Limpeza do automóbil

Unha limpeza regular aforra tempo e esforzo

O lavado frecuente e a limpeza do interior do vehículo permiten que o coche se conserve durante máis anos nun bo estado
1 Xuño de 2008
Img motor listado 109

Unha limpeza regular aforra tempo e esforzo

O sol é unha ameaza para a pintura escura dos coches, non só porque se desgasta máis axiña, senón porque a sucidade a vai máis, os mosquitos péganse con máis facilidade á lúa dianteira e o po reaparece aos cinco minutos de lavalo. A chuvia e a sarabia cobren o automóbil cunha capa de barro fino que se concentra en rodas e paragolpes. O mellor xeito de protexer o automóbil contra as influencias nocivas do medio é lavalo a miúdo, sen esquecer a limpeza do interior. Este hábito dependerá, entre outros factores, da asiduidade coa que usemos o vehículo, do lugar no que se sitúa e das condicións atmosféricas e ambientais. Un lavado á semana non só mellora o aspecto do coche, senón tamén o seu potencial prezo de revenda. Pero non todos os servizos nin todos os instrumentos de limpeza son aconsellables.

Cando e onde lavar o coche

  • Sen unha limpeza axeitada e regular, mesmo a mellor pintura se volverá pálida e descolorida pola acción de contaminantes industriais e do tráfico.
  • Canto máis tempo permanezan sobre a pintura do vehículo os excrementos de paxaros, restos de insectos, resinas de árbores, manchas de alcatrán, sales antixeo ou outro tipo de sucidade agresiva, tanto máis persistentes serán os seus efectos corrosivos. As altas temperaturas e a radiación solar intensa potencian o efecto cáustico.
  • En caso de emporcalo, convén lavar o coche así que se acaba de usalo, cando a lama e os restos de insectos e demais partículas aínda están brandos, xa que se desprenderán con máis facilidade. Se deixa secar a sucidade, exponse a que se raie a pintura ou queden manchas nela.
  • Non lave o coche baixo o sol, xa que o xabón pode secar antes de que teña a oportunidade de aclarar o coche, deixando pegadas na carrocería.
  • Procure evitar as estacións de lavado a base de rolos de sedas. Son moi prácticas, pero na maioría das ocasións as porcas de plástico raian a carrocería.
  • Evite lavalo á man. As pequenas cantidades de auga usadas no lavado manual mestúranse co lixo e forman unha agresiva pasta abrasiva que deixa unha gran cantidade de rabuñadas minúsculas e diminúe a capa da pintura.
  • Sempre que lle sexa posible, lave o coche en estacións que dispoñan dun sistema de lavado a presión con tratamento de auga por osmose inversa. Este sistema descalcifica, desmineraliza e elimina o cloro da auga, co que non deixa marcas de cal na carrocería e favorece o seu secado.

Con mangueira a presión, o enxaboado de abaixo cara a arriba

  • Debido ás características do deterxente (específico para eliminar o lixo estático), os seus activos químicos son máis eficaces mesturados con auga a 80 graos e a 100 bares de presión, e a fase de enxaboado débese facer de abaixo cara a arriba e coa boquilla da mangueira perpendicular á carrocería, para eliminar o lixo de modo uniforme. De facelo de arriba cara a abaixo, o deterxente dispersarase sobre as zonas aínda sen lavar deixando “parches” de sucidade difíciles de quitar aínda que despois se lave esa zona. Ademais, débese manter unha distancia entre a boquilla da lanza e a carrocería do vehículo duns 6 centímetros para manter a temperatura, e a eficacia, da auga.
  • Se a auga está tratada por osmose inversa non cómpre secar a carrocería, é máis, non se debe facer, xa que a gamuza deixaría manchas.
  • Elimine as manchas de alcatrán cun pouco de alcohol, aclarando despois con auga.
  • Para axudar a quitar a lama da parte inferior do chasis e das rodas use un cepillo brando. Fregue unha vez que a lama estea xa amolecida pola auga, e sempre a chorro.
  • Non esqueza limpar a conciencia os faros, xa que a sucidade lles resta luminosidade, coa conseguinte perda de visibilidade. Unha simple capa de po na superficie dos faros pode reducir a súa eficacia ata un 10%.

Vidros, fiestras e limpaparabrisas

  • Cada vez que lave o coche limpe os limpaparabrisas para evitar que as partículas de lixo e graxa impregnada emporquen ou raien os vidros. Páselles un trapo húmido ou un pano impregnado en limpacristais unha vez por semana.
  • Mellore a limpeza dos cristais engadindo un pouco de lavalouza ao líquido do limpaparabrisas.
  • Para eliminar os mosquitos incrustados, probe a fregar coas bolsiñas de malla plástica que adoitan conter froita e verdura. Frotan a superficie do cristal sen raialo.

Cadro de instrumentos e demais superficies interiores

  • Limpe periodicamente o cadro de instrumentos, o teito e os revestimentos de plástico. Amais de ofrecer un mellor aspecto, evitará respirar o po e o lixo acumulados.
  • Nunca limpe o cadro de instrumentos nin as superficies da unidade do airbag con produtos que conteñan disolventes, xa que o seu efecto corrosivo fai que as superficies se volvan porosas.
  • Hai panos e aerosois especiais para lavar os interiores, e “atrapapos” para a limpeza e mantemento de automóbiles. Tamén pode usar un pano do po do fogar, e un cepillo suave para as zonas de difícil acceso.
  • Non pase o aspirador por esta zona, xa que podería rabuñar ou danar algunha peza.

Tapizados e revestimentos

  • Pasar o aspirador polos asentos con certa frecuencia é o mellor xeito de que se manteñan en perfecto estado.
  • O tapizado e os revestimentos de portas, bandexa portaobxectos, teito… débense tratar con produtos especiais de limpeza, ou ben con escuma seca e un cepillo brando para as manchas.
  • Coide de que as escumas de limpeza non sexan demasiado fortes, xa que poderían atacar á cor. Siga en todo momento as indicacións do fabricante.
  • Limpe con regularidade os asentos de coiro para evitar co paso do tempo unha deterioración e desgaste da cor.
  • Evite que o coiro quede exposto ao sol durante moito tempo para que non perda cor.
  • Para eliminar o po e a sucidade deste tipo de superficies o mellor é usar un pano húmido. Se algún punto está moi porco, utilice algún produto dos que hai no mercado para o devandito fin.
  • En caso de uso normal é aconsellable aplicar cada seis meses os produtos especiais para manter hidratado o coiro que se pode adquirir en calquera concesionario ou establecemento especializado.