Capa de ozono e efecto invernadoiro

Aínda, poucas certezas e demasiadas dúbidas

Os científicos coinciden en afirmar que no noso planeta se rexistraron cambios significativos no clima, tanto ó longo dos sucesivos milenios coma en períodos relativamente curtos de tempo
1 Setembro de 2000

Aínda, poucas certezas e demasiadas dúbidas

Pero non chegan a se pór de acordo na causa pola que entre 1980 e 1995 se rexistraron os nove anos de temperatura media máis alta da Terra en todo o último século. Non obstante, hai consenso científico en relacionalo co efecto invernadoiro e cos procesos que o rexen.

O efecto invernadoiro é necesario para a Terra

En contra do que puidera parecer polo contexto negativo no que xeralmente se cita, o efecto invernadoiro é un fenómeno natural e necesario, causado pola presencia de gases na atmosfera, principalmente vapor de auga e gas carbónico (CO2). Estes e outros gases reteñen a enerxía calórica que se recibe do sol e manteñen a temperatura dentro dos límites que permiten o desenvolvemento da vida. Sen a súa concentración, a temperatura terrestre sería similar á da lúa, uns 18 graos baixo cero. Polo tanto, o efecto invernadoiro non constitúe, por si mesmo, unha ameaza á vida na Terra. Pero a actividade humana, principalmente nas últimas décadas e no hemisferio Norte, tende a eleva-la concentración de CO2, ó tempo que ameaza a presencia doutros gases vitais coma o ozono (O3). En consecuencia, unha maior cantidade de enerxía solar é atrapada na atmosfera e elévase a temperatura media, e os raios daniños caen á Terra con máis facilidade. Sen embargo, non se probou aínda a relación causa-efecto desta suba de temperatura, polo que moitos expertos prefiren manter cautela antes de confirmar esta relación.

O ozono forma un escudo protector, non unha capa

Ó igual que ocorre co efecto invernadoiro, o cidadán non iniciado nestas cuestións identifica o ozono como unha substancia negativa e perigosa, e, no seu caso, sitúao nunha capa localizada na estratosfera a uns 30 quilómetros da superficie terrestre. Algunhas fontes advirten que isto non é de todo certo. Sinalan que non existe tal capa, xa que a súa concentración na atmosfera se mantén desigual dependendo da latitude e a lonxitude onde se mida. Os datos das medicións do ozono son moi recentes, de aí a falta de resultados concluíntes. Non obstante, o ozono realiza un papel esencial na atmosfera: actúa de escudo protector impedindo que os raios prexudiciais do sol (as radiacións do espectro gamma), alcancen a Terra. E permite, pola contra, continua-lo seu camiño ós raios beneficiosos para a vida.

¿Que produce a diminución do ozono?

Cando en 1977 investigadores da Universidade de California detectaron na Antártida alteracións no nivel do gas, e oito anos máis tarde, unha nova medición sinalou unha diminución do 40%, saltou a alarma. A falta de ozono supón un perigo, xa que del depende o bloqueo dos raios daniños. Entón creouse o nome burato da capa de ozono que, aínda que non é cientificamente correcto, serve para ilustra-la situación. Os clorofluorocarbonos (CFC) e outros compostos sintéticos relacionados con eles supoñen, ó parecer, unha ameaza para a presencia de ozono nas alturas. Trátase de elementos químicos moi fáciles de obter pero difíciles de suprimir, utilizados como propelentes ou gases impulsores en aerosois e espumas para a limpeza de pezas electrónicas, e que poderían afectar de forma negativa á cantidade idónea de gas na atmosfera. Como medida global e protectora do ozono, asinouse en 1987 o Protocolo Montreal, ó que desde entón se adheriron 175 países. Nel estableceuse o ano 2000 para cesar toda producción dos clorofluorocarbonos no mundo.

Coida-la saúde da atmosfera

Algunhas teorías relacionan a precaria saúde da atmosfera co aumento de enfermidades graves da pel ou de problemas oculares, aínda que polo momento non se demostrou a relación directa entre ambos. Non obstante, as evidencias dispoñibles indican que existe suficiente xustificación para tomar medidas preventivas e comezar a coida-la saúde da atmosfera. Os peores agoiros sobre o cambio climático adiantan que, de continua-las tendencias actuais, algúns dos efectos previsibles serán a elevación do nivel do mar, a modificación dos patróns de choivas e ciclos agrícolas, a infección de augas ricas en arrecifes de coral e a multiplicación de enfermidades na pel e nos ollos. Sen embargo, os avances tecnolóxicos e os novos coñecementos que cada día se adquiren deben servir para evitar posibles males.

Cambio dos hábitos de consumo

Se ben é certo que os cidadáns se atopan á marxe das grandes decisións que en materia de medio natural adoptan os gobernos, todos podemos cambia-los nosos hábitos de consumo e colaborar na preservación do contorno. Agora ben, o modo máis eficaz de reduci-la producción de gases invernadoiro e de evitar danos á atmosfera sería a reducción do consumo mundial e a substitución das actividades industriais e domésticas contaminantes por outras menos prexudiciais. Pero sen que iso implique desatende-las necesidades dos seres humanos que poboámo-lo planeta, especialmente os dos países pobres, que son os que máis crecemento económico e, polo tanto, “dereito a contaminar” requiren. Isto, hoxe en día, é unha mera utopía, xa que se deberían sortear innumerables barreiras políticas, culturais e comerciais, e intereses económicos dos diversos países. De tódolos xeitos, a situación ha mellorar porque:

  • Os avances rexistrados na reciclaxe de materiais son aínda insatisfactorios.
  • Prevalece o costume de desbota-los productos unha vez consumidos, sen depositalos nun colector específico (papel e cartón, vidro, pilas, plásticos e briks…) para materiais reciclables.
  • As enerxías alternativas resultan aínda insuficientes e caras.
  • Só un 1% da enerxía solar, virtualmente inesgotable, se aproveita.
  • Os vehículos eléctricos ou movidos por combustibles “ecolóxicos” non pasan de meras anécdotas nun mercado demasiado conformista no que ó compromiso de reduci-lo seu impacto no medio natural se refire.

Desenvolvemento sostible, a alternativa máis realista

O consumidor pode asumi-la súa parte de responsabilidade no abuso con que actuamos sobre a natureza colaborando co que se coñece como desenvolvemento sostible. Os seguintes hábitos repercuten positivamente no medio natural: Stop ós malos fumes:

  • Reduza o uso do vehículo e revise o seu motor para non producir máis contaminación da necesaria. A mesma regra é válida para cortadores de céspede, segadoras, compresores…
  • Diminúa o uso de calefacción e aire acondicionado. Acurtar distancias:
  • Se é posible, elixa vivir preto do colexio ou oficina e realice a compra diaria na veciñanza.
  • Se o coche é parte indisoluble do seu traballo, optimice os seus itinerarios.
  • Para os seus desprazamentos urbanos, utilice o transporte público, as bicicletas, e a camiñada.

Consumo ecolóxico:

  • Ó mercar aparellos para o fogar, coma frigoríficos, lavadoras e lámpadas, elixa os que menos enerxía consomen para realiza-la mesma función. Ademais de pagar menos na factura da luz, potenciará un efecto dominó que inclinará os fabricantes a construír aparellos máis eficientes enerxeticamente, e , polo tanto, menos contaminantes.
  • Esixamos á Administración que promova o aforro de enerxía. En 2007 será posible en España elixir compañía eléctrica, polo que convén meditar sobre as vantaxes de elixir unha que utilice fontes de enerxía renovable.