Claves para entender os símbolos da reciclaxe

Identificalos non só permite saber como reciclar, senón que tamén é a mellor maneira de se concienciar da importancia deste hábito
1 Novembro de 2011
Img medioambiente listado 700

Claves para entender os símbolos da reciclaxe

Non son xeroglíficos nin signos ao chou, senón símbolos de reciclaxe. Os envases ou produtos que os levan lémbrannos que poden ser ou que foron reciclados e todos eles ofrecen información tan diversa como o tipo de material co que están fabricados ou o lugar concreto onde deben depositarse para a súa conveniente reciclaxe. Grazas a iso os consumidores poden concienciarse da importancia de reciclar, un hábito que axuda a aforrar enerxía, materias primas e o propio proceso de recollida e eliminación de lixos.

Un envase co Punto Verde significa que a súa empresa responsable cumpre coa Lei de residuos. É dicir, garántese que ao se converter en residuo este envase se vai reciclar e valorizar, normalmente mediante o Sistema Integrado de Xestión de Residuos de Envases (SIX), xestionado por Ecoembes. Os envases que poden levar este distintivo son de plástico, envases metálicos e envases tipo brik; de cartón e papel; e de vidro (neste último caso xestiónaos Ecovidrio).

Pola súa banda, o anel ou círculo de Möbius converteuse no símbolo internacional da reciclaxe, se ben deu lugar a diversos identificadores. Cando o anel aparece sen máis significa que o produto ou envase se elaborou con materiais que poden ser reciclables. Se o anel está dentro dun círculo, quere dicir que parte dos materiais do produto ou envase foron reciclados. O símbolo pode especificar a porcentaxe de produto reciclado que contén (neste caso, un 20%). Este dato figura a miúdo en envases e caixas de cartón.

O símbolo Tidyman, unha figura humana que deposita un residuo nunha papeleira, indícalle ao consumidor que se responsabilice de desfacerse del nun lugar axeitado.

De xeito similar, as botellas de vidro poden levar tamén un símbolo que combine un anel de Möbius e un boneco que deposita un destes envases nun colector. Recálcaselle así ao consumidor a importancia de utilizar os colectores ou iglús verdes.

Orixe e significado dos símbolos de reciclaxe

O símbolo orixinal da reciclaxe créase en 1970 dentro dun concurso de deseño entre estudantes estadounidenses, organizado pola Container Corporation of America como parte do primeiro Día da Terra. O gañador foi Gary Anderson, un estudante de último curso da Universidade de California del Sur, nos Ánxeles.

O símbolo é un círculo de Möbius e cada unha das súas tres frechas representa un dos pasos do proceso de reciclaxe: recollida de materiais para reciclar, o proceso mesmo da reciclaxe e a compra destes produtos reciclados, de xeito que o sistema continúa unha e outra vez. Anderson baseouse no seu deseño na banda descuberta en 1858 polo matemático e astrónomo alemán August Ferdinand Möbius (1790-1868).

O símbolo do Punto Verde creouno en 1991 a empresa privada alemá sen ánimo de lucro Duales System Deutschland AG. Logo adoptárono outros países da Unión Europea (UE) e, en 1994, os Estados membros decidiron que fose a marca para a Directiva Europea de Envases e Residuos de Envases. En Estados Unidos tamén se utiliza, aínda que neste caso as empresas que o colocan nos seus envases non só se comprometen a reciclar, senón tamén a reducir o uso de material de envasado e que este sexa máis doado de reciclar.

A reciclaxe aumenta en España

/imgs/20111101/medioambiente2.jpg
Os consumidores están cada vez máis concienciados pola reciclaxe. Polo menos así se deduce dos datos que os principais Sistemas Integrados de Xestión de Residuos (SIX) ofrecen cada ano. Segundo Ecoembes, no 2010 reciclouse o 45,3% dos envases de plástico (323.030 toneladas), o 83% dos envases de cartón e papel (646.186 toneladas) e o 71,5% de metais (240.710 toneladas).

A Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (Aspapel) asegura que a reciclaxe de papel e cartón en España medrou un 11% no 2010, equivalente a 4,6 millóns de toneladas. Aforrouse así un volume en vertedoiro de máis de 45 grandes estadios de fútbol.

Pola súa banda, un 79,2% dos españois afirma reciclar vidro sempre, segundo un estudo de Ecovidrio. O perfil do cidadán que declara reciclar sempre os seus envases de vidro é muller, maior de 44 anos e residente en Aragón, A Rioxa, Navarra, Cataluña e País Vasco.

Neste sentido, algunhas iniciativas impulsadas en certas comunidades autónomas deberían ser un exemplo a seguir. É o caso da Mancomunidade de Sanmarko, en Gipúscoa. Os seus responsables destacan polo impulso das medidas de reciclaxe de envases, da recollida de aceite usado, ou do sistema ‘porta a porta’ de recollida de residuos.

Os sete símbolos do plástico

A gran diversidade de materiais plásticos levou a crear unha variada tipoloxía para identificalos. Neste caso, as frechas do anel – sinal de que se pode reciclar dalgún xeito- son máis estreitas e conteñen un número e unhas letras que sinalan o tipo de material. Un consumidor pode atopar no mercado os seguintes símbolos:

  1. PET ou PETE (Polietileno tereftalato). É o plástico típico de envases de alimentos e bebidas grazas a que é lixeiro, non é caro e é reciclable. Unha vez reciclado, o PET pódese utilizar en mobles, alfombras, fibras téxtiles, pezas de automóbil e, de xeito ocasional, en novos envases de alimentos.
  2. HDPE (Polietileno de alta densidade). Grazas á súa versatilidade e resistencia química utilízase, sobre todo, en envases, en produtos de limpeza de fogar ou químicos industriais, como botellas de xampú, deterxente, cloro, etc. Tamén se emprega en envases de leite, zumes, iogur, auga e bolsas de lixo e de supermercados. Recíclase de moi diversos xeitos, como en tubos, botellas de deterxentes e limpadores, mobles de xardín, botes de aceite, etc.
  3. V ou PVC (Vinílicos ou Cloruro de polivinilo). Tamén é moi resistente, polo que é moi utilizado en limpadores de ventás, botellas de deterxente, xampús, aceites e mangueiras, equipamentos médicos, ventás, tubos de drenaxe, materiais para a construción, forro para cables, etc. Aínda que non se recicla a miúdo, utilízase en paneis, tarimas, caneiros de estrada, tapetes, etc. O PVC pode soltar diversas toxinas (non hai que queimalo nin deixar que toque alimentos), polo que é preferible utilizar outro tipo de substancias naturais.
  4. LDPE (Polietileno de baixa densidade). Este plástico forte, flexible e transparente pódese atopar nalgunhas botellas e en bolsas moi diversas (da compra ou para comida conxelada, pan, etc.), nalgúns mobles e en alfombras, entre outros. Tras a súa reciclaxe, pódese utilizar de novo en colectores e papeleiras, sobres, paneis, canalizacións ou baldosas.
  5. PP (Polipropileno). O seu alto punto de fusión permite envases capaces de conter líquidos e alimentos quentes. Utilízase na fabricación de envases médicos, iogures, palliñas, botes de kétchup, tapas e algúns colectores de cociña, entre outros. Ao reciclarse pódense obter sinais luminosas, cables de batería, vasoiras, cepillos, raspetas de xeo, bastidores de bicicleta, anciños, caldeiros, paletas, bandexas, etc.
  6. PS (Poliestireno). Utilizado en pratos e vasos de usar e tirar, oveiras, bandexas de carne, envases de aspirina, caixas de CD, etc. O seu baixo punto de fusión fai posible que poida derreterse en contacto coa calor. Algunhas organizacións ecoloxistas subliñan que é un material difícil de reciclar (aínda que en tal caso se poden obter diversos produtos) e que pode emitir toxinas.
  7. Outros. Neste caixón de xastre inclúese unha gran diversidade de plásticos moi difíciles de reciclar. Con estes materiais elabóranse algunhas clases de botellas de auga, materiais a proba de balas, DVD, lentes de sol, MP3 e PC, certos envases de alimentos, etc.

Como variantes destes símbolos de materiais plásticos pódense atopar unicamente os números, sen os acrónimos, ou co anel máis groso de Möbius e, no seu interior, o número que corresponda. Se o acrónimo leva un “R” diante, significa que o produto contén materiais plásticos reciclados. Pola súa banda, se o símbolo leva o acrónimo ABS, refírese ao acrilonitrilo butadieno estireno, un plástico moi duro utilizado en automoción e en usos industriais e mais domésticos.

Amais do vidro, o papel ou algúns plásticos, outros materiais tamén se poden reciclar e levan os seus símbolos característicos. Tal é o caso de metais como o aluminio ou o aceiro.