preto do mar e a especie humana sempre se serviu, sen miramentos, dos seus recursos: peixes, sal, algas, petróleo ou gas natural. Ó comezo, a degradación das augas foi lenta e silenciosa. Pero actualmente alcanza unha magnitude que resulta alarmante e que obriga a cuestionarse os límites destes vertidos ó medio mariño. Os mares e océanos ocupan o 75% da superficie terrestre e sempre foron, e posiblemente seguirán sendo durante moitos anos, os receptores naturais de residuos de tódalas formas de vida presentes no noso planeta. Non obstante, a contaminación do mar ten diversas procedencias: desde vertidos urbanos industriais ata grandes mareas negras causadas polos accidentes dos petroleiros, sen esquecérmonos de fertilizantes, insecticidas, productos químicos (máis de millón de substancias diferentes acaban no mar), radioactividade, metais pesados, etc. Segundo o último informe da organización ambiental Worldwatch Institute, “A situación do mundo no 2003”, calcúlase que acaban no mar entre seis e dez millóns de toneladas de hidrocarburos ó ano, e o 10% delas provén dos petroleiros accidentados. Estímase que hai preto de 7.000 barcos en todo o mundo con máis de 15 anos de antigüidade, o que significa que son buques monocasco e transportan a metade do petróleo extraído no mundo. Non nos debe estrañar, xa que logo, que a terceira parte da contaminación causada polo petróleo se produza durante o seu transporte, ben por accidentes (uns 10.000 nos últimos 30 anos), ben polo lavado dos tanques.

Metais e augas residuais

Os metais son unha das substancias máis contaminantes e velenosas. Algúns, como o cobre, son precisos para a vida mariña, pero cando as cantidades son excesivas, ó seren consumidos e non seren eliminados polos animais, causan altos niveis contaminantes na cadea alimenticia. Outro vertido de orixe química é o chumbo. Os cascos dos barcos píntanse con óxido tributilestaño, que contén este metal. O uso desta substancia foi prohibida nas pequenas embarcacións pero séguese utilizando con normalidade nos grandes buques.

As augas residuais procedentes de núcleos urbanos son, posiblemente, as principais responsables do mal estado dos mares. As augas residuais conteñen elementos nutrientes que algunhas plantas, como as algas, precisan para vivir. Ó chegaren estas augas ó mar, as algas reprodúcense axiña cubrindo a superficie. Cando as colonias de algas morren, os seus restos transfórmanse nunha escuma que contamina as praias e causa irritacións na pel.

Diminución do potencial biolóxico

Sempre se creu que a solución ós problemas alimenticios da humanidade viría do mar. Pois ben, actualmente unha das principais preocupacións da comunidade científica e dos grupos ecoloxistas é a progresiva diminución do potencial biolóxico mariño a causa da degradación dos océanos. Certamente o mar é rico en moitos sentidos, pero a idea anterior de que o mar nos ía prover de calquera cantidade de alimentos para compensa-la escaseza de nutrientes de orixe terrestre, contrasta coa crúa realidade: as áreas fértiles do mar atópanse cada vez máis delimitadas.

Por iso os científicos se queixan de que cada vez resulta máis difícil atopar áreas con auga de boa calidade, algo que, amais de afectar ó crecemento de especies mariñas, é un problema de salubridade para os bañistas, e iso observámolo ó longo e ancho de calquera costa do mundo. É dicir, que diminuíron as posibilidades de uso de augas e de praias mariño-costeiras.

Pesca descontrolada e masiva

Pero os causantes do mal estado dos mares non son só os continuos vertidos de productos contaminantes. Outro dos perigos que asexa os océanos é a pesca descontrolada e masiva. Segundo estimacións científicas de Greenpeace, cando menos o 20% das especies de peixes coñecidas no mundo están en perigo de extinción e a sobreexplotación pesqueira nalgunhas zonas de Europa comeza a ser alarmante cunhas cotas que exceden o 60%.

Aínda que se coñecen arredor de 13.000 especies de peixes mariños, a industria pesqueira baséase nunha mínima variedade delas. A penas once representan o 35% da captura global. Se algúns como o do bacallao ou a pescada precisan unha solución rápida, o mesmo acontece coa anchoa ou a sardiña, que levan anos en grave perigo. A pesca sostible, con longas paradas de rexeneración biolóxica, e as moratorias totais nalgunhas especies albíscanse como únicas solucións viables, xunto ó soporte social e económico para o sector pesqueiro, do que dependen en países como España máis dun cuarto de millón de empregos directos e indirectos.

Influencia dos ecosistemas terrestres

Sen embargo, a atención política e científica segue centrada nos ecosistemas terrestres, mentres os problemas de investigación, a falta de datos históricos de referencia e unha enorme variabilidade natural dificultan cuantifica-los cambios dos ecosistemas mariños na mesma medida en que se fixo cos sistemas terrestres de auga doce. Non obstante, a comunidade científica e tecnolóxica cada vez se preocupa máis polo medio mariño e con esa intención se celebrou o pasado mes de abril en Alacante o II Congreso Internacional sobre Ciencia e Tecnoloxía Mariña. Preto de 200 expertos relacionados co medio mariño se reuniron, baixo o lema ‘Océanos III Milenio’, para abordaren temas agrupados en catro áreas: oceanografía e medio costeiro, impacto humano no literal, tecnoloxía mariña e política, e xestión integral costeira.

O maior museo do mundo, baixo as augas

Non son só vertidos e contaminación o que o home deixou ó longo da historia baixo os océanos de todo o mundo: o museo máis grande do mundo xace baixo as augas. Ninguén pode indicar con exactitude a cifra, pero ó longo da historia da humanidade milleiros de navíos foron a pique no fragor das batallas ou baixo a violencia das treboadas, levando cara ós fondos mariños ánforas romanas, lingotes de ouro, canóns e caixas de porcelana chinesa. Cara a mediados do século XX, ante a imposibilidade de acceder ó fondo mariño, os océanos eran unha inmensa caixa de caudais na que durmían eses tesouros das civilizacións. Para dar unha idea do tráfico marítimo baste dicir que a flota da Compañía Neerlandesa das Indias fixo nos séculos XVI e XVII 8.000 viaxes de ida e volta á China. En xuño de 1999 Robert Ballard, descubridor dos restos do Titanic, atopou dous navíos fenicios de hai pouco máis de 2.700 anos. Son os máis antigos atopados por agora. Parte dos avances no campo submarino hai que agradecerllos ó comandante Jacques-Yves Cousteau, autor da primeira exploración submarina hai xa 51 anos. A costa de Marsella foi o escenario desa inmersión, que permitiu recuperar ánforas gregas e romanas.