A contaminación afoga a agricultura sostible

A contaminación acumulada no chan reduce a produción agrícola e ameaza a agricultura sostible, polo que é maior a dependencia dos abonos nitroxenados, e polo tanto, o risco de contaminación das augas por nitratos
1 Xullo de 2009
Img medioambiente listado 636

A contaminación afoga a agricultura sostible

Ao se falar de contaminación, o pensamento e mais a ollada diríxense cara ao ceo cada vez menos azul ou cara á auga cada vez menos cristalina. Pero o chan onde se pousa o pé tamén sofre os seus efectos. A pintura dun poste telefónico pode afectar á produtividade dos campos agrícolas, o que á súa vez repercute na calidade da auga que lle chega por diversas vías aos cidadáns. Así se demostra nunha recente investigación da Universidade de Oregon (EEUU), que constata que os contaminantes acumulados no solo diminúen a produtividade dos cultivos, o que dificulta aínda máis o obxectivo dunha agricultura sostible. A razón: como se reduce a produtividade, os labregos recorren á utilización dun maior número de fertilizantes e de pesticidas que, á súa vez, aumentan a contaminación por nitratos do solo e das augas subterráneas. O resultado é un círculo vicioso, un efecto perverso da contaminación a longo prazo que se reflicte na calidade da agricultura, dos acuíferos e da auga de consumo doméstico.

Descenso da produtividade

O nitróxeno é esencial para o crecemento das plantas. A produción agrícola, polo tanto, consume o nitróxeno do chan. Para evitar que se esgote, a agricultura convencional optou pola aplicación masiva de fertilizantes nitroxenados e a rega abundante. O problema é que as plantas só absorben a metade deses fertilizantes. O resto fíltrase a través do solo coas augas da rega, polo que se contaminan os acuíferos e mais os ríos. Estudos realizados no Reino Unido calcularon que se filtran entre 50 e 60 quilogramos de nitróxeno por hectárea ao ano e que o 58% dos nitratos que contaminan os acuíferos proceden da agricultura. En España este é un problema moi estendido. Unha das zonas máis afectadas, aínda que non a única, é a Comunidade Valenciana. Moitos dos seus acuíferos superan o límite de 50 miligramos de nitratos por litro de auga fixado pola Unión Europea.

O exceso de nitratos nas reservas de auga poden afectar a saúde humana e ambiental. O principal efecto sobre a saúde coñécese como metahemoglobinemia, un trastorno que causa limitacións da hemoglobina para transportar osíxeno aos tecidos. Non obstante, se a cantidade de fertilizantes utilizados é moderada, non ten por que se orixinar un exceso de nitratos. O risco xorde cando se superan as cantidades recomendadas nun intento de acadar un maior crecemento das plantas. Pero engadir máis fertilizante non supón sempre un aumento da produtividade, xa que a causa do baixo rendemento dos cultivos pode ter outra orixe, tal e como revela o traballo da Universidade de Oregon, publicado na revista Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS).

Segundo o estudo, os compostos químicos que se atopan no chan afectan ao crecemento dos cultivos de leguminosas, xa que reducen a súa capacidade de capturar e fixar nitróxeno (un proceso esencial no crecemento deste tipo de plantas). O insecticida metilparation -aplicado á alfalfa e ao algodón- reduce a produtividade nun 35%, e o DDT – que aínda que xa non se usa, se atopa en numerosos chans agrícolas- faino nun 45%. O bisfenol A, un composto usado nos plásticos, e que se converteu nun contaminante omnipresente, causa unha redución da produtividade na alfalfa dun 50%. Outro contaminante, o pentaclorofenol, empregado para protexer a madeira dos postes de teléfono e doutras infraestruturas, reduce o rendemento dos cultivos ata un 80%. Todo iso explicaría o descenso na produtividade dos últimos 40 anos en todos os países, a pesar da crecente aplicación de fertilizantes e pesticidas.

As consecuencias de utilizar contaminantes

Este efecto dos contaminantes é dobremente negativo. Por unha banda, diminúe a produtividade do cultivo e, por outra, afecta as leguminosas, unha das mellores bazas das que dispón a agricultura para controlar o uso de fertilizantes.

As leguminosas (como a alfalfa, os feixóns ou o trevo) caracterízanse pola súa capacidade de fixar o nitróxeno do aire grazas a unhas bacterias que se achan nas súas raíces. A simbiose entre bacterias e planta permítelle alimentarse do nitróxeno que hai no aire e, de paso, renovar as reservas de nitróxeno na terra, de xeito que pode ser aproveitado por outras plantas. De aí que o cultivo de leguminosas, alternado con outras especies, sexa unha das prácticas agrícolas ecolóxicas recomendadas para aumentar a fertilidade do solo sen abono ou con pequenas cantidades.

Neste ámbito, o estudo da Universidade de Oregon mostra que os contaminantes minguan o crecemento das plantas porque impiden esa capacidade de capturar o nitróxeno. É unha mala noticia porque augura que será difícil reducir a dependencia dos abonos nitroxenados. Ademais, en países en desenvolvemento, onde os fertilizantes son moi caros para o agricultor, o cultivo rotatorio de leguminosas é unha maneira económica de manter a fertilidade do solo. Sobre este feito, John McLachlan, do Centro Tulane para a Investigación Bioambiental (EE UU), avanzaba os resultados dos seus experimentos aínda sen publicar: descubriron que os pesticidas afectan ao proceso de fixación de nitróxeno dun cento de plantas leguminosas tropicais e subtropicais. Moitas destas especies son árbores e arbustos, como a teca ou o palisandro, que melloran os chans tropicais baixos en nutrientes. E os agricultores destas rexións máis pobres non poden permitirse perder estes fertilizantes naturais. A longo prazo, a consecuencia non é só unha menor produtividade, senón unha maior dependencia dos abonos nitroxenados e a prolongación dun modelo agrícola insostible.

Un dos principais obstáculos para evitar o uso excesivo de fertilizantes nitroxenados é a falta de entendemento entre labregos e Administración. Sábese a cantidade de abono nitroxenado que hai que empregar para non superar o límite e publícanse folletos de información que se lles envían aos labregos, pero non se realiza un seguimento para comprobar o seu cumprimento, tal e como alertan dende o Centro de Ciencias Ambientais de Madrid e RUENA, unha rede de investigación sobre o uso eficiente do nitróxeno na agricultura.

A crenza falsa de que canto máis abono se utiliza máis aumenta a produtividade só empeora a situación. Entre as estratexias deseñadas para evitar este problema cómpre salientar a concienciación dos agricultores e unha xestión integral das cuncas dos ríos para declarar as zonas vulnerables, con augas que superan ou están a piques de superar a concentración máxima de nitratos permitida.

Evitar a contaminación por nitratos tamén na casa

A contribución de reducir e evitar no posible a contaminación por nitratos non lles corresponde de xeito exclusivo á Administración e aos labregos. Tamén os cidadáns que cultivan pequenas hortas ou xardíns xogan un importante papel, xa que non sempre teñen unha información axeitada no que atinxe ao uso de fertilizantes.

Tal como recolle un documento do Centro Rural de Información Europea, unha das principais ferramentas para evitar esta contaminación é a agricultura ecolóxica e o uso de abonos que non sexan moi solubles, xa que así se espallan menos.

Velaquí outros consellos:

  • Evitar o abuso de abonos nitroxenados e a rega excesiva.
  • Manter o chan con vexetación. Aínda que non sexa un fermoso céspede e se trate de vexetación silvestre ou mixta, esa cuberta verde retén o exceso de nitratos do chan e evita que se espallen. Cando se corta, o nitróxeno regresa ao chan, aínda que nunha forma orgánica difícil de ser arrastrada, polo que resulta máis inocuo dende o punto de vista ambiental.
  • Non hai que dispersar contaminantes na natureza. Hai que evitar o abuso de pesticidas, xa que, como se vén de dicir, a longo prazo aféctalle ao crecemento das plantas e xera unha maior dependencia dos abonos.