Hidróxeno, o último

Combustibles alternativos para un transporte menos contaminante

As normativas ambientais e o esgotamento do petróleo están conducindo a industria a optar por enerxías alternativas
1 Maio de 2003
Img medioambiente listado 213

Combustibles alternativos para un transporte menos contaminante

A recente estrea en Madrid dun autobús propulsado por unha pila de combustible alimentada por hidróxeno pódese interpretar coma outro modesto paso cara á hoxe aínda utópica era do transporte sostible. A súa elevada eficiencia enerxética e a non emisión de contaminantes á atmosfera na súa producción e uso, converten o hidróxeno nunha alternativa aparentemente máis viable ca outras para reduci-lo dano ecolóxico causado polo consumo de combustibles contaminantes nunha sociedade coma a nosa, cunha conformación económica e cuns usos sociais que demanda cada ano que pasa unha maior mobilidade.

En Europa hai 400 coches por cada 1.000 habitantes, e estímase que no 2010 a proporción chegará ós 510. O consumo dun millón de litros de gasolina supón a emisión de 2,4 millóns de quilos de dióxido de carbono á atmosfera. Son datos que explican a importancia de dar cun carburante que estrague menos o contorno e a saúde dos seres humanos.

Un contexto legal esixente, con normativas ambientais cada vez máis estrictas, e o lento pero inexorable esgotamento das reservas de petróleo parecen estar impulsando a industria a optar por enerxías alternativas ós combustibles fósiles convencionais; o hidróxeno, polo tanto, aspira a se converter nunha destas opcións de futuro para un planeta que non pode traduci-lo seu imparable consumo de enerxía nun aumento da contaminación e da deterioración ambiental.

Este autobús a hidróxeno, que ofrecerá un servicio diario, porá a proba a viabilidade que o hidróxeno demostrou como combustible nas probas técnicas realizadas en laboratorio. O hidróxeno é o elemento máis abondoso na terra e na atmosfera, e caracterízase polo seu alto nivel de ignición: queima con facilidade en contacto co osíxeno.

Pilas de combustible: cómo funcionan

Unha pila de combustible é un dispositivo que funciona como unha batería, pero que non se esgota nin se recarga. Mediante un proceso de combustión fría, converte a enerxía química dun combustible en enerxía eléctrica útil, amais de calor e auga pura, todo iso sen un proceso de combustión como paso intermedio. Estas pilas de combustible están formadas por dous electrodos separados por un electrólito, e xeran electricidade sempre que se lles forneza de combustible e de osíxeno. Poden utilizar hidróxeno puro de maneira directa, ou calquera combustible (gasolina, metanol, metano, hidróxeno, etanol, gas natural, gas licuado, etc.) que permita obter gas rico en hidróxeno mediante un proceso interno de reformado.

O primeiro automóbil a hidróxeno fabricado en serie

O motor deste BMW da Serie 7, con doce cilindros e propulsado con hidróxeno, ten unha potencia de 150 kW, unha aceleración de 0 a 100 km/h en 9,6 segundos, e alcanza unha velocidade máxima de 226 km/h. Gracias ó seu tanque crioxénico de 140 litros, ten un alcance de 350 quilómetros. A iso súmase unha alimentación convencional a nafta, que -en virtude da aínda moi incompleta rede de subministración con hidróxeno- permanece sempre a bordo. O motor só ten unha diferencia substancial con respecto ós convencionais: ten válvulas inxectoras adicionais para o hidróxeno.


Vantaxes

  • Nula emisión de contaminantes.
  • Prestacións equiparables ás dun automóbil convencional.
  • Consumo e mantemento inferior ó de calquera coche actual.


Desvantaxes

  • Peso elevado da pila de combustible, que se instala nos coches-prototipo.
  • Carencia de infraestructuras para a subministración de hidróxeno, metanol ou gas natural.
  • Fiabilidade aínda por demostrar de diversos elementos.
  • Elevado custo, debido á escasa producción dalgúns compoñentes. Hoxe, un coche con pila de combustible custa aproximadamente un 30% máis ca un de gasolina ou diesel con prestacións semellantes.

A tecnoloxía da pila de combustible obtivo salientables avances nos últimos anos, e algúns fabricantes de automóbiles xa comezaron a ensaiar esta tecnoloxía na propulsión de automóbiles experimentais ou como fonte de enerxía alternativa. Non obstante, estes prototipos aínda son demasiado pesados e custosos, xa que as pilas de combustible resultan voluminosas, pesadas e caras. Nos Estados Unidos, os tres maiores fabricantes de automóbiles desenvolven, en cooperación con compañías especializadas, os seus propios automóbiles con sistema de pila de combustible.

Outros combustibles alternativos

O desenvolvemento do hidróxeno como candidato número un a erixirse en combustible alternativo ó petróleo relegou os vehículos eléctricos a un segundo plano, pero non nos debemos esquecer deles, xa que ofrecen bos resultados, especialmente na lenta circulación urbana. Ademais, permiten a posibilidade de combina-lo motor eléctrico cun pequeno propulsor de combustión interna que se empregaría na estrada.

O gas natural é un combustible que se emprega desde hai máis de corenta anos, pero a dificultade de almacenaxe e a súa escasa autonomía relegárono ó transporte urbano. Outra posibilidade é a enerxía solar, pero a necesidade de grandes paneis que habería que instalar nos vehículos faina incompatible coa tendencia do mercado a producir coches cada vez máis lixeiros e rápidos. Outra alternativa constitúena o etanol e o metanol, dous alcohois que contan ó seu favor con moitos argumentos: son líquidos inflamables, incoloros e de pouca toxicidade, posúen unha alta octanaxe e unha gran solubilidade en gasolina e, ademais, o etanol úsase como aditivo que se lle engade á gasolina para osixenala porque axuda a unha mellor e máis limpa combustión. Lamentablemente, coa tecnoloxía actual e cos altos prezos da súa producción, estes carburantes resultan notablemente máis caros cós convencionais, polo que o seu futuro é pouco prometedor.

Que facer para contaminar menos
  • Usémo-lo transporte público sempre que sexa posible, porque contamina menos. Ademais, case sempre sae máis económico có propio.
  • Usemos gasolina sen chumbo. O chumbo dos gases de escape faille dano ó fígado, ó cerebro e ós riles do ser humano, amais de fomenta-lo efecto invernadoiro.
  • Empreguémo-la bicicleta sempre que poidamos. É máis ecolóxica, non contamina, resulta moi saudable porque nos obriga a facer exercicio físico e non fai ruídos.
  • Uns pneumáticos correctamente inflados aforran ata un 5% no consumo de gasolina. Isto significa menos gasto e menos contaminación.
  • Mante-lo motor a punto evita o gasto inútil de combustible e reduce a emisión de gases.
  • Se cambiámo-lo aceite do coche, non guindémo-lo aceite usado ó río, ó mar nin ó lavabo ou ó inodoro: unha lata de aceite provoca unha mancha de 5 quilómetros de extensión e un só litro de aceite contamina un millón de litros de auga potable.
  • Non queimémo-lo aceite usado: a combustión dos 5 litros de aceite que leva o cárter pode contamina-la cantidade de aire que respira unha persoa en 3 anos. Na súa combustión prodúcense dioxinas e furanos, velenosos e canceríxenos.
  • Conduzamos a unha velocidade moderada. Mantendo unha velocidade constante de 90-100 km/h, o consumo de gasolina e a emisión de contaminantes serán menores que se conducimos máis rápido.
  • Non levemos no coche pesos innecesarios. E manteñámo-las ventás pechadas. Con estas dúas medidas consómese menos carburante.