Unha despedida ecolóxica do automóbil

Tráfico dispón de centros específicos destinados a xestionaren a baixa definitiva dos vehículos de xeito gratuíto, sinxelo e ecolóxico
1 Setembro de 2008
Img derechos listado

Unha despedida ecolóxica do automóbil

Tras anos de servizo, o automóbil, e sobre todo o medio natural, merece unha despedida ecolóxica. Dende 2004 a baixa dos vehículos ao final da súa vida útil obriga os seus propietarios a realizar uns sinxelos trámites que garantan a axeitada xestión de residuos contaminantes. Entre eles, o máis importante é a súa entrega ben directamente ou a través dunha instalación de recepción- en Centros autorizados de Tratamento para a correcta xestión ambiental do vehículo e dos seus compoñentes. Este trámite é gratuíto para os vehículos con máis de quince anos de antigüidade. Neste proceso de mellora ambiental a responsabilidade recae no usuario.

Cal é o primeiro paso para dar de baixa o vello automóbil?

Se pretende desfacerse do seu vello coche, deberá entregalo nun Centro autorizado de Tratamento (CAT) ou a través de nunha instalación de recepción de vehículos. Para iso, o primeiro que debe facer é informarse en Tráfico da lista de centros autorizados máis próximos para efectuar a entrega. Se o prefire, pódelle encargar os trámites a unha xestoría, logo de pagar os gastos de tramitación.

Que son as instalacións de recepción de vehículos?

Son establecementos de titularidade privada, como os dos produtores, concesionarios, desguazadores e fragmentadores que, por razón da súa actividade económica, se fan cargo de modo temporal do vehículo ao final da súa vida útil para o seu traslado aos centros de tratamento que se encargan do proceso de descontaminación. Os produtores de vehículos débense facer cargo daquelas marcas que comercializan ou que comercializaran e han de garantir a dispoñibilidade de instalacións de recepción en todo o territorio español.

Que documentación hai que preparar?

  • O Documento Nacional de Identidade, tarxeta de residencia en caso de ser estranxeiro ou poderes se o titular do vehículo é unha persoa xurídica.
  • Permiso de circulación e Tarxeta de Inspección Técnica do Vehículo
  • Fotocopia cotexada do último recibo cobrado do Imposto Municipal de Circulación, agás se o vehículo ten máis de 15 anos.

Cal é o seguinte paso?

Deberá cubrir a solicitude de baixa en modelo oficial cos datos e sinatura do titular do vehículo. Despois, o centro encargarase de destruír o vehículo, emitirá un certificado de destrución axustado a un modelo normativo e comunicaralle a baixa definitiva á Xefatura Provincial de Tráfico correspondente.

A entrega do vehículo no Centro autorizado de Tratamento documentarase mediante o certificado de destrución emitido polo devandito centro. E para xustificar a baixa definitiva no rexistro de vehículos, deben constar no certificado de destrución os datos do vehículo que se vai descontaminar, o nome do titular do vehículo, e o nome do CAT.

Canto custa?

É gratuíto. A entrega non supón custo ningún para o seu titular cando o vehículo careza de valor de mercado, sempre que conteña polo menos a carrozaría e o grupo motopropulsor, e non inclúa ningún proceso de desmontaxe de pezas ou compoñentes.

Para outros vehículos como ciclomotores, motocicletas e vehículos especiais aboarase na Xefatura de Trafico unha taxa de 7,60 euros, a menos que se achegue certificación de tratamento ambiental ou que a antigüidade do vehículo sexa de 15 anos ou máis dende a súa matriculación en España.

Ten que entregar o CAT ou a instalación de recepción algún documento?

Esta instalación debe entregar o vehículo a un CAT no prazo máximo de 30 días a partir do día da entrega e acreditaraa mediante un certificado. Solicíteo.

Por outra banda, a chegada do vehículo a un Centro autorizado de Tratamento para a súa descontaminación, tanto a realiza o seu titular como se procede dunha instalación de recepción, documentarase mediante o correspondente certificado de destrución, que será emitido gratis polo devandito centro e que se lle entregará ao titular do vehículo. O CAT, pola súa banda, quedará cunha copia para el e outra que enviará á respectiva comunidade autónoma no prazo de quince días.

Se hai que achegar o imposto de circulación e o Concello aínda non solicitou o seu pagamento este ano, que se pode facer?

Para a xestión de este imposto prevese un sistema de recadación baseado na acreditación previa do seu pagamento, conforme ao cal as Xefaturas Provinciais de Tráfico non tramitarán ningún expediente de baixa definitiva a menos que se acredite o pagamento do último recibo presentado ao cobramento do imposto polo titular do vehículo, de acordo coa Lei 36/2006, do 29 de novembro, de medidas para a prevención da fraude fiscal.

Neste caso debe entregar unha copia do último recibo pagado, pero antes asegúrese de que o seu Concello aínda non abriu o prazo para o pagamento do ano en curso. Teña en conta que o imposto sobre vehículos de tracción mecánica grava a titularidade dos vehículos aptos para circular polas vías públicas e son contribuíntes deste imposto as persoas que o 1 de xaneiro figuren como os seus propietarios. Non obstante, e en caso de baixa definitiva, ratéase por trimestres naturais, tal e como indica di a Lei de facendas locais. En termos xerais, este rateo lévase a efecto na presentación do impreso cumprido da declaración-liquidación do imposto. En concreto, a lei permite o rateo deste imposto en tres supostos: alta ou primeira adquisición do vehículo, baixa definitiva do vehículo e supostos de baixa temporal por subtracción ou roubo de vehículo.

Se o propietario pagou o imposto antes de tramitar a baixa, pode reclamar que lle devolvan unha parte?

Consúlteo no seu Concello. En calquera caso, unha vez aboada a cota total do imposto correspondente ao exercicio en curso, e tramitada a baixa ante a Xefatura de Tráfico, deberá poder presentar no seu Concello o xustificante da baixa para solicitar a devolución proporcional, logo de cubrir un impreso.

Queda por pagar un trimestre da prima do seguro do automóbil; cómpre pagala a pesar da baixa?

Se a compañía de seguros e o asegurado non chegan a un acordo noutro sentido, este deberá pagar a totalidade da prima polo seguro anual.

Cal é o motivo?

Segundo a normativa reguladora de ordenación dos seguros privados, a prima responde aos principios de indivisibilidade, invariabilidade, suficiencia e equidade, polo que calculada a prima anual conforme ás tarifas da compañía, o pagamento trimestral, mensual ou semestral é só unha facilidade de pagamento, xa que a prima é indivisible polo período pactado: un ano. Polo tanto, as aseguradoras teñen dereito ao seu cobramento integro.

Unha persoa sufriu un accidente e a compañía de seguros declarou sinistro total. Aceptou a indemnización ofrecida polo valor do vehículo. Tramitouse a baixa, pero o importe ingresado é menor. Que se pode facer?

Nestas circunstancias o máis recomendable é realizar a solicitude de aclaracións ou a reclamación por escrito. O mellor xeito é enviar un burofax certificado, pero, se non desexa afrontar o gasto (22 euros con certificación do texto), realice a primeira solicitude por fax, sempre que garde unha copia onde se reflictan a data do envío, o remitente e o destinatario.

Así e todo, aínda que o deberían informar máis polo miúdo, o máis probable é que a compañía de seguros descontara da indemnización o importe da prima do seu seguro que quedase pendente de pagamento, e iso a pesar da baixa do vehículo.

Xa pagara a prima completa anual, pero ao dar de baixa o vehículo a compañía de seguros comentoulle que a parte da prima que correspondía aos últimos catro meses lla “gardaban” para descontala do seguro do novo coche. Non obstante, a cantidade descontada é menor que o previsto polo asegurado.

A cantidade que paga o asegurado non é ao 100% para a compañía, senón que unha parte do que paga o usuario é para o Consorcio de Compensación de Seguros e outros gravames. É posible que ese sexa o motivo de que non lle cadren as contas de modo proporcional aos meses “non consumidos”. Pero consulte coa súa compañía.