Dermatite de contacto

Máis complicadas de diagnosticar ca de curar

1 Setembro de 2004
Img salud listado 289

Máis complicadas de diagnosticar ca de curar

O termo de dermatite ou eccema utilízase para denominar as afeccións da pel nas que a lesión fundamental é unha erupción cutánea superficial. Comezan como un avermellamento e despois transfórmanse en pápulas e vesículas que exsudan un líquido seroso, que co tempo se cronifican engrosándose a pel. Os eccemas poden ser de causa endóxena, cando non hai un axente externo que inicie a afección, como é o caso da dermatite atópica e a seborreica, ou ben esóxena, como a dermatite de contacto irritativa e alérxica, nas que un axente exterior provoca a afección. Son estas últimas as que máis incidencia teñen na poboación.

Dermatite de contacto irritativa

É unha reacción inflamatoria fronte a un produto irritante que ten efecto tóxico sobre a pel. É a dermatite de contacto máis habitual: a maioría das persoas padécena por igual se entran en contacto co axente, que pode ser un disolvente, un deterxente, determinados xabóns, ácidos e álcali… Cando se produce este tipo de dermatite, a pel pode responder de maneira distinta, dependendo da concentración do produto, a extensión afectada ou do tempo de actuación. Cúrase cando se deixa de estar en contacto co irritante causante. Non hai participación do sistema inmunolóxico, non hai sensibilización previa e aparece ó primeiro contacto co produto. A dermatite irritativa pode, nalgúns casos, ser o paso previo para o desenvolvemento dunha dermatite alérxica.

Dermatite de contacto alérxica

Estoutro tipo de dermatite de contacto prodúcese por unha reacción de hipersensibilidade retardada. En contactos previos coa substancia o suxeito vaise sensibilizando, ata que chega un momento en que desenvolve o eccema de modo máis ou menos virulento. Os produtos capaces de producir alerxia denomínanse alérxenos. A súa lista é interminable. Os máis frecuentes son:

  • Níquel: presente nos produtos de bixutería e nalgúns metais. Hai un 5% da poboación sensibilizada ó níquel.
  • Cobalto: pode participar nunha alerxia cruzada co níquel, ó que se atopa moitas veces asociado.
  • Cromo: atópase amplamente estendido pola natureza e utilízase en industrias da pel, fotográfica, do aceiro, tinguiduras, e na construción, onde o cromo se pode atopar asociado ó cobalto e ó níquel, provocando a dermatite alérxica por cemento. Tamén está presente nalgúns pigmentos azuis (ollo coas tatuaxes!).
  • Mercurio: utilizado moito no ámbito sanitario, pero tamén na fabricación de desinfectantes, cosméticos, amálgamas dentais, pesticidas.
  • Cosméticos, bálsamo do Perú, tinguiduras de perruquería, perfumes, colonias… conteñen moitas veces substancias con poder alerxénico.
  • Gomas e látex: polo seu amplo uso, cada vez xeran máis alerxias. Luvas, botas, produtos médicos de protección, preservativos, roupa íntima, zapatillas deportivas… as fontes de contacto son innumerables.
  • Medicamentos aplicados topicamente: como a neomicina, un antibiótico moi empregado en pomadas, ou anestésicos tópicos.
  • Hedra, aciñeira, zumaque velenoso e outras plantas: poden ter un potente efecto irritativo e alérxico.

Outros tipos de dermatite de contacto

Un xeito moi especial de dermatite é a xerada por algúns produtos que, con só tocar a pel e ser expostos á luz solar, provocan unha alerxia. Mesmo hai persoas que teñen unha reacción anómala á luz, coñecida como fotosensibilidade e que se pode manifestar de maneira aguda ou crónica. Hai varios tipos de fotosensibilidade aguda, como a urticaria solar (proído intenso ós poucos minutos de exporse ó sol), fototoxia (queimaduras solares que aparecen horas ou días despois de exporse ó sol e poden durar días, semanas ou meses), fotoalerxia (nas áreas expostas ó sol desenvólvense eccemas), erupción lumínica polimorfa (erupción con pápulas e vesículas, aparece horas ou días despois da exposición ó sol, máis frecuente en mulleres a partir dos 30 anos) ou o lupus eritematoso subagudo (en persoas que padecen lupus eritematoso, a exposición ó sol xéralles aparición de lesións cutáneas).

Diagnóstico, en ocasións arduo

O diagnóstico da dermatite de contacto alérxica é, polo xeral, complicado e require unha actividade case detectivesca do especialista. Se o eccema aparece na zona onde se poñen pendentes, colares, reloxo ou aneis, a conclusión é clara: os causantes poden ser o níquel ou o cobalto. Pero ás veces as pescudas complícanse, dado que algúns alérxenos que producen lesións cutáneas poden chegar vía inhalatoria ou dixestiva.
O diagnóstico baséase na historia clínica e na realización de probas epicutáneas ou probas do parche, que son o mellor método para determinar que substancias son as responsables da alerxia. Para iso aplícanse sobre a pel, na parte superior das costas, os produtos sospeitosos, agrupados en baterías. Cóbrense con parches e mantéñense durante dous días seguidos. Trala primeira lectura ás 48 horas, realízase unha segunda ás 72-96 horas, para ver como reacciona a derme. Hai que ser un bo experto para facer unha correcta interpretación dos resultados.

Tratamento

O tratamento da dermatite de contacto pasa por eliminar todo contacto coa substancia que a xera, algo doado unha vez determinado cal é o axente causante. Non sempre é sinxelo dar con el, o que ás veces obriga a tenteos que poden desesperar o paciente. No mundo laboral é frecuente a utilización de cremas barreira que actúan a xeito de defensa entre a pel e o produto que causa a dermatite.
Na fase aguda son eficaces as compresas húmidas con permanganato potásico e/ou sulfato de cobre e a aplicación de corticoides tópicos, dos que na actualidade hai unha gran variedade. Nalgunhas ocasións as lesións inféctanse e hai que aplicar antibióticos localmente. Na fase aguda, caracterizada por vesículas e exsudación, non é aconsellable utilizar pomadas ou cremas, mentres que na fase crónica -de lesións secas e cotrosas- resultan eficaces as cremas ou pomadas con esteroides durante breves períodos de tempo, así como emolientes para “abrandar” a pel lesionada. Se o proído é moi molesto pódense tomar antihistamínicos.

Síntomas do eccema

A lesión cutánea típica da dermatite de contacto alérxica é o denominado eccema. Na súa formación sucédense varias fases. A aguda ou inicial comeza cun avermellamento da pel e a aparición de pequenas vesiculiñas que rompen e exsudan un líquido seroso. Na seguinte fase, denominada subaguda ou intermedia, comézanse a desecar as lesións e fórmase unha costra. Na fase crónica, a pel sécase, endurécese e engrosa. Xorden fisuras que se poden estender a outras zonas e que mesmo poden chegar a sangrar. A zona afectada ofrece un aspecto algo desagradable. En tódalas fases sófrense proídos. Os eccemas poden ser especialmente molestos cando se sitúan en zonas do corpo próximas ás articulacións, pois con algúns movementos tírase da pel e a zona do eccema doe (por exemplo, nos dedos das mans).