Edificios verdes

Construír de maneira sostible

Os edificios respectuosos saen algo máis caros, pero co tempo permiten aforrar en enerxía
1 Xuño de 2003
Img medioambiente listado 219

Construír de maneira sostible

O deseño, construcción e mantemento de edificios causa un grande impacto no medio natural e nos recursos naturais. As casas que habitamos e os nosos lugares de traballo e lecer son fonte de contaminación, pero este dano ó medio natural poderíase reducir considerablemente se se seguisen certas pautas á hora de construír novos edificios. Aínda hoxe constitúen unha importante fonte de contaminación que prexudica a calidade do aire urbano e que favorece o cambio climático: supoñen a metade das emisións de dióxido de sulfuro (presente nos combustibles e residuos domésticos), a cuarta parta das de óxido nitroso e a terceira das emisións de dióxido de carbono, o contaminante con maior incidencia no cambio de clima. Así as cousas, un dos desafíos das sociedades desenvolvidas é construír edificios que causen o menor uso posible de enerxía non renovable, que produzan menos contaminación e residuos e, por qué non, que resulten máis cómodos, económicos, saudables e seguros para as persoas que viven e traballan neles.

Vivendas “sas”

Segundo diversos estudios, case o 80% das vivendas españolas son pouco sas. Algo tan sinxelo como coloca-la cama sobre zonas denominadas xeopatóxenas (como correntes de auga ou masas minerais), pode provocar, segundo algunhas fontes, trastornos de saúde como tensión, caída do cabelo, descanso insuficiente, dores de cabeza ou problemas de costas. Os edificios e locais constrúense rapidamente, co obxectivo preferente de xerar beneficios económicos, deixando relativamente de lado o benestar e a saúde de quen os vai habitar ou utilizar como lugar de traballo ou de entretemento. Algúns dos materiais que se usan habitualmente están relacionados con trastornos de saúde. Por iso, nas construccións verdes utilízanse materiais inocuos e de baixo impacto ecolóxico (ladrillos cerámicos, madeira, pedra, fibras vexetais, terra e morteiros con cal). Evítanse o cemento, o ferro e os materiais sintéticos, e apóstase polos materiais transpirables, autóctonos e non contaminantes que faciliten a integración estética da edificación na paisaxe.

Os edificios denominados “verdes” e construídos seguindo pautas bioclimáticas poden acadar entre un 50% e un 80% de aforro enerxético con respecto ós convencionais. Para conseguilo, tórnase fundamental dar coa orientación que permita a máxima captación solar nas épocas frías. No deseño bioclimático téñense en conta as condicións do terreo, o percorrido do sol e as correntes de aire, e aplícanse todos estes aspectos na distribución dos espacios e na orientación das ventás coa finalidade de que non sexa preciso o uso do aire acondicionado ou da calefacción. Por iso, é importante a distribución das distintas estancias da casa: a zona de día ó sur; cociña, comedor e salón, ó sueste; baños e lugares de tránsito, como corredores ou vestíbulo, ó norte ou noroeste.

Reduci-lo gasto de enerxía e auga

Aínda que a electricidade é un tipo de enerxía aparentemente limpa, tamén produce contaminación electromagnética, sen esquecermos que xerala comporta un apreciable custo ambiental. Os complexos de edificios construídos a partir de criterios de sostibilidade dispoñen de sistemas de enerxías renovables, como pequenas plantas eólicas ou instalacións solares, se ben isto limita en boa medida os lugares onde poden emprazarse. Outro gasto importante dos edificios convencionais é a auga, tanto no seu período de construcción -precísanse 3,600 litros de auga para fabricar unha tonelada de cemento-, como durante o seu uso: en países como Gran Bretaña o consumo doméstico medio alcanza os 160 litros por persoa e día, e nos Estados Unidos supera os 220 litros. Un dos principais problemas da utilización da auga nos fogares é que raramente se distingue entre a auga para beber e o máis propio doutros usos domésticos. O inodoro, sen irmos máis lonxe, consome unha terceira parte do total da auga utilizada nas nosas casas. Un dos obxectivos dos edificios verdes é, precisamente, controla-lo gasto deste ben escaso e, particularmente, distinguir entre auga de consumo e de uso doméstico.

O custo adicional

Unha das razóns que explica a moi lenta implantación dos edificios verdes no noso país é o seu prezo, que se estima un 15% superior ó das vivendas convencionais, o que significa que unha vivenda de 120.000 euros pasaría a custar 138.000 euros. Os materiais usados no illamento e na instalación de sistemas de producción de enerxía solar explican ese sobrecusto. Pero este incremento no prezo supón ó final un aforro enerxético para o usuario, que reverterá na súa propia saúde e nun menor impacto ó medio natural. Malia ós beneficios que reporta este tipo de construcción, a arquitectura verde segue tendo un peso insignificante dentro da producción arquitectónica mundial. En España, o seu desenvolvemento limítase a escasas iniciativas de promoción pública e a sectores moi concienciados da iniciativa privada. Polo momento, a maioría deste tipo de construccións son vivendas unifamiliares construídas por persoas de certo poder adquisitivo e moi sensibilizadas coa deterioración ambiental.

Como é un edificio verde

As prácticas de construcción denominadas “verdes” ou “sostibles” perseguen crear edificios máis respectuosos co medio natural e máis eficientes no uso de recursos. Os principais trazos que diferencian ós edificios verdesson os seguintes:

  • Un edificio verde é unha estructura concibida para aumenta-la eficiencia e reduci-lo impacto ambiental, ó tempo que mellora o benestar dos seus usuarios. Por exemplo, a potenciación da luz natural no interior da vivenda non só repercutirá nun aforro económico e nun menor impacto ambiental, debido ó menor consumo de luz eléctrica, senón que tamén podería reduci-la posible fatiga dos seus ocupantes.
  • A construcción sostible non se caracteriza por un trazo concreto nin se limita a un conxunto de normas ou requisitos. Trátase dun proceso completo, que abarca desde a elección do solar no que se vai inicia-la construcción ata a proxección da estructura e a utilización de materiais ecolóxicos ou a posibilidade de reciclaxe dos mesmos.
  • Nos Estados Unidos este novo xeito de construír conta cun notable apoio técnico e financeiro procedente das administracións públicas. En Europa e en España existen programas de financiamento como o PAEE (FEDER-IDEA), SAVE 3, THERMIE… que, amais de ofreceren subvencións, certifican este tipo de obras mediante as etiquetas verdes ou ecolóxicas (LEEDS, ISO 14001, EEE…).
  • O aforro nas custas de mantemento e xestión do inmoble debe xustifica-lo custo superior do investimento inicial.

Aínda que os Estados Unidos foi o país pioneiro no desenvolvemento do concepto de sostibilidade inmobiliaria e de construcción, en España xa se pode atopar algún exemplo illado, como a sede central de Sanitas, o novo frontón de Ribafrecha (A Rioxa) ou o edificio de WWF, exemplos paradigmáticos a nivel nacional e europeo.