A pesca de descarte, descartada

Unha parte moi importante da pesca guíndase de novo ao mar antes de chegar ás costas por tratarse de especies sen interese comercial, un grave problema ao que a UE lle desexa pór solución o máis axiña posible
1 Outubro de 2008
Img medioambiente listado 569

A pesca de descarte, descartada

As redes de pesca son inmisericordes. Atrapan todo o que cae nelas, pero non todo ten interese comercial. Sapoconchos, aves mariñas ou golfiños quedan atrapados de xeito accidental nas artes de pesca. O seu destino: volta ao mar, xa mortos, ou con poucas probabilidades de sobreviviren. Descártanse porque non se consomen ou porque se trata de crías que non cumpren co talle mínimo regulamentario.

Diversas fontes cifran os descartes en 20 millóns de toneladas anuais, unha cuarta parte da pesca a nivel mundial. Un estudo do 2005 da FAO estimaba que os descartes representan o 8% das capturas a nivel mundial, aínda que os datos poden variar moito en función da zona ou da pesqueira. Así, segundo ese estudo, só o 4% do total das capturas en pesqueiras locais artesás se descarta, mentres que na pesca de arrastre se pode descartar o 50% das capturas ou máis. Nalgúns casos, o volume do peixe guindado pode equivaler ao 70% das capturas totais, é dicir, en casos extremos bótase pola borda case tanta cantidade como a comercializada despois.

Unha dilapidación natural e económica

Aínda que a falta de datos reais impide coñecer a escala real dos descartes, xa que non hai maneira de saber “oficialmente” que volume de pesca bota cada barco, tense constancia de que non é pouca cousa. A UE define os descartes como unha “dilapidación” natural e económica, que socava a biodiversidade e as poboacións de peixes, que aumenta a presión pesqueira, e que non reporta ningún beneficio nutricional nin económico.

Un estudo do 2001 do Instituto de Investigación da Haia, que intentaba calcular o valor económico dos descartes nalgunhas pesqueiras europeas, cifraba en 160 millóns de euros o valor dos descartes na pesqueira de arrastre de vara nos Países Baixos en 1998. A cifra equivalía ao 70% do valor das capturas desembarcadas ese ano por esa mesma pesqueira. E o resultado máis rechamante do estudo concretábase nos descartes na pesqueira francesa de cigala, que supuñan, en valor económico, o 100% da captura desembarcada ao ano, mentres que en peso equivalían só á metade.

Para acabar coa dilapidación, o Parlamento europeo aprobou este ano un informe no que se propoñen mecanismos para reducir as capturas accidentais e eliminar os descartes na pesca. Nel recóllese que un dos xeitos máis sensatos de abordar o problema é a selección dalgunhas pesqueiras para ensaiar esas fórmulas, como a pesca de arrastre de vara e as pesqueiras de bacallau, dúas das que máis descartes xeran.

Dende este organismo europeo fálase de incentivos máis ca de penalizacións, como permitir acceso preferencial a zonas parcialmente pechadas aos barcos que usen redes máis selectivas ou o aproveitamento dos descartes. Non se trata de pescar máis senón de aproveitar o que xa foi capturado e que non se desperdicie. A UE non pode permitir, di o Parlamento europeo, “unha política que permita botar a perder máis dun millón de toneladas de peixe (en Europa) saudable cada ano”.

O obxectivo, xa que logo, é darlles unha saída comercial aos peixes e crustáceos que se descartan e destinalos á fabricación de fariñas de peixe, de aceites ou ao consumo humano, nos casos en que sexa posible. En España, varios chefs colaboran con universidades como a de Cádiz, Zaragoza, Cáceres ou Granada, co fin de atopar novas fórmulas culinarias para eses peixes a xeito de embutidos ou concentrados de caldos. Non obstante, a comercialización dos descartes, advirten á súa vez dende a UE, debe facerse con cautela para evitar o efecto perverso de crear un mercado alternativo que leve, tamén a esas especies, á sobreexplotación.

Reformular o sistema

Para dar paso a esta comercialización dos descartes, hai tempo que se fala de reformular o sistema de Totais Admisibles de Capturas (TAC) e de cotas de pesca. Concibidas para evitar a sobrepesca, as cotas son, paradoxalmente, unha das causas dos descartes. A razón é que os mariñeiros botarán calquera exemplar de menor valor, co fin de que a cota que teñen asignada quede cuberta coas capturas de maior valor. Por iso, dende hai un tempo se está a estudar a posibilidade de descontar os descartes da cota, é dicir, que non computen como parte da cota ao chegar a porto. Deste xeito, os buques non botarían ao mar ese volume de biomasa que representa un grande interese nutricional e económico.

Non obstante, en zonas como o Mediterráneo, onde non funciona o sistema de cotas agás para o atún vermello, as medidas que habería que aplicar deberían ser outras, como a redución do esforzo pesqueiro, o peche temporal de zonas de pesca ou a implementación de redes máis selectivas. Á fin e ó cabo, as pescas accidentais e os descartes son tamén unha consecuencia directa do sobreesforzo pesqueiro. Con todo, moitos expertos aclaran que as mellores medidas pasan por levar a cabo unha boa xestión das vedas e por facer máis coherente a actual regulamentación de pesca. No Mediterráneo, por exemplo, apenas hai vedas, así que hai moito por facer nese sentido.

En Europa, Escocia iniciou este ano un novidoso sistema de peche voluntario de zonas para a pesqueira do bacallau. Impulsado pola industria escocesa en cooperación co Goberno, o sistema implica a presenza de observadores imparciais a bordo dos pesqueiros. Estes observadores controlan que as capturas de crías non sexan elevadas e, en caso de ser así, toman mostras e propoñen o peche temporal de zonas de ata 15 millas cadradas.

Por outra banda, e no tocante á coherencia do regulamento, algúns expertos xa denunciaron certos “absurdos legais” que permiten redes que, polo tamaño da súa malla, capturan exemplares de talles inferiores aos regulamentarios. Nestes momentos trabállase en implementar novas redes máis selectivas, como a malla cadrada, e estúdase a supervivencia dos organismos que escapan dela -unha rede selectiva non é realmente eficaz se non lle permite sobrevivir ás especies que deben escapar dela-.