Fragas silvestres

A deforestación avanza sen tregua

1 Xullo de 2004

A deforestación avanza sen tregua

Actualmente hai 8.000 especies de árbores en perigo de extinción na súa forma silvestre, con 976 nunha situación crítica. Organizacións ambientais como FFI (Flora e Fauna Internacional) e PNUMA (a Axencia Ambiental da ONU) iniciaron unha campaña coa finalidade de establecer un plan para crear fragas sostibles. Unha ferramenta moi útil para materializar ese plan será a elaboración dun Atlas Mundial de Árbores Ameazadas. Segundo os investigadores, xa están funcionalmente extintas numerosas especies raras de árbores nos trópicos. Estiman, ademais, que case a metade da madeira tropical do mercado internacional foi cortada ilegalmente. Doutra banda, estímase que entre 1960 e 1990 desapareceron máis do 20% dos bosques tropicais (un 33% en Asia e o 18% en África e América Latina). Hoxe, a deforestación da Amazonia prodúcese a un ritmo aínda máis acelerado que na década de 1980, cando o problema comezou a suscitar interese a nivel mundial. E a pesar de todos estes datos, seguimos sen lles prestar a atención debida ás consecuencias da perda das fragas.

O impacto da deforestación

  • Impactos negativos locais: para os pobos que habitan as fragas ou que dependen delas, a deforestación supón a perda das súas posibilidades de supervivencia como culturas autónomas. Aparecen problemas de desnutrición (faltan alimentos esenciais que están nas fragas), aumentan as enfermidades e a emigración e desaparece a propia comunidade.
  • Impactos negativos rexionais: dado que as fragas aseguran a conservación da auga, dos solos, da flora e da fauna, a súa eliminación comporta grandes inundacións. Agrávanse as secas, a erosión de solos e a contaminación dos cursos de auga, á vez que aparecen pragas pola ruptura do equilibrio ecolóxico. Todo iso inflúe en actividades produtivas como a agricultura, a cría de gando, a pesca, etc.
  • Impactos negativos globais: as fragas cumpren importantes funcións en materia climática e a súa desaparición afecta a humanidade no seu conxunto. Dunha banda, porque a enorme masa vexetal das fragas axuda a regular o clima global, tanto no tocante ás precipitacións coma á temperatura e ó réxime de ventos. Por outra parte, porque constitúen unha enorme reserva de carbono e a súa eliminación contribúe ó agravamento do efecto invernadoiro. Finalmente, porque albergan boa parte da biodiversidade do planeta, de xeito que tanto as especies animais como vexetais desaparecen xunto coas fragas.

Causas da deforestación

  • A substitución das fragas por outras actividades (agricultura, gandería, plantacións forestais, etc.).
  • A actividade das empresas madeireiras con cortas indiscriminadas.
  • A urbanización e a construción de infraestruturas.
  • A explotación mineira e petroleira.
  • A choiva ácida.
  • Os incendios forestais.
  • A construción de grandes encoros hidroeléctricos (que inundan extensas áreas de bosques).
  • As grandes plantacións forestais que son promovidas como “fragas plantadas”, que en realidade non son fragas, senón cultivos que para seren implantados xeralmente están precedidos da corta do ecosistema forestal nativo e a súa substitución por monocultivos a grande escala de especies exóticas.
  • A política en materia de distribución de terras.
  • A emigración a zonas onde a actividade madeireira é unha saída económica.
  • Os mercados de consumo de madeiras tropicais en países ricos.

Que podemos facer para defender os bosques?

En primeiro lugar, cómpre identificar as causas directas e subxacentes que determinan a deforestación en cada caso, así como os actores involucrados, e adoptar medidas estratéxicas para a súa solución. A implantación da Certificación Forestal (FSC) é un elemento que axuda a esta defensa dos bosques. Trátase dun grande instrumento de mercado que lle garante e demostra ó consumidor que a madeira ou calquera outro produto forestal (cortiza, resinas…) procede dun bosque xestionado de xeito responsable e sostible.

Para a ONG Adena/WWF son moitos os axentes que poden frear a deforestación:

  • Consumidores: podemos buscar o selo FSC nos produtos de madeira que adquiramos e informar os amigos sobre a problemática das fragas e da importancia do consumo de produtos FSC. Se se trata de madeira sen certificar, podémoslle preguntar ó comerciante se dispón doutro tipo de garantías que avalen que a madeira procede dunha xestión responsable.
  • Propietarios e xestores forestais: poden implantar a certificación forestal FSC no seu monte.
  • Empresas transformadoras: debenlles esixir ós provedores produtos procedentes de bosques certificados polo FSC.
  • Comercios: hanlles demandar ós provedores produtos etiquetados co selo FSC. Se non se atopan, deben cando menos esixir probas de que a madeira procede dunha fraga explotado legalmente.
  • Arquitectos: deben requirir produtos etiquetados co selo FSC.
  • Concellos e organismos oficiais: han de promover a utilización de madeira e produtos FSC na execución das obras públicas. Ademais, poden incentivar o consumo de produtos ambiental e socialmente responsables entre a opinión pública, a industria e os comercios. Tamén poden lanzar campañas informativas sobre a destrución dos bosques no mundo e a importancia do consumo responsable de produtos forestais.

Fragas primar

As fragas primarias son grandes extensións de ecosistemas forestais que non foron alterados pola actividade humana, polo que se consideran redutos do que foron as fragas orixinais do planeta. A pesar da súa vital importancia para a Terra e os seus habitantes, están desaparecendo rapidamente e de xeito irreversible, segundo Greenpeace. Máis do 75% das fragas primarias localízanse en tres grandes áreas: as fragas boreais de Canadá e Alaska, as de Rusia e as fragas tropicais da Amazonia e o escudo das Guaianas. En España non quedan xa fragas primarias, aínda que existen pequenas superficies de fraga ás que non chegou a actividade humana, como en zonas do Pirineo ou da cordilleira Cantábrica. Non obstante, son espazos demasiado reducidos para seren considerados fragas primarias. Aínda así, tórnase fundamental conservar estas fragas vellas e maduras, pois albergan boa parte da biodiversidade forestal ameazada dos bosques ibéricos.

A araucaria, en perigo de extinción

É a árbore emblemática da Patagonia chilena e arxentina. Sobrevive en poucos lugares do mundo, e unha das zonas ás que se adaptou é precisamente ese territorio inhóspito de Sudamérica. Alí, onde só os arbustos máis duros poden resistir os crus invernos de ventos e temperaturas case insoportables, a araucaria segue medrando como tratando de alcanzar o ceo coas súas afiadas pólas. Os bosques de araucaria viven a máis de 1.000 metros sobre o nivel do mar e o seu desenvolvemento é lentísimo, pero poden alcanzar alturas de ata 40 metros e vivir entre 500 e 1.000 anos. Algúns dos exemplares máis antigos de Sudamérica teñen ata 3.000 anos. A súa madeira, de excelente calidade, é unha das causas da súa paulatina desaparición, xunto cos incendios que se rexistran nestas latitudes.