Cidadáns fronte ao cambio climático

O movemento Clima, impulsado dende España, pretende implicar a cidadanía na loita contra o efecto invernadoiro
1 Febreiro de 2007
Img medioambiente listado 449

Cidadáns fronte ao cambio climático

/imgs/20070201/img.medioambiente.01.jpg O cumio de Nacións Unidas sobre o cambio climático celebrado en Nairobi o pasado mes de novembro viu nacer o Movemento Clima, unha iniciativa que se promove dende España e que reclama a participación dos cidadáns para axudar a frear as emisións de CO2. Impulsado por catro organizacións nacionais e internacionais e co apoio do Ministerio de Medio Ambiente, a iniciativa intenta concienciar o maior número posible de cidadáns de que eles poden contribuír para mitigar o cambio climático. Non facelo suporá que millóns de persoas, en especial as máis vulnerables, sufrirán un maior risco de inundacións, secas, furacáns e fames, e os danos ecolóxicos e económicos en todo o planeta acadarán valores sen precedentes.

Como pode actuar a cidadanía?

Nesta última liña enmárcanse accións como o Movemento Clima. WWF/Adena, unha das organizacións promotoras, explica que reducir o gasto doméstico de consumo eléctrico é unha maneira relativamente sinxela de contribuír a reducir as emisións sen deixar de facer o que se fai sempre. Trátase tan só de evitar o gasto inútil, como ter aparellos acesos cando non se usan.

Un exemplo son os ordenadores e os aparellos de son. Se están apagados pero permanecen enchufados, seguen consumindo electricidade. Este gasto evítase simplemente desenchufando os aparellos. Hai outra moi boa razón para desconectar os equipos da instalación eléctrica: as caídas e subidas de tensión e mais os picos (repentinas subidas de tensión a niveis moi altos) teñen un impacto negativo en todos os aparellos electrónicos e pódenos danar seriamente aínda que estean apagados. Desenchufar os equipos é unha maneira sinxela de protexelos e, de paso, de aforrar electricidade.

Entre outras medidas que se promoven está o uso de lámpadas de baixo consumo (só cambiando catro lámpadas pode aforrar 36 euros na factura da luz ao cabo do ano), mellorar o illamento das portas e ventás poñendo burletes, o que permitiría reducir ata un 10% o gasto de calefacción ou, en caso de mercar un electrodoméstico, optar polos de clase enerxética A, que consumen ata un 60% menos enerxía ca outro similar de clase D.

O aforro en cifras

A electricidade é unha das fontes máis importantes de emisións de gases efecto invernadoiro. O gasto de electricidade a nivel doméstico supón entre un 20% e un 30% do consumo eléctrico de España, que en 2004 foi de 238.730 millóns de quilovatios segundo a Asociación Española da Industria Eléctrica. Con accións como as que se promoven poderase reducir entre un 2% e un 5% de toda a electricidade consumida en España, explican desde WWF/Adena e ata o 10% do consumo doméstico.

Estimouse que cada quilovatio supón, en España, unha emisión de 0,379 quilogramos de dióxido de carbono á atmosfera. O consumo medio por fogar é de 363,5 quilovatios ao mes, segundo o Ministerio de Medio Ambiente, así que se estaría falando de emisións de ata 126 quilogramos de CO2 mensuais, 1.513 ao ano. Se se reducise o consumo en cada fogar un 10%, poderíase conseguir una redución proporcional de emisións de gases efecto invernadoiro, uns 150 quilogramos por fogar. O equivalente ao que se emite nun só mes.

Segundo recorda o informe Stern [un documento sobre o impacto do cambio climático na economía mundial elaborado polo economista Nicholas Stern por encargo do goberno británico e publicado o pasado outubro de 2006], se non se adoptan medidas e se segue como ata agora, o nivel de gases de efecto invernadoiro poderíase triplicar a finais deste século, o que comportaría o risco de que nas seguintes décadas a temperatura global aumente máis de 5 grados.

Cálculos pouco prometedores

As consecuencias dese aumento poñen o home, di o informe, nun “terreo descoñecido”. Para dar unha idea do que pode supor, a temperatura actual é de media 5 graos máis alta ca a que se rexistrou durante a última era glacial, hai 20.000 anos. Se “só” 5 graos causa esas diferenzas, pódese deducir que as perspectivas non son nada prometedoras.

Así, pódense agardar efectos como inundacións que ameazarán a cidades como Londres, Nova York, Barcelona ou Hong Kong, próximas á costa o con ríos cun caudal que pode aumentar; perda de colleitas en rexións enteiras; desaparición de especies; aumento de intensidade dos furacáns; maior risco de cambios abruptos no clima ou a fusión irreversible da capa de xeo de Groenlandia.

Repercusións económicas graves

Hai aspectos ante os que aínda hai moita incerteza, como a relación entre os cambios globais e os cambios climáticos rexionais. Do que non hai dúbida, afirma o informe, é de que os cambios terán repercusións económicas graves. “As nosas accións nas décadas inmediatamente vindeiras”, di, “poden implicar un risco moi serio para a actividade económica e social durante o resto deste século e mais o vindeiro, dunha escala parecida ao das grandes guerras e á da Gran Depresión”.

Evitar ou limitar o cambio

Non obstante, o informe tamén apunta un posible escenario no que, se se efectúan as actuacións axeitadas, se poidan conter e estabilizar as emisións de CO2. Iso non evitaría o cambio climático, pero si o limitaría. As accións propostas van en tres direccións: regular as emisións de carbono, apoiar a innovación e o desenvolvemento de tecnoloxías limpas e, a última pero non menos importante, conseguir a eficiencia enerxética e informar a sociedade para lograr un cambio de comportamento.

Guía para colaborar contra o cambio climático

/imgs/20070201/img.medioambiente.02.jpg

  • Apagar e desenchufar aparello de música, televisor e ordenador cando non se usan aforra 87,2 quilogramos de CO2 anuais.
  • Desenchufar o cargador do móbil cando se remata a carga aforra 6 quilogramos de CO2 anuais.
  • Pór a lavadora só cando está chea e con programas de baixa temperatura, aforro de 359,8 quilogramos de CO2 anuais.
  • Unha ducha rápida no canto dun baño, aforra 531 quilogramos de CO2 anuais.
  • Baixar 1 grao a calefacción en inverno, aforra 228,7 quilogramos de CO2 anuais.
  • Catro lámpadas de baixo consumo supoñen un aforro de 179 quilogramos de CO2 anuais.
  • Baixar persianas e evitar o uso de aire acondicionado aforran 578 quilogramos de CO2 anuais.
  • Usar o transporte publico, ou ir a pé ou en bici ao traballo. Aforro de 305 quilogramos de CO2 anuais.
  • Illar axeitadamente portas e ventás para que non entre aire frío. Aforro de 286 quilogramos de CO2 anuais.
  • Escoller electrodomésticos de clase A. Aforro de 293 quilogramos de CO2 anuais.