Vías pecuarias

O obxectivo é adaptalas ó século XXI

1 Abril de 2004

O obxectivo é adaptalas ó século XXI

Quenllas navarras, cabaneiras aragonesas, cordeis e vereas castelás… As antigas rutas da transhumancia gandeira configuran unha extensa rede de vías pecuarias que atravesan e percorren a Península Ibérica nuns 125.000 quilómetros de lonxitude, ocupando unha superficie de 425.000 hectáreas. As vías pecuarias son unha especie de corredoiras ecolóxicas que se distribúen por máis de 40 provincias e que, na actualidade, amais de serviren para o tránsito de reses, se converteron en sustento doutras prácticas de lecer na natureza. Estímase que case o 40% destes camiños desapareceron na actualidade. Ante o progresivo abandono deste patrimonio público, cómpre coñecer o estado actual destas vías e ofrecer alternativas de uso, compatibles co aproveitamento gandeiro, que garantan a súa recuperación e revitalización.

Historia unida á transhumancia

A súa orixe remóntase ós primitivos pastores nómades e acada o seu esplendor co desenvolvemento da Mesta castelá (organización gandeira e económica) nos séculos XV e XVI. Tradicionalmente, os movementos estacionais de rabaños na procura de pastos, a transhumancia, realizábanse a través das quenllas que unían os pastos de verán nas montañas cos de inverno situados nas áreas de clima máis benigno dos vales. Historicamente foron frecuentes os conflitos nas quenllas polo paso dos rabaños a carón das propiedades agrícolas. Para evitar este tipo de disputas, procedeuse a delimitar (deslindar e pór fitos) as vías pecuarias, e mais a regulamentar o seu uso. A rede de vías pecuarias complementábase con bebedeiros (píos, regatos ou remansos de ríos onde o gando bebía), descansadoiros (zonas destinadas ó descanso de animais e pastores) e cabanas (lugares onde se pasaba a noite, o gando recollido e os pastores ó abeiro).

Na segunda metade do século XX, a crise dos sistemas gandeiros tradicionais e o abandono rural, xunto ás numerosas agresións ás que foron e son sometidas as quenllas, agudizaron a súa decadencia ata extremos que fan perigar a súa integridade futura, e con ela a do patrimonio etnográfico, histórico e cultural asociado a elas.

Principais Quenllas Reais:

  • Quenlla Real da Prata ou Vizana (500 quilómetros)
  • Quenlla Real Leonesa Occidental (700 quilómetros)
  • Quenlla Real Leonesa Oriental (700 quilómetros)
  • Quenlla Real Segoviana (500 quilómetros)
  • Quenlla Real Conquense (350 quilómetros)
  • Quenlla Real do Reino de Valencia (250 quilómetros)
  • Quenlla Real Galiana (400 quilómetros)
  • Quenlla Real Soriana Oriental (800 quilómetros)
  • Quenlla Real Soriana Occidental (700 quilómetros)

Hai tres grandes sistemas de vías pecuarias

A central ou segoviana, a occidental ou leonesa e a oriental ou da Mancha. A segoviana era tamén coñecida como andaluza ou soriana. As dúas primeiras penetran amplamente no territorio da actual Comunidade de Madrid, unha das provincias de maior densidade de vías pecuarias debido á súa estratéxica posición ó sur do Sistema Central. As dúas posúen alí tramos moi importantes, obrigadas como están a traspoñer o Sistema Central polos seus pasos naturais.

Cuestións legais

O réxime xurídico das vías pecuarias consagra o carácter público destes camiños, considerando a totalidade deles como un legado histórico de interese capital e único en Europa. A lexislación actual contempla que as comunidades autónomas deberán levar a cabo a súa actuación respecto ás vías pecuarias de acordo cos seguintes fins:

  • Regular o uso das vías pecuarias de acordo coa normativa básica estatal.
  • Exercer as potestades administrativas en defensa da integridade das vías pecuarias.
  • Garantir o uso público das mesmas, tanto para uso gandeiro como cando se adscriban outros usos compatibles ou complementarios.
  • Asegurar a adecuada conservación das vías pecuarias, así como doutros elementos ambientais valiosos vinculados a elas.

Actividades prohibidas nas vías pecuarias:

  • A caza en todas as súas modalidades.
  • A publicidade.
  • A extracción de rochas, áridos ou gravas.
  • As verteduras de calquera clase.
  • O asfaltado ou calquera procedemento semellante que desvirtúe a súa natureza.
  • O tránsito en vehículos todoterreo, motocicleta e calquera outro vehículo motorizado.
  • As ocupacións ou instalacións non autorizadas.

Agresións ambientais

  • As vías pecuarias españolas vense ameazadas polos cultivos dalgúns labregos contiguos, que alteran os fitos e invaden as quenllas mesmo con plantacións permanentes de árbores froiteiras e viñas.
  • Foron invadidas pola urbanización dos tramos de quenlla máis próximos a núcleos urbanos. No mellor dos casos deséñanse alternativas de paso, pero as máis delas adoitan ser impracticables.
  • A implantación de infraestruturas viarias (circunvalacións, variantes) sobre tramos enteiros de quenllas sen camiños alternativos xerou barreiras infranqueables para os rabaños.
  • A ocupación das vías pecuarias por verteduras incontroladas de cascallos, pedras, lixo e todo tipo de refugallos que ninguén quere no seu terreo particular impide o seu uso e dificulta a súa rexeneración.
  • Algúns proxectos de desenvolvemento rural modifican profundamente, cando non provocan a desaparición física, as dimensións das quenllas (novos regadíos, concentracións parcelarias, repoboacións forestais, creación de pasteiros…).
  • A neglixencia de moitas entidades locais ó descoidar a actualización dos antigos catastros e a inclusión da rede de quenllas na súa planificación urbanística dificulta o seu mantemento.
¿Cómo adaptarlas al siglo XXI?
  • Zonas verdes: nas proximidades das aldeas as quenllas ofrecen un solo público no que é posible acondicionar áreas verdes de expansión e paseos con árbores, que, como corredoiras biolóxicas, faciliten o contacto natural entre o espazo urbano e o medio agrícola.
  • Turismo rural e cultural: as quenllas son auténticas rutas culturais, o seu trazado une aldeas e paisaxes, percorréndoas é posible descubrir a gran diversidade de contrastes da nosa terra. Ademais, poden aproveitarse como aulas de natureza para escolares e como soporte para o turismo rural en auxe.
  • Espazos recreativos: percorrer a quenlla a pé, en bici ou a cabalo é unha aventura ó alcance de todos. Neste sentido, as diversas Federacións de Montaña promoven a sinalización e equipamento das quenllas como rede básica de sendeiros de curto ou longo percorrido (GRs).