Viaxar con nenos

Planifique a viaxe con antelación

É fundamental extremar as precaucións nos traxectos, tanto en viaxes longas coma en desprazamentos máis curtos
1 Xullo de 2005
Img consejo listado 109

Planifique a viaxe con antelación

Unha viaxe con nenos pode resultar unha tolemia se se esquece que requiren unha atención, servizos e precaucións especiais. Ben sexa por terra, mar ou aire, viaxar cos máis cativos esixe máis planificación da habitual. En xeral, aplícanse descontos nas tarifas cando son menores de doce anos e hai servizos específicos para eles (comidas infantís, pasatempos ou berces, cando se trata de voos), pero para non levar sorpresas e evitar, por exemplo, que os asentos asignados nun voo non sexan contiguos, mellor preparalo todo con tempo.

  • Se viaxa en tren ou autobús teña en conta enlaces ou transbordos e elixa os de menor espera.
  • Cando planee a viaxe, debe visitar a estación máis próxima e pedir todos os traxectos, horarios e combinacións posibles para chegar ó lugar de vacacións.
  • Nos medios de transporte públicos escolla asentos onde o espazo sexa máis ancho para permitirlles máis mobilidade ós pequenos, preferentemente no lado da ventá.
  • Avise con antelación de que vai viaxar con nenos.
  • As mellores horas para viaxar con nenos son as primeiras da mañá ou as últimas da tarde (vai menos calor).
  • Procure reservar os billetes con antelación para garantir que toda a súa familia viaxe en asentos contiguos.

Avión

  • /imgs/20050701/consejos02.jpgSe se trata dunha viaxe de longo percorrido, as compañías aéreas adoitan dispor de menú infantil e mais de entretementos (recortables, bonequiños, etc.) que distraen o neno durante o voo.
  • Leve na equipaxe de man obxectos que consigan que o neno se sinta máis cómodo (o seu xoguete preferido, un conto, un biberón con auga, etc.).
  • Pode acceder co coche de nenos ata a entrada do avión, desde onde unha azafata llo baixará á adega, e entregarallo cando desembarque.
  • Os nenos que viaxan como menores non acompañados deben levar, ó igual ca calquera outro pasaxeiro, a súa documentación en regra (pasaporte, DNI ou libro de familia ou fotocopia compulsada do mesmo) en todos os traxectos. Os pais ou titores deberán presentar a documentación de identificación necesaria (DNI, pasaporte ou tarxeta de residencia).
  • Os menores de dous anos que non ocupen asento deben viaxar sentados cun adulto, pagando o 10% da tarifa. Ademais, algunhas compañías só permiten un bebé por adulto. En voos intercontinentais de longa distancia algunhas compañías ofrecen un número determinado de berces-confort para o descanso de bebés de ata 8 meses de idade.
  • É habitual que os maiores de dous anos e menores de doce teñan descontos nas tarifas aéreas. En función do destino e da aeroliña, a dedución pode chegar a ser de ata a metade do importe do billete. Se se desexa que os nenos menores de dous anos ocupen asento (posible só con algunhas compañías), aplícanselles as mesmas tarifas que ós nenos maiores de dous anos e menores de doce.

Bebés a bordo, uns pasaxeiros moi especiais

  • Se é posible, intente ocupar asentos dianteiros.
  • Nas viaxes de longo percorrido pode solicitar berces e cadeiras portabebés. Para iso deberá avisar con antelación á compañía aérea.
  • Coloque a cadeira do bebé nos asentos interiores, os máis próximos á ventá, ollando cara a diante, e suxeita polo cinto de seguridade. Nunca a sitúe diante das saídas de emerxencia.
  • Convén que o bebé inxira líquido a miúdo.
  • Controle a súa temperatura corporal.
  • Para evitar a presurización dos oídos, déalle de mamar ó bebé ou o chupete.

Tren

  • Nas viaxes en tren, os nenos menores de catro anos viaxan gratis, sempre que non ocupen asento.
  • Os que ocupen asento e mais os menores de 12 anos terán unha redución respecto á tarifa de adulto en función do traxecto.
  • A idade máxima para obter un desconto nos trens rexionais é de 11 anos; no Tren de Alta Velocidade aumenta a 13 anos.
  • Se desexa que o neno viaxe só, débeo solicitar por escrito, no Control de Acceso.
  • Pódense acoller ó Servizo Accesorio de Viaxes de Nenos sen acompañante os nenos de idades comprendidas entre os 4 e 11 anos.

Barco

  • En Transmediterránea, os nenos ata dous anos viaxan gratis, sen ocupar asento, mentres que os nenos maiores de dous anos e menores de doce anos viaxan pagando o 50% da tarifa, non sendo no caso de tarifas especiais suxeitas a condicións específicas.
  • Nas liñas intercontinentais con Tánxer e Nador, esta porcentaxe acolle os nenos maiores de catro anos e menores de doce anos.
  • Algúns buques contan con zona de xogo infantil (gardería) a bordo.

Aloxamento

  • Cando realice as reservas de aloxamento, confirme todos os servizos que lle poidan interesar (berces, tronas, parque infantil…) e non dubide en solicitar a maior información posible sobre os mesmos.
  • Se viaxa con máis dun neno, non o dubide, as casas rurais de alugueiro completo e os complexos turísticos son os aloxamentos máis axeitados para a súa familia. Adoitan ofrecer servizos infantís, zonas de xogo e espazos verdes. Tamén dispoñen das mesmas comodidades ca na casa e de máis espazo libre e exclusivo. Ademais, os nenos teñen máis liberdade de acción.
  • Os hoteis, con horarios máis estritos e nos que se adoita respectar bastante o silencio, son máis aconsellables para nenos máis maiores que poidan comprender estas regras.
  • O cámping está máis indicado para nenos máis maiores que poidan participar nas tarefas (montar a tenda, axudar a cociñar, bañarse sós…).

Información de aeroliñas

Iberia

  • Nos voos de Iberia, os nenos maiores de dous anos e menores de doce anos viaxan pagando o 50% da tarifa en voos domésticos.
  • En voos internacionais, esta porcentaxe varía dependendo do destino e da tarifa aplicada; nalgunhas ofertas especiais elimínase este desconto.
  • Os nenos ata os dous anos, sen ocupar asento, pagan o 10% da tarifa; se ocupan asento, o tratamento é como o dos nenos entre dous e doce anos cumpridos.
  • Os avións de Iberia en voos intercontinentais están dotados cun número determinado de berces-confort para o descanso de bebés de ata 8 meses de idade.
  • Saiba que a normativa sobre seguridade en voo esixe que, en caso de que un pasaxeiro adulto queira viaxar con dous bebés, terá que levar a canda el unha cadeira de coche homologada na que viaxará un dos bebés, e que se haberá de colocar no asento contiguo ó do pasaxeiro adulto. O outro bebé irá no colo do pasaxeiro adulto, co cinto adicional facilitado pola tripulación. Neste caso, a tarifa que se aplicará polo bebé que ocupa asento na cadeira será a mesma cá dun neno entre dous e doce anos.

Air Europa

  • En Air Europa, os menores de dous anos non teñen dereito a asento nin equipaxe. Ademais, só se permite un bebé por adulto.
  • Os maiores de dous anos e menores de doce teñen dereito a asento e franquía de equipaxe. En función do voo, o desconto pode alcanzar o 40%.
  • Saiba que Air Europa non acepta a menores non acompañados. Se non cumpriron os 15 anos, deberán voar sempre acompañados dun adulto de polo menos 18 anos de idade. Tampouco acepta menores sen acompañar en voos con escalas nos que as escalas superen as 3 horas de duración.
  • Por esta razón, Air Europa ofrece dous servizos de acompañante para persoas menores de idade:
    O UM, obrigatorio para pasaxeiros desde 5 ata 14 anos sen cumprir. Os menores de 12 deben pagar por este servizo 20 ¬ por traxecto nos voos directos e 30 ¬ nos voos con escala. Este servizo será gratuíto para os nenos de 12 e 14 anos sen cumprir por pagar a tarifa sen desconto.
    O Young People, desde 14 ata 18 anos sen cumprir. Este servizo é opcional e cortesía da compañía, que só se ofrecerá de o solicitar o pasaxeiro ou os seus familiares. As tarifas son as mesmas ca para o UM.