Carburantes e medio natural

Combustibles máis amigos do noso contorno

O pasado 1 de agosto desapareceu das estacións de servicio a gasolina súper. Foi substituída por un carburante de características semellantes que substitúe o chumbo por un aditivo composto de sales de potasio, que non contén metais pesados e que se considera máis apropiado para protexe-lo medio natural.
1 Outubro de 2001
Img listado medioambiente

Combustibles máis amigos do noso contorno

Este novo combustible destínase ós motores dos vehículos que non soportan a chamada gasolina verde e o seu prezo é semellante, malia a que o custo de producción é maior, xa que se compensa coa súa menor fiscalidade. A Asociación Española de Productos Petrolíferos estima que a Nova Súper 97, Nova Súper ou Ecosúper 97 -o seu nome depende da compañía que a subministra- se comercializará durante dous anos, prazo no que as petroleiras agardan que desaparezan a práctica totalidade dos coches que só admiten gasolina con chumbo, que alcanzan nestes momentos o millón e medio de vehículos.

Programa europeo Auto oil

A substitución da gasolina súper por outra máis amiga do medio ambiente responde ó propósito que se marcou o Parlamento Europeo entre 1994 e 1999, cando concibiu a loita contra a contaminación atmosférica como punta de lanza a favor da saúde pública e do medio ambiente. Os esforzos centráronse en modifica-la lexislación comunitaria sobre emisións contaminantes de vehículos para convertela na máis estricta do mundo. Tiveron presente que os seus axentes contaminantes -óxidos de carbono e de nitróxeno, hidrocarburos e partículas- se asocian a enfermidades como cancro, dificultades respiratorias, problemas oculares, enfermidades cardiovasculares e dores de cabeza crónicos. Tamén corroen materiais -máis dunha catedral erosionada- e atacan a todo tipo de vexetación. De feito, a Comisión estima que as custas externas, incluídos os médicos, que xorden da contaminación atmosférica causada polos vehículos de motor acadan o 3% do Producto Interior Bruto da Unión Europea. Neste contexto púxose en marcha o programa Auto-oil para mellora-la calidade do aire limitando as emisións dos vehículos. Participan nel, amais da Comisión Europea, a industria do automóbil e a petroleira, e marcouse o ano 2005 como data tope para rebaixa-la emisión de dióxido de carbono por quilómetro a 2,27 gramos nos vehículos de gasolina e a 0,74 gramos nos de gasóleo.

Substancias nocivas para o medio natural dos autos de gasolina

Xunto ós problemas de saúde, estímase que os vehículos a motor representan a fonte de maior contaminación ambiental, xa que son os principais xeradores de monóxido de carbono (CO), óxidos de nitróxeno (NOx), compostos orgánicos volátiles (cov) e gases responsables do efecto invernadoiro (CO2 e metano). Malia ós esforzos por reduci-los aditivos de chumbo nos combustibles, as emisións de compostos de chumbo aínda constitúen un problema da calidade do aire. Os vehículos a motor contribúen con outros contaminantes tóxicos como o benceno, butadieno e outros carcinóxenos asociados a pequenas partículas sólidas emitidas polo tubo de escape. A Axencia de Protección Ambiental dos Estados Unidos configurou unha lista coas 20 substancias máis perigosas para o medio natural en orde decrecente de ameaza. Dos primeiros cinco elementos (chumbo, arsénico, mercurio, cloruro de vinilo e benceno) dous están asociados cos carburantes: o chumbo e o benceno. A gasolina xera, ademais, outros contaminantes a través dos seus vapores e mediante a combustión. A evaporación do combustible nalgunhas partes do sistema motriz contribúe á emisión global de hidrocarburos en arredor do 30% do total das emisións de fontes móbiles.

Plantas interiores que axudan ó medio natural

As plantas, os pulmóns do noso sufocado planeta Terra, encargáronse durante millóns de anos de transforma-lo dióxido de carbono, coa axuda da enerxía solar, en carbohidratos e osíxeno. A NASA estudiou cáles son as plantas de interior capaces de neutralizaren os contaminantes comúns dentro das casas, como o temido benceno e o monóxido de carbono. A conclusión foi que plantas como as Dracaenas (D. Janet Craig, D. Marginata, D. Massangeana, D. Warneckii), a hedra inglesa (Hedera helix) e algúns crisantemos (Chrysantheium morifolium) son poderosos absorbentes. Considere tamén o poder anticontaminante das plantas de interior, amais do seu aspecto decorativo, a vindeira vez que merque algunha.

Consulta-lo prezo da gasolina a través do móbil

Gracias ó convenio asinado entre a Secretaría de Estado de Economía, Enerxía e Peme coas principais operadoras de telefonía móbil, os usuarios poden consulta-los prezos da gasolina nas diferentes estacións de servicio a través do móbil.

A información, actualizada semanalmente, será difundida polas operadoras mediante mensaxes curtos SMS, WAP, Internet ou calquera outro procedemento, sen un custo engadido para o usuario. Esta información sinalarase en función da localización do usuario e nun radio de acción determinado, ordenada segundo os criterios de distancia a unha gasolineira, o tipo de combustible ou prezo.

Os vehículos de hoxe, tamén do futuro

Tamén a enxeñería ecolóxica relacionada coa automoción busca alternativas realistas ó grave problema de contaminación que supoñen os refugallos dos automóbiles. Impóñense a reducción, reutilizacion e reciclaxe destes materiais. E é que precisamente a protección do medio se considera como elemento crítico do funcionamento da industria da automoción. Por iso, para valora-los beneficios económicos cada vez se teñen máis en conta aspectos ambientais, amais do custo, a calidade e o uso dos materiais. A tendencia á reutilización comeza a proliferar: os huaraches ou sandalias con sola de pina son exemplo da reutilización de pneumáticos. Colócanse pinas picadas na pista dalgúns hipódromos de Inglaterra para amortece-lo golpe dos pezuños dos cabalos contra o chan. O ferro da carrocería, chasis, motor, sistema de transmisión, etc., tamén é reutilizable. Sen embargo, a maioría dos plásticos e fibras sintéticas do interior do automóbil resultan difíciles de reciclar ou reutilizar.