Limpeza e engraxe regulares, claves do mantemento

Posta a punto da bicicleta

Circular en bicicleta polas estradas, beiravías, camiños veciñais ou rutas expresamente preparadas para elas implica, aínda que non nos guste, certos riscos.
1 Maio de 2001
Img consejo del mes listado

Posta a punto da bicicleta

Ó deficiente estado dalgunhas calzadase á nosa aínda insuficiente educación viaria en materia de cicloturismo, engádese como un dos principais factores de accidentes de bicicleta o seu deficiente estado de mantemento. Por iso, cómpre sometelas a unha rigorosa posta a punto antes de volver pedalear sobre elas, para evitarmos sorpresas desagradables como picadas, freadas ineficaces ou problemas coas marchas.

Mantemento periódico

  • Lave a bicicleta con panos húmidos, agás as zonas con rodamentos. Funcionará mellor e previrá a corrosión.
  • Comprobe que non haxa fisuras no cadro, as pinas e as bielas.
  • Mida a cadea e asegúrese do correcto estado de pratos e piñóns. Se están moi gastados, substitúaos. Limpe a cadea sen desmontala con disolvente en spray e panos e, de seguido, aplíquelle lubricante ós pasadores entre elos.
  • Engraxe os rodamentos internos das poleas guía e tensora do desviador traseiro. Faga o mesmo coas xuntas pivotantes nos desviadores dianteiro e traseiro, e nos freos e manetas.
  • Asegúrese de que tódalas pezas da súa bicicleta están debidamente apertadas e axustadas. Comprobe a fixación de parafusos e porcas do pedalier, do freo, das pontes, dos cables e dos pivotes da suspensión traseira.
  • Limpe e engraxe as barras das forquillas de suspensión, incluíndo os resortes e o seu interior. Lubrique con aceite os resortes dos pedais automáticos. Comprobe a presión do aire nas forquillas de suspensión por aire comprimido.
  • Asegúrese de que o xogo de dirección está ben axustado. Comprobe a correcta aliñación das rodas, sen esquecer que as pinas deben estar centradas.
  • Examine o estado das zapatas de freo e substitúaas se están moi duras ou gastadas. Lave as pinas a miúdo para evitar que o lixo que se acumula nelas pase ás zapatas e reduza a eficacia dos freos. Periodicamente, páselle un pano con alcohol ás zapatas e pinas.
  • Aplíquelles unhas pingas de aceite ós buxes de triple marcha.
  • Se o asento da súa bicicleta é de coiro, límpeo con xabón especial. Tamén lle pode aplicar graxa de coiro.
  • Comprobe o estado das punteiras dos pedais.

Antes de saír…

  • Comprobe a presión dos pneumáticos. Rodar coa presión axeitada significa facelo de xeito máis eficaz.
  • Asegúrese de que a cadea está ben engraxada.
  • Examine o estado das rodas: deben estar ben centradas co cadro e os mecanismos de peche rápido firmemente pechados.
  • Fíxese en que os freos estean centrados coas rodas e as zapatas correctamente situadas con respecto ás pinas.
  • Comprobe que o mecanismo de peche rápido do freo está pechado. Accione as pancas de freo para garantir que teñen suficiente percorrido tras faceren contacto, de xeito que non se peguen ó guiador.
  • Axite a bicicleta á procura de ruídos que delaten pezas soltas ou pouco apertadas.
  • Asegúrese de que a bomba e o kit de reparación estean firmemente suxeitos á bicicleta.

De volta á casa…

  • Retire os obxectos estraños que se puideran fixar no debuxo dos pneumáticos e comprobe o seu estado.
  • Se está moi porca, limpe a bicicleta coa mangueira, evitando o contacto directo da auga con pezas que conteñan rodamentos de graxa. Elimine o exceso de auga e deposite a bicicleta nun lugar cálido e seco. Se o asento é de coiro, séqueo ben.
  • Elimine a humidade da cadea e lubríquea lixeiramente.