Cidades e medio

Cara a unha cidade verde

As necesidades alimenticias, enerxéticas e territoriais dunha poboación urbana crecente obrigan a unha reinvención das cidades
1 Decembro de 2006
Img medioambiente listado 431

Cara a unha cidade verde

/imgs/20061201/img.medioambiente.01.jpgAs cidades medran ao mesmo tempo que o fan os problemas provocados polo ruído, a contaminación, a desertización ou o impacto do cambio climático. No século pasado soñábase co ideal de cidade xardín, que propuña unha unión entre o urbano e o rural. Pero as grandes urbes medraron de xeito desmesurado, teñen altas densidades de poboación e poucos espazos naturais. Ademais, deben facerlles fronte a novos problemas, como o tráfico, a enerxía ou a escaseza de auga. Por iso, o concepto cidade xardín xa non é realista e as cidades deben reinventarse para seren un pouco máis verdes e sostibles.

Tapiola é o soño dunha cidade xardín integrada na natureza. A oito quilómetros de Helsinki, esta cidade finesa de 41.000 habitantes concibiuse en 1953 seguindo o ideal de cidade xardín de comezos do século XX. Está formada por varias seccións residenciais separadas por cintos verdes. Cada unha delas organízase en varios poboados que se agrupan arredor dun centro comercial e de servizos, e deste parten camiños e parques que conducen a estes varios poboados. No medio destas seccións sitúase outra área, a “City”, onde se reúnen edificios institucionais, despachos e comercios. As fábricas e industrias atópanse noutra área específica, arrodeada de vexetación co fin de reducir o ruído e a contaminación, pero preto abondo como para poder chegar a elas andando. Agora ben, Tapiola está moi lonxe da realidade que se impuxo nas grandes urbes do planeta, baseada nunha urbanización cega con mellor ou peor fortuna.

Sostibilidade urbana

A metade da poboación do planeta, 3.200 millóns de persoas, vive en cidades. Parte desta cidadanía, en especial nos países ricos, busca un modo de vida máis próximo á natureza en urbanizacións de chalés e casas pegadas. Pero non é unha opción mellor: segundo todos os expertos, son ecoloxicamente insostibles polo seu consumo esaxerado de solo por persoa, polo seu gasto enerxético alto e pola dependencia exclusiva do transporte en automóbiles particulares.

Outro dos grandes problemas que ameaza as cidades ten que ver coa súa gran dependencia do exterior no que atinxe a recursos e coa súa gran capacidade de xerar residuos. Calculouse que nunha cidade dun millón de persoas no mundo occidental entran cada día 2.000 toneladas de alimento, 625.000 de auga e 9.500 de combustible. Os residuos non son menores: 500.000 toneladas de augas residuais, 950 toneladas de contaminación aérea e 9.500 de refugallos.

O camiño cara a unha cidade verde pasa por mellorar en seis áreas interrelacionadas: auga, residuos, alimentos, enerxía, transporte e uso do territorio. O informe “Reinventando as cidades para as persoas e o planeta” do Worldwatch Institute aborda algunhas ideas para mellorar a xestión desas áreas. Entre elas cómpre salientar as seguintes:

  • Transporte e territorio
    Un exemplo de planificación integrada é a cidade de Curitiba (Brasil). En 1970, a cidade estableceu varias estradas principais que transcorrían dende o centro ata a periferia para que fosen as principais vías de circulación, e as zonas intermedias quedaron como zonas peonís. En Curitiba, unha de cada tres persoas ten coche, pero os dous terzos dos traxectos fanse en transporte público. Dende 1974, o tráfico descendeu un 30%.
  • A auga e as zonas verdes
    Conservar as canles e ribeiras de ríos preserva mellor a dispoñibilidade de auga e reduce o risco de sufrir inundacións. Se se manteñen como ámbito natural (sen cubrir de cemento, nin urbanizar, conservando a vexetación natural) pódeselle facilitar á poboación un parque natural e un refuxio para a biodiversidade da zona.
    Outro problema derivado da poboación crecente é a necesidade de construír novas depuradoras para augas residuais. Un xeito de preservar espazos verdes e de lle dar, ademais, unha resposta ao tratamento de augas residuais é o uso de humedais. Aínda que ocupan máis terreo ca as plantas habituais, son máis económicos, evitan a produción de lama e proporcionan unha zona verde.
  • Máis autonomía en alimentos e enerxía
    O interese crecente da poboación pola produción orgánica pódese ver satisfeito coa preservación de granxas próximas á cidade. A agricultura comunitaria, que se iniciou en Xapón, Suíza e Alemaña, supón que os consumidores lles pagan aos labregos unha taxa a cambio dunha caixa de vexetais cada semana. Tamén se pode cultivar dentro da cidade, aproveitando patios, xardíns dos mercados ou soares. É a idea das hortas urbanas, que comezaron a proliferar en diferentes concellos e organizacións de toda España.
    Unha maior autonomía enerxética pódese acadar a través de sistemas descentralizados e variados de enerxía, como os paneis solares ou plantas con bombas de calor xeotérmica que bombean a calor do chan ao edificio e do edificio ao chan cando vai calor. Doutra banda, gran cantidade da enerxía producida escapa dos edificios. Os espazos verdes arredor dos edificios axudan a manter a calor e o frescor, o que supón un aforro de enerxía.
Os Acordos Ambientais Urbanos da ONU

/imgs/20061201/img.medioambiente.02.jpgNo 2005 asináronse os Acordos Ambientais Urbanos, unha declaración de intencións para cumprir 21 accións que perseguen unha mellora do medio urbano en diferentes ámbitos que se recoñecerá coa concesión ás cidades verdes dunha acreditación oficial da ONU que vai dunha estrela a catro. Velaquí algunhas accións que afectan directamente ao cidadán:

  • /imgs/20061201/img.medioambiente.03.jpgAsegurar que hai un parque público ou un espazo aberto de lecer a non máis de medio quilómetro de cada un dos cidadáns para o ano 2015.
  • Reducir o consumo de enerxía da cidade por un 10% para o 2012.
  • Establecer unha política de reciclaxe e chegar á ausencia de refugallos antes de 2040.
  • Reducir a cantidade de vehículos de ocupación individual nun 10% para o 2012.
  • Evitar e reducir o desperdicio de auga un 10% para o 2012, con programas de reciclaxe e sistemas de planificación nos que participen todas as comunidades afectadas.
  • Ampliar e mellorar o servizo de transporte público, facendo que no 2015 este se atope accesible e a menos de medio quilómetro de cada cidadán.