Enerxía xeotérmica

Calor xerada pola terra

1 Maio de 2004

Calor xerada pola terra

A xeotermia é unha fonte de enerxía renovable ligada a volcáns, geyseres, augas termais e zonas tectónicas xeoloxicamente recentes, é dicir, con actividade nos últimos dez ou vinte mil anos na codia terrestre. Para poder obter esta enerxía cómpre que existan xacementos de auga quente preto desas zonas. Fúrase o solo e extráese o líquido, que sairá a xeito de vapor se a súa temperatura é alta abondo, e poderase aproveitar para accionar unha turbina que coa súa rotación move un xerador que produce enerxía eléctrica. A auga xeotérmica utilizada devólvese posteriormente ó pozo, mediante un proceso de inxección, para ser requentada, manter a presión e sustentar a reserva. Entre 1995 e 2002 a potencia xeotérmica instalada no mundo medrou de xeito continuado, pasando de 6837 a 8356 megavatios, o que representa un aumento dun 22,3%.

Tipos de campos xeotérmico

Dependendo da temperatura á que sae a auga, distínguense principalmente tres tipos de campos xeotérmicos

  • Enerxía xeotérmica de alta temperatura
    Existe en zonas activas da codia terrestre. A súa temperatura está comprendida entre 150 e 400 ºC e prodúcese vapor na superficie. Un campo xeotérmico debe constar dun teito composto por rochas impermeables, un depósito ou acuífero -de permeabilidade elevada e de entre 300 e 2000 metros de profundidade- e de rochas fracturadas que permitan unha circulación de fluídos e, polo tanto, a transferencia de calor da fonte á superficie.
    A explotación dun campo destas características faise mediante perforacións con técnicas case idénticas ás da extracción do petróleo.
  • Enerxía xeotérmica de temperaturas medias
    Os fluídos dos acuíferos están a temperaturas menos elevadas, normalmente entre 70 e 150 ºC. Xa que logo, a conversión vapor-electricidade realízase cun menor rendemento e as pequenas centrais eléctricas poden explotar estes recursos. A enerxía xeotérmica de baixa temperatura é aproveitable en zonas máis amplas cás anteriores; por exemplo, en todas as concas sedimentarias.
  • Campo xeotérmico de baixa temperatura
    Os fluídos quéntanse a temperaturas comprendidas entre 20 e 60 ºC. Esta enerxía utilízase para necesidades domésticas, urbanas ou agrícolas. No mundo existen varias experiencias notables neste sentido en Italia, Nova Celandia e Canadá, lugares nos que a enerxía xeotérmica apoia o consumo tradicional. No Xapón agárdase producir este ano preto de mil megavatios. E nas Filipinas, o sistema xeotérmico ten unha capacidade de potencia de 2000 megavatios.

Principais áreas xeolóxicas

Estas chamadas zonas quentes situaríanse onde coliden a placa oceánica da terra e da codia. É o denominado Anel de Lume, áreas que bordean o Océano Pacífico: os Andes de Sudamérica, América Central, México, cordilleiras dos Estados Unidos e Canadá, a cordilleira Aleutiana de Alasca, a península de Kamchatka en Rusia, Xapón, Illas Filipinas, Indonesia e Nova Celandia.

No tocante a España, Almería destaca polas súas numerosas zonas con elevado gradiente xeotérmico positivo, é dicir, propicias para instalar plantas xeotérmicas, aínda que polo de agora o único uso que se explotou nesta provincia é o da balneoterapia. Na illa canaria da Palma tamén se estuda a posibilidade de instalar unha planta de enerxía xeotérmica que podería cubrir o 15% da demanda eléctrica da illa. Tería un custo de entre 16 e 19 millóns de euros, e unha potencia instalada de 5,5 MW. Nestes momentos, a illa, cunha demanda enerxética total de arredor de 35 MW, vese obrigada a cubrir o 95% destas necesidades mediante a importación de combustibles fósiles.

Uso doméstico

En España, país con niveis altos de radiación solar, a temperatura do solo a profundidades de máis de 5 metros é relativamente alta (arredor de 15 graos). Mediante un sistema de captación axeitado e unha bomba de calor pódese transferir calor desta fonte de 15 graos a outra de 50 graos, e utilizar esta última para a calefacción doméstica e a obtención de auga quente. Tamén pode absorber calor do ambiente a 40 graos e entregalo ó subsolo co mesmo sistema de captación, polo que igualmente serve para refrixerar a casa.

Unha instalación deste tipo pode proporcionarlle a unha vivenda con xardín unha climatización integral da casa e a subministración de auga quente sanitaria. A obra necesaria para colocar este sistema consiste en realizar unha serie de perforacións verticais no xardín para intercambiar enerxía co chan. Nelas introdúcense tubos polos que se fai circular un líquido que absorbe ou cede calor desde a bomba de intercambio xeotérmico. Para non deteriorar o xardín utilízase maquinaria de perforacións de pouca profundidade e os condutos cóbrense coa mesma terra do xardín e pónselles unha tapa de referencia, oculta co céspede. Dentro da casa o sistema de climatización complétase cunha bomba de intercambio xeotérmico, un acumulador e un inversor de ciclo, que se pode colocar no garaxe da casa.

Vantaxes dunha enerxía renovable
  • Ofrece un fluxo constante de produción de enerxía ó longo do ano, independente de variacións estacionais como chuvias, caudais de ríos, etc.
  • É un complemento excelente para as plantas hidroeléctricas.
  • Serve como alternativa á enerxía que se obtén por queimado de materia fósil, fisión nuclear ou outros medios.
  • Co menor uso dos combustibles fósiles, redúcense as emisións que lixan a atmosfera.
  • O aire que rodea as plantas xeotérmicas está libre de fumes. Algunhas estacións sitúanse en medio de granxas de cereais ou fragas e comparten terra co gando e coa vida silvestre local.
  • A área de terreo requirida polas plantas xeotérmicas para xerar un megavatio de potencia é menor có que precisa outro tipo de estacións enerxéticas.