Cómo organiza-lo maleteiro do coche

Unha correcta distribución e a suxeición, as claves

A equipaxe mal suxeita pódese converter nun proxectil mortal non só no caso de accidente, senón tamén en freadas fortes
1 Xullo de 2003
Img consejos listado 127

Unha correcta distribución e a suxeición, as claves

Un ano máis, a maior parte dos españois elixe a estrada e o coche propio para chegar ó seu destino de vacacións. E de novo cómpre insistir na importancia de tomar precaucións nos desprazamentos, comezando polo xeito de organiza-la maleteiro do coche. Aínda que non o pareza, unha carga mal distribuída pode chegar a ser letal.

  • Elimine da equipaxe os obxectos máis superfluos, pesados, voluminosos. Non leve consigo vultos que non teña claro que vai utilizar. Lembre que o maleteiro non é de goma.
  • Procure non enche-lo maleteiro e pense que é bastante máis complicado carga-los vultos á volta. Entre outras cousas, porque nas vacacións sempre se acaban mercando obxectos que rematan no maleteiro.
  • Asegúrese de que tódolos obxectos -mesmo os moi lixeiros- se colocan no maleteiro do coche.
  • Coloque a carga no maleteiro de maneira compensada para que non afecte á estabilidade do coche. Non poña todo o pesado a un lado e o menos pesado ó outro.
  • Distribúa os vultos de xeito que os máis pesados estean debaixo: as maletas máis grandes e ríxidas débense colocar no fondo e o resto da equipaxe enriba, amarrándoa ós puntos de suxeición previstos para iso no maleteiro sempre que sexa posible.

A suxeición, fundamental

  • Se a carga non enche por completo o maleteiro e hai posibilidade de que se mova, é conveniente suxeitala con gomas elásticas ou redes.
  • Non coloque obxectos que impidan a correcta visibilidade do conductor, nin os sitúe na bandexa posterior, xa que nunha freada brusca se poden converter en proxectís e provocaranlles serias feridas ós pasaxeiros.
  • Se o seu coche choca a 50 quilómetros por hora contra unha parede ou contra unha árbore, e leva na bandexa traseira un paraugas de 450 gramos, este sae lanzado cara adiante e bátelle a vostede na caluga coa forza dun martelo. Nas mesmas circunstancias, un neceser ou un maletín que pese 5 quilos pódese converter nunha arma mortal cun peso equivalente a 45 quilos.
  • Abroche os cintos dos asentos traseiros, aínda que non haxa pasaxeiros. É unha suxeición adicional que contribúe a evitar que a equipaxe pase desde o maleteiro ó habitáculo.
  • Procure, igualmente, que ningunha persoa se coloque no centro do asento traseiro cando se leven vultos pesados no maleteiro.
  • Lembre que o comportamento do coche cambia cando vai cargado. A principal consecuencia, amais da perda de potencia -máis evidente canto menor motor teña-, é que en caso de freada notaremos que a distancia se alonga.
  • Non é aconsellable leva-la equipaxe na baca do coche. Cando sexa imprescindible, impida que os vultos sobresaian do perímetro do vehículo e asegúrese de que estean firmemente suxeitos e que non quede a parte dianteira máis elevada cá traseira. As mellores bacas son as pechadas, concibidas como maleteiros herméticos, con pechadura e forma aerodinámica.

Bicicletas seguras

  • Suxeite firmemente as bicicletas non só pola posibilidade de que caian e se estraguen, senón sobre todo por evitar accidentes de conductores que vaian detrás do seu vehículo.
  • Normalmente son 3 os puntos de suxeicións. As dúas rodas (a través de cintas axustables) e a suxeición da barra diagonal do cadro. Esta última suxeición debe ser moi firme, por suposto, polo que é recomendable protexe-lo cadro cun pequeno pano. De non ser así, pode rabuñalo. Outro sistema de ancoraxe (usado quizais en portabicicletas máis antigos), é a través da camba directamente, desmontando antes a roda dianteira.
  • Antes de subi-las bicicletas quítelles todos aqueles elementos que poidan caer ó estaren á intemperie (desde bidóns ata contaquilómetros, que se poden danar por unha exposición prolongada ó sol, pasando polo inflador).
  • Reduza a velocidade do automóbil mentres leve as bicicletas montadas, considerando que a aerodinámica se vai ver afectada. En ningún caso é aconsellable supera-los 120 quilómetros por hora.
  • Os portabicicletas que se suxeitan no portón traseiro non son legais, posto que a lei non permite colocar carga fóra da planta do vehículo.

Se viaxa sobre dúas rodas

  • Se viaxa en moto precisará alforxas, maletas, un portaequipaxes, unha bolsa de depósito e gomas elásticas especiais para moto.
  • Distribúa a carga de maneira equilibrada en ámbolos lados. Se é preciso pese as bolsas nunha báscula.
  • Non poña demasiado peso na parte de atrás da moto.
  • Despois de ter todo convenientemente gardado, poña a roupa de auga nalgún lugar accesible atada coas gomas elásticas. Siga esta regra estrictamente para non ter que desfacer toda a equipaxe en caso de chuvia.
  • Trate de ter sempre á man os obxectos que vaia precisar durante a viaxe.