Contaminación da auga

Medicamentos na auga, os novos contaminantes

Se ben aínda non se coñece ben o risco deste tipo de contaminación, nos últimos anos comezáronse a investigar os seus efectos e o xeito de eliminalos
1 Xaneiro de 2007
Img medioambiente listado 443

Medicamentos na auga, os novos contaminantes

/imgs/20070101/img.medioambiente.01.jpg Se as augas de ríos e lagos conteñen compostos contaminantes que proveñen da industria e da agricultura, por que non ían conter fármacos? A pregunta pode resultar inxenua, pero a realidade é que ata hai moi pouco non se empezou a constatar precisamente iso, que os analxésicos, antiinflamatorios, anticonceptivos, antibióticos e produtos diversos que enchen as nosas boticas de primeiros auxilios e que se toman con máis ou menos asiduidade, rematan, en última instancia, nas augas de ríos e lagos. As cantidades rexistradas non supoñen, polo momento, un risco para a saúde humana, pero preocupan os riscos da interacción das diferentes substancias.

Cando unha persoa ou un animal toma un medicamento, boa parte do composto activo que o forma acábase excretando a través dos ouriños e das feces. É así como recalan nas augas residuais que chegan ás plantas depuradoras para seren tratadas. O problema é que os tratamentos nestas plantas non son eficaces abondo para extraer os residuos farmacolóxicos na súa totalidade, polo que acaban viaxando ata os ríos, lagos, mares, acuíferos e, ao final, aínda que en cantidades moi pequenas, rematan nas nosas billas.

Que e onde?

/imgs/20070101/img.medioambiente.02.jpg Calcúlase, como media, que na auga residual se atopan máis de 20 fármacos de distinta composición, segundo o país e o consumo. O antidepresivo Prozac (fluoxetina) atopouse en lagos e ríos de Canadá e dos Estados Unidos. En Suecia, un estudo revelaba a mediados do 2005 que as augas do río Höje transportan diclofenaco, un antiinflamatorio de uso común, amais do antiepileptico carbamezapina, propanolol (un beta bloqueante para a insuficiencia cardíaca) e antibióticos como o trimetoprim e o sulfametoxazol.

En España, un traballo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) foi o primeiro que deu a alerta no 2005. Rastrexou os residuos farmacolóxicos ao longo de 18 puntos do río Ebro: en todos atoparon residuos de medicamentos, cos maiores niveis en varios puntos da provincia de Zaragoza e en Navarra. Entre os fármacos que se detectaron en maior medida destacan dous reguladores do colesterol, o ácido clofíbrico e o xemfibrozil; os analxésicos naproxeno e diclofenaco; o antiinflamatorio ibuprofeno; o antiepiléptico carbamezapina; e o atenolol, un beta-bloqueante.

O estudo revela, polo tanto, que dende o xel de baño ata a cafeína sen metabolizar do noso café matutino poden acabar nas augas. Tamén se empezaron a detectar cantidades significativas dun desinfectante antibacteriano, o triclosán, que se incorpora en moitos deterxentes e que preocupa porque podería xerar resistencias nas bacterias. En Italia, unha investigación do Instituto Mario Negri atopou no río Po cantidades inesperadas de cocaína: o caudal do río transporta diariamente o equivalente a catro quilogramos diarios desta droga, o que supón 1.460 quilogramos anuais (dato que revelou un consumo na poboación moi por riba das estimacións oficiais).

Acumúlanse e interaccionan

As concentracións destes residuos non supoñen un risco para a saúde humana. Por exemplo, o antiinflamatorio ibuprofeno adóitase dispensar en comprimidos de 400 miligramos e, segundo o devandito traballo do Ebro elaborado polo CSIC, a máxima concentración de ibuprofeno atopada no efluente dunha depuradora é de 3.000 nanogramos por litro de auga, o equivalente a 0,003 miligramos disoltos nese litro, moi por baixo do contido habitual dunha pastilla.

O que lles preocupa aos expertos é que en cada litro de auga non só pode haber ibuprofeno, senón outros moitos fármacos que poden interaccionar entre eles. Outro factor que cómpre ter en conta é o efecto acumulativo no ecosistema. Descubrir como lles afecta aos organismos acuáticos e, de maneira indirecta, á saúde humana, é unha das prioridades actuais. Un temor fundado é que a exposición constante dos microorganismos do ecosistema -na auga hai infinidade de virus e bacterias- aos antimicrobianos pode xerar patóxenos resistentes a eses fármacos, poñendo en perigo o tratamento a futuras infeccións. Non menos importantes son os efectos, aínda difíciles de prever, que teñen os residuos das pílulas anticonceptivas e de terapias hormonais, que seguen activas ao chegar ao medio, e poden alterar o sistema endócrino dos organismos.

Varios estudos xa revelaron a existencia de peixes con signos de intersexualidade, nos que se dá coexistencia de tecido testicular e de ovarios. Neste caso, o fenómeno non se pode atribuír só aos fármacos, senón que é o efecto combinado de contaminantes de orixe diversa: ás hormonas femininas sintéticas uniríanselles as hormonas naturais, como a proxesterona ou o estradiol (que nas augas residuais de grandes urbes alcanzan niveis moi elevados) e os contaminantes de orixe industrial, como o nonilfenol, que mimetizan as hormonas femininas.

Preguntas habituais

Pódense minimizar os residuos de fármacos? Si. Un dos mellores xeitos de contribuír á redución destes residuos é non medicarse innecesariamente e evitar lanzar os restos de medicamentos ao retrete, ao río, etc.

Como lles afecta ás persoas este tipo de contaminación? Polo de agora, non supoñen un risco inmediato para as persoas. Preocupan máis os seus efectos a medio e longo prazo, como a aparición de patóxenos resistentes aos antimicrobianos e os efectos no ecosistema. Por exemplo, se os fármacos afectan á reprodución dos peixes, iso minguará aínda máis os recursos pesqueiros.

Como afecta ao medio? Agora comeza a evidenciarse que os antibióticos poden afectar a plantas acuáticas e que o antiepiléptico carbamazepina supón un risco para os crustáceos. Tamén hai indicios de que o beta-bloqueante propanolol prexudica o crecemento do peixe medaka, unha variedade asiática de auga doce. Todo isto pode ter consecuencias, por efecto cascada, no resto do ecosistema.

Hai métodos para eliminar os restos de fármacos na auga? Estanse a estudar novos sistemas. Entre eles, o uso do ozono para extraer da auga algúns antibióticos e novos filtros de membranas. No caso de fármacos como o ibuprofeno, sábese que abondaría con que a auga residual permanecese máis tempo nas plantas depuradoras para a súa mellor extracción. Non desbaldir auga pode axudar a que as depuradoras teñan maior marxe de tempo para depurar as augas que lles van chegando.