Hortas urbanas, agricultura entre rañaceos

Amais dos seus beneficios terapéuticos e sociais, as hortas urbanas axudan a recuperar zonas verdes e a mitigar a acumulación da calor nas cidades
1 Xullo de 2008
Img medioambiente listado 553

Hortas urbanas, agricultura entre rañaceos

Espazos verdes e ecolóxicos plantados entre rañaceos, fábricas e polígonos industriais, as hortas urbanas representan dentro dos núcleos urbanos unha vía de contacto coa natureza, ao mesmo tempo que achegan beneficios educacionais, sociais, ambientais, terapéuticos e, nalgúns casos, económicos. Non é necesario para a súa creación e desenvolvemento dispor de grandes extensións de terreo; pódese utilizar un soar que está en desuso, as azoteas dos edificios ou os balcóns e terrazas da propia vivenda.

Condicións mínimas

Cada vez un maior número de cidades españolas apostan pola creación de hortas urbanas. A pioneira foi Barcelona, que en 1996 puxo en marcha a primeira rede de hortas urbanas reguladas, que establece como única condición para converterse nun dos seus usuarios ser maior de 65 anos e vivir no distrito onde se atopa a horta. Outras cidades tomaron como modelo o regulamento desa primeira rede e desenvolveron proxectos semellantes. Hai apenas uns meses, arrancaban as primeiras 30 hortas urbanas sostibles de Santander, dirixidas tamén a xubilados. O pasado xaneiro, o Concello de Las Palmas de Gran Canaria presentaba o seu proxecto de hortas urbanas, mentres que o de Albacete anunciaba a creación dunha trintena delas. Pero esta iniciativa non se destina en exclusiva aos xubilados; moitas escolas comezaron a implantar estas hortas promovidas por asociacións de pais de alumnos.

O acceso ás hortas urbanas realízase por sorteo, logo da inscrición dos interesados nunha lista de espera. Os afortunados teñen dereito a cultivar na parcela que se lle asigna durante un período determinado de anos sempre que se comprometan a cumprir unha serie de normas. Por exemplo, cada titular debe facerlle fronte aos gastos das súas propias sementes e plantas e nalgunhas hortas tamén pagan unha parte da auga de rega. Comprométense a destinar a súa colleita ao autoconsumo, a non instalar nin casetas nin soportais nin gaiolas para animais na horta e a respectar as parcelas veciñas. A cambio, dispoñen das ferramentas que lles facilita a propia entidade que promove a horta e da orientación técnica dos seus responsables.

A filosofía que rexe o funcionamento das hortas urbanas é a da agricultura ecolóxica presentada como unha actividade lúdico-educativa na que o obxectivo non é acadar a mellor colleita, senón coñecer a natureza e practicar unha agricultura respectuosa dende o punto de vista ambiental.

Tamén nos balcóns

O espazo reducido das cidades para acoller hortas contribuíu a que os balcóns e mais as azoteas das vivendas se convertan en lugares idóneos para o seu desenvolvemento. E aínda que se aprecian grandes diferenzas entre uns e outros, estes espazos contribúen a mitigar o efecto illa de calor urbana.

No 2001, Tokyo aprobou unha norma que esixía que os novos edificios privados cunha cuberta de máis de mil metros cadrados cubrisen polo menos o 20% da súa superficie con hortas. Alemaña conta con máis de trece millóns de metros cadrados de azoteas verdes e outros países onde se promove este tipo de hortas son Gran Bretaña, Hungría, Holanda, Suecia e Estados Unidos. Máis preto, en Barcelona, a concellería de Medio Ambiente lanzou xunto coa fundación Terra unha campaña para crear hortas en balcóns e terrazas, así como cursos de horticultura en diferentes centros cívicos da cidade.

No tocante aos coidados que precisan estas hortas, algúns expertos aseguran que é máis difícil manter unha horta no balcón ca na terra. A exposición ao vento é maior e hai que estar moi pendente das necesidades hídricas das plantas. No chan, as raíces das plantas atopan recursos para lograr nutrientes, pero nunha bandexa ou nunha maceta as raíces non poden chegar moi lonxe, polo que é importante garantir que a terra estea nutrida.

Ante estes posibles inconvenientes recoméndase que o lugar seleccionado para sementar as plantas conte polo menos con cinco horas de sol diarias, que estea protexido do vento e que se vixíe a miúdo a humidade das plantas, xa que nun recipiente pequeno é máis doado que a terra seque.

Beneficios sociais e educación ambiental

Son moitos os expertos que coinciden en subliñar os beneficios terapéuticos e sociais da horticultura. Por esta razón, en numerosas hortas disponse de parcelas reservadas para pacientes neurolóxicos ou con algún tipo de minusvalidez, e para mozos e adultos en risco de exclusión social. Ademais, no caso dos xubilados, os coidados na horta proporciónanlles a satisfacción de sentirse útiles e axudan a evitar depresións.

Pero as bondades destes espazos ecolóxicos urbanos non rematan aquí. As hortas son unha forma de educación ambiental e nutricional. De aí que os concellos concerten cada ano un maior número de visitas con diferentes escolas da zona para que os alumnos gocen da oportunidade de observar como se cultiva unha leituga. Por outra banda, o feito de fomentar o cultivo para o autoconsumo, aínda que só se trate dun par de hortalizas ao mes, achega unha nova perspectiva sobre a seguridade dos alimentos, o uso de produtos químicos e o coidado da terra.

Por outro lado, esta actividade fomenta a conciencia da reciclaxe dos refugallos (o abono que se usa elabórase cos residuos orgánicos), da conservación dos espazos comúns e da convivencia. Á fin e ao cabo, entre todos os usuarios deben manter coidada a horta, respectar as instalacións comúns e compartir as saídas de auga.

COMO CONSTRUÍR UNHA HORTA NO BALCÓN DA CASA
  • Elixir un lugar que reciba entre cinco e seis horas de sol diarias. Segundo a orientación, esas horas de sol poden variar ao longo do ano, o que determinará o tipo de plantas e hortalizas que se vaian cultivar.
  • Evitar as zonas con vento ou instalar algún tipo de protección para o bo mantemento das plantas (redes, valos protectores…).
  • Dispor dunha toma ou depósito de auga preto para regar.
  • Realizar algún curso de horticultura. As tendas de venda de sementes e moitas páxinas web son bos lugares para iniciarse nesta actividade.
  • Comezar sementando os vexetais propios da época: ravos ou leitugas, que se obteñen en pouco tempo, ou a cardamina (semellante ao agrón), que teñen sementes que xermolan decontado e que precisan pouco sol.
  • Controlar as pragas. Aínda que estas pequenas hortas son máis controlables, non están a salvo de insectos. Hai plantas que poden axudar ao seu exterminio; a capuchina repele o pulgón e as plantas aromáticas como a lavanda, o tomiño ou a sarxa axudan a que fungos, arañas e pulgóns non aparezan.