Xardíns ecolóxicos

Apoia-la tendencia da propia natureza

É posible converter un xardín convencional nun xardín ecolóxico e, ademais, dun xeito ben sinxelo
1 Outubro de 2003
Img medioambiente listado 235

Apoia-la tendencia da propia natureza

Termos como biodiversidade, fertilizante natural, control biolóxico ou manexo integrado de pragas conviven na idea de xardín ecolóxico. Unha corrente que cada vez ten máis éxito e que consiste en aproveita-la tendencia da propia natureza para lograr que o noso xardín sexa un espacio no que poidan convivi-las especies en perfecta harmonía. Todo iso sen recorrer a elementos químicos que estragan o solo e a biodiversidade.

Aínda que semelle complicado, é posible converter un xardín convencional nun xardín ecolóxico, e ademais é ben sinxelo. Para iso cómpre reciclármo-los elementos naturais e empregarmos productos biolóxicos que nos permitan destruí-los organismos nocivos, sen recorrermos a pesticidas ou a elementos químicos. Así, valéndonos da propia natureza, podemos xerar unha zona verde na que tódalas especies de plantas medren en harmonía.

Os catro piares do xardín ecolóxico

  • A biodiversidade do xardín: buscar bos aliados
    Nos xardíns convencionais o máis común é a preponderancia dunha ou dunhas poucas especies. Ó reduci-la biodiversidade a eses extremos desnivela o ecosistema e resulta máis doado que insectos que estaban en equilibrio cos seus inimigos naturais se transformen en pragas. Ó faltaren mecanismos naturais de control, recorremos a pesticidas, contaminando e estragando máis aínda o sistema.

    Pero hai algúns aliados que nos poden axudar moito. A combinación dalgúns cultivos evita a aparición de pragas e de enfermidades. Por iso se recomenda empregar herbas aromáticas como lavanda, romeo, sarxa, ruda, menta, alfábega, estragón e tomiño para arrodea-lo perímetro onde se atopan as plantas ou para intercalar coas hortalizas.
  • Manexo integrado das pragas: insectos que tamén axudan

    Por medo a que destrúan as nosas plantas, tratamos de eliminar calquera insecto que vemos no xardín. Sen embargo, moitos deles son útiles porque se alimentan doutros máis pequenos que si poden resultar prexudiciais. Esas son, precisamente, as especies que cómpre preservar. Os cempés, por exemplo, aliméntanse de varios tipos de pragas que viven no solo.

    Os pesticidas controlan as pragas, pero tamén acaban cos seus inimigos naturais, co que se destrúe o equilibrio natural. Como a praga nunca se elimina completamente, provócanse fortes rebrotes dada a escaseza de inimigos naturais, obrigándonos a unha continua dependencia de elementos de control artificiais.

  • Comprende-lo solo: tócanos traballar

    Un solo san produce plantas sas, resistentes e productivas. A comunidade de organismos que viven nel (bacterias, fungos, algas, miñocas, etc.) xoga un importante papel no seu bo estado. Deste xeito, coidándoos a eles, o noso solo gozará da saúde necesaria. Estas son algunhas das tarefas que convén seguir para enriquece-lo solo de xeito natural:

    1. Remexe-la terra, pero a non máis de 20 centímetros de profundidade. Deste xeito acádase unha textura esponxosa e aireada. Unha boa axuda son as miñocas, que ventilan e drenan o solo, amais de elaboraren grandes cantidades de humus.
    2. Pequenas cunchas aplicadas ó chou son fonte de minerais, absorben a humidade e almacenan substancias nutritivas.
    3. Reservar un lugar no xardín para o compost ou fertilizante. Para xeralo pódese empregar unha bolsa negra ou ben un caixón. Alí mestúrase terra con esterco, miñocas, borralla da leña, area, tona de froitas e verduras. Cómpre agardar entre catro e oito meses e daquela xa se poderá utilizar.
  • Fertilizante natural: esquezámo-los productos químicos.
    Os restos eliminados polas plantas, xunto con tódolos refugallos vexetais da cociña e do xardín, reciclados para producir compost, constitúen o mellor alimento para o solo. Ademais, é un bo xeito de producir menos lixo cheirento, de reduci-la necesidade de fertilizantes e de auga de rega e de axudarnos a coida-los nosos recursos naturais. Nos xardíns e hortas orgánicos, a palla e os restos de vexetais pódense empregar para face-lo mulching, un colchón que recobre os terreos acabados de cultivar e que serve para evita-la erosión e protexe-lo terreo do sol, da chuvia, do frío e do vento.
Pasos para crear un xardín ecolóxico
  • O primeiro: prepara-lo chan. Picar e moer ben o terreo. As plantas precisan terra ben solta para desenvolveren en boa forma as súas raíces.
  • Enriquecer ben o solo. É a clave da xardinería orgánica. Cómpre agregarlle os productos naturais que as plantas precisan para o seu crecemento, e para iso é preciso prepara-lo fertilizante composto ou compost. Será fundamental para o mantemento do noso xardín no futuro.
  • Para xerar un crecemento vigoroso das nosas plantas, cómprenlles nutrientes adecuados, microorganismos útiles do solo e unha estructura do terreo que lles permita conserva-la humidade, e unha boa cantidade de aire. Para iso podemos recubri-lo solo con follas secas ou lascas para mellora-la súa fertilidade, conservando a súa textura e humidade.
  • Mante-lo xardín libre de elementos que atraian as pragas. Arrinca-las malezas antes de que sementen. Recolle-las froitas ou hortalizas que caeran ó chan ou podreceran. Podar drasticamente as partes enfermas das plantas.
  • Deseñémo-la horta ou xardín de xeito que existan áreas con especies perennes, que non requiran prepara-lo solo cada ano. Canto menos remexámo-la terra máis rica se tornará, conservará mellor a humidade e terá menos pestes.
  • Plantar especies que dean flores, atraen moitos insectos beneficiosos.
  • É recomendable usar como testo a base plástica dos envases das bebidas de dous litros. Algunhas traen incluso os buratiños feitos para que escoe a auga.
  • Convén plantar árbores de folla caduca (a que cae durante o inverno) ó lado poñente da casa. Durante o verán teremos sombra que nos protexerá da calor e durante os meses de frío entrará o sol que amornará o noso lar.
  • Fomenta-la vida silvestre no xardín: instalar niños para paxaros, construír un estanque e plantar unha gran variedade de flores.
  • Instalar un barril para recolle-la auga de chuvia no xardín.