Recursos hídricos

A xestión responsable da auga

O consumo sostible no campo e na cidade é clave para evitar a dilapidación dun ben cada vez máis escaso
1 Febreiro de 2008
Img medioambiente listado 521

A xestión responsable da auga

Para o ano 2100, a escaseza de auga pode afectar a entre 1.000 a 3.000 millóns de persoas, segundo un dos últimos informes do Panel Intergobernamental do Cambio Climático. Esta redución dos recursos hídricos virá marcada por unha meteoroloxía extrema. Estímase que vai chover entre un 20% e un 60% menos, segundo a zona, e que eses períodos de seca se van alternar con épocas de chuvias torrenciais. Como xestionar mellor a auga nestas circunstancias? Máis ca a construción de máis encoros ou desalgadoras, a comunidade científica avoga por controlar o uso que se fai da auga e, sobre todo, por non continuar desbaldindo a auga como ata agora.

Agricultura sostible

Unha das estratexias fundamentais para enfrontar este problema é a subvención dos cultivos máis ecolóxicos e sostibles. En España, a agricultura é o sector que consume máis auga (lévase entre o 75% e o 90% do consumo total) e boa parte estase a consumir de maneira innecesaria. Non obstante, o obxectivo non pasa por “castigar” o agricultor senón por facilitar as ferramentas para axudar ao desenvolvemento de cultivos sostibles.

Neste concepto non entran as subvencións para a auga, que transformaron algúns cultivos de secaño, como os oliveirais e os viñedos, en cultivos de regadío. Con esta fórmula conséguese facelos un pouco máis produtivos, pero só porque a auga está subvencionada. Tamén se subvencionan cultivos que requiren grandes cantidades de auga, como o de algodón (que consume 10.000 metros cúbicos por hectárea) ou os arrozais (que precisan 14.000 metros cúbicos por hectárea). Ademais, moitos cultivos non contan con sistemas eficientes de rega. A rega por inundación non só gasta máis, senón que contamina máis, xa que precipita aos acuíferos un maior número de nitratos dos abonos, o que repercute nunha menor calidade da auga e nun problema sanitario. Esta é a razón pola que os ecoloxistas defenden a eliminación desas subvencións que contribúen a dilapidar a auga e propoñen que se impulse a agricultura do aforro hídrico.

A nivel urbano, un punto débil é a rede de distribución. Un informe de Adena calcula que a modernización das redes permitiría aforrar ata 1.500 hectómetros cúbicos de auga anuais en toda España, que equivalen a 1.500.000 millóns de litros. Segundo ese mesmo informe, Barcelona acadou un aforro no gasto de auga do 8% coa mellora da rede de distribución. E un exemplo máis afastado pero moi espectacular é o da cidade surafricana de Durban, que tiña canalizacións moi obsoletas e perdía ata o 42% da auga. Actualmente, coa renovación da rede de canalizacións, o consumo de auga baixou un 50%.

A polémica do prezo

Outra estratexia que pode axudar a minimizar o gasto da auga é o incremento do seu prezo, aínda que este punto xera opinións contrarias e multiplícanse as opinións máis diversas. Non son poucos os que interpretan que a auga é unha primeira necesidade e que a suba do seu prezo pon en dificultades ás familias máis humildes, mentres que outras familias sen dificultades económicas continúan consumindo grandes cantidades de auga porque poden pagala. A UE avoga por que se cobre en proporción ao custo real que supón levar a auga ata o fogar, o que equivale a un incremento do prezo no caso de grandes e custosos transvasamentos, e prezos máis baratos en lugares onde o uso da auga sexa sostible.

De momento, o que se aplica en moitas cidades españolas na auga de uso doméstico é os prezos por “bloques”: un consumo básico que se considera de primeira necesidade ten un prezo determinado e por riba dese consumo o prezo encarécese.

Aproveitar a chuvia

Moitos núcleos urbanos sufriron e sufrirán inundacións por chuvias. A auga non atopa a súa canle natural, pero tampouco pode pasar ao subsolo para encher os acuíferos, de xeito que non só causa fortes inundacións, senón que ademais flúe de maneira moi rápida. Pero cando a auga se mantén no leito natural do río ou nos humedais, circula máis devagar, enche os acuíferos e achega beneficios para toda a biodiversidade do ámbito. Nos lugares nos que esta última opción xa non é posible cómpre pór en marcha outras alternativas. Un xeito de aproveitar ese exceso de auga repentino son os depósitos de augas pluviais.

Nos domicilios particulares tamén se pode aproveitar a chuvia se se dispón de espazo para instalar un equipo mínimo. Por exemplo, pódese instalar un bidón no xardín e colocar un caneiro de xeito que se recolla a auga do tellado e esta se destine á rega. E esa mesma auga mesmo se pode destinar ao consumo propio se se instala un equipo que trate a auga combinando a osmose e os raios ultravioleta. Un equipo con capacidade para uns 100 litros ao día custa uns 1.200 euros, sen contar o depósito.

Aforro na casa

Calquera cidadán pode aplicar prácticas e técnicas para aforrar auga. Por exemplo, a apertura da billa da ducha implica unha cantidade considerable de auga fría antes de que saia quente. A onde vai parar toda esa auga? Unha práctica sinxela e económica é recollela cun caldeiro para aproveitala. Non manter as billas abertas de maneira innecesaria e non pór a lavadora e a lavalouza ata que estean cheas son outras prácticas habituais recomendadas.

Cambiar as billas, instalar sistemas de redución de fluxo nas billas para acadar un aforro no consumo de auga de ata un 50%, ou substituír o depósito do inodoro por un de dobre descarga requiren un maior investimento. Tamén se pode optar por sistemas para reutilizar a auga. Segundo empresas especializadas consultadas, un sistema para tratar as augas residuais cun filtro biolóxico e así poder reutilizalas para a rega custa uns 3.000 euros, mentres que un sistema para tratar as augas grises (da cociña e o baño, pero non do retrete) e reutilizalas no retrete, na lavadora ou na rega, supón un investimento duns 6.000 euros. O custo da instalación pode variar en función de se a casa é nova ou leva construída moitos anos (é máis doada a instalación nunha obra nova).

En calquera caso, o investimento amortízase a longo prazo e o cidadán pode solicitar as diferentes subvencións que proporcionan as administracións autonómicas para este tipo de instalacións. Agora ben, estas iniciativas non servirán de nada se non se acompañan dunhas boas prácticas no seu uso.