Os móbiles tamén se aseguran

O incremento de compras de móbiles de última xeración, con prezos superiores aos 200 euros, impulsan a contratación de seguros que protexen o cliente fronte a roubos, perdas ou avarías
1 Decembro de 2008
Img eco domestica listado 295

Os móbiles tamén se aseguran

O móbil ou a vida. Pode resultar esaxerado, pero a máis dun cidadán o roubo do seu teléfono móbil pódelle carrexar un verdadeiro caos na súa rutina cotiá. Este dispositivo tornouse algo máis ca o compañeiro de chaveiros, moedeiros e carteiras en petos e bolsos. Datas de aniversario, de reunións, de citas cruciais, números de teléfono que non se almacenan en ningún outro soporte, correos electrónicos, música, vídeos… Máis alá do seu valor pecuniario, millóns de consumidores relacionan unha parte moi importante da súa vida, do seu traballo e da súa propia personalidade con estes instrumentos. Por iso, polo feito de que cada ano se rouban en España 250.000 móbiles e pola maior demanda de teléfonos cun valor superior aos 200-300 euros, aumenta o interese por protexer o móbil e todos os seus arquivos cun seguro axeitado. Na actualidade, estímase que máis dun millón dos 48 millóns de móbiles en circulación en España están asegurados, un servizo que se pode contratar a partir de 30 euros.

O prezo do seguro

O investimento cada vez maior en terminais de última xeración é o principal argumento que pode levar a que un usuario pense en contratar un seguro que impida o uso fraudulento da liña telefónica e que evite a perda dos contactos e dos cartos investidos. Se ben no mercado é posible adquirir móbiles dende 25 euros que ofrecen as prestacións máis básicas (chamadas e envío de mensaxes), o verdadeiro negocio dos fabricantes atópase nos terminais de última xeración. O gran volume de vendas de móbiles con cámara fotográfica ou con capacidade para almacenaren vídeos ou películas, entre outras prestacións, motivou que na actualidade o prezo medio dos móbiles ande arredor dos 200 euros. En moitas ocasións, as operadoras de telefonía subvencionan a compra destes terminais a cambio dun compromiso de permanencia, sobre todo nos móbiles con contrato, modalidade predominante na actualidade. Estes son os casos nos que se considera a posibilidade de contratar un seguro.

Polo xeral, as compañías aseguradoras toman como referencia para calcular o prezo da prima o valor do móbil libre no mercado, sen vinculalo a unha operadora particular. Cando un cliente solicita unha liña de contrato cunha destas empresas é habitual adquirir un móbil de gama alta a cambio de desembolsar unha cantidade, en xeral menor de 50 euros, cando o valor real rolda os 250-300 euros. Malia que o cliente paga 50 euros polo móbil, a aseguradora toma como referencia para fixar a prima do seguro os 270 euros de media que custa o aparello libre. En concreto, a prima do seguro para un móbil custa arredor dun 20% do seu valor no mercado, polo que un móbil de 200 euros pode asegurarse por 40 euros ao ano, un de 400 por 80…

Aínda que se comercializa dende o 2004, este tipo de seguro é un fenómeno aínda recente en España, se se compara coa súa expansión no Reino Unido ou nos Estados Unidos. Por esta mesma razón, as maiores compañías que ofrecen este servizo en España son filiais de empresas daqueles países. Aínda que a maioría ofrece pólizas en función do prezo do teléfono (o prezo de mercado, non o subvencionado pola operadora), tamén se poden atopar modalidades máis personalizadas de seguros, con coberturas variadas en función das necesidades do cliente, que van dende os 31,36 euros ata os 66,97 euros anuais.

Diferentes coberturas

Sen dúbida ningunha, a cobertura máis valorada destes seguros é a indemnización que pagan as aseguradoras en caso de que o cliente sufra un roubo ou perda o teléfono móbil. Como mínimo, aboan o 80% do prezo do teléfono móbil libre no momento da compra e nalgúns casos poden chegar a pagar o 100%. Exposto deste xeito, moitos cidadáns poden pensar que é sinxelo enganar a aseguradora e alegar que perderon o móbil para conseguir a suculenta indemnización. Non obstante, neste negocio a picaresca está moi controlada, xa que outra das coberturas que inclúe estes seguros é o bloqueo do teléfono móbil (liña e terminal) cando o cliente informa sobre o accidente sufrido (roubo ou perda). Este servizo -o bloqueo do terminal- impide que outra persoa faga chamadas ou use o teléfono en calquera das súas outras modalidades (escoitar música, ver vídeos, conectarse a Internet…). Polo tanto, sempre que o cliente informe a súa aseguradora de que sufriu un incidente, o terminal pasa a ser inservible, co que non hai lugar para o engano. Algunhas destas pólizas tamén inclúen o pagamento de ata 1.200 euros ao usuario no caso de que se realizasen chamadas de modo fraudulento.

Para moitos usuarios, as partes esenciais do seu teléfono móbil son a axenda do móbil e os datos contidos na tarxeta SIM do teléfono. Estas aseguradoras recupéranos con facilidade, xa que poden ler e gravar todos os datos do cliente, de xeito que se almacenan noutra tarxeta propiedade da compañía. Nalgúns casos, ademais, o cliente poderá comunicarlle á súa aseguradora o nome de tres persoas de confianza ás que se enviará unha mensaxe na que se informará da perda ou do roubo do móbil. Dese xeito, os familiares máis próximos saberán por que non poden contactar co usuario, o que achega un extra de tranquilidade. Para rematar, algúns seguros para móbiles tamén cobren a perda ou a reparación do terminal, mesmo despois do período de garantía.

Onde se contratan os seguros?

É habitual que a contratación dos seguros para móbiles se realice nos mesmos puntos de venda dos terminais. Polo xeral, ofrécense para móbiles cun valor que parte de 150 euros. É dicir, non se oferta na compra de móbiles baratos, aínda que os usuarios si que os poden solicitar, de o desexaren. Na actualidade, as vendas de iPhones e terminais con características similares están a disparar a contratación deste tipo de pólizas. De media, un iPhone (que custa uns 400 euros) pódese asegurar por uns 70 euros no mercado. O recomendable é contratar o seguro no mesmo intre en que se adquira o terminal. Se a elección se posterga, moitas compañías amósanse receosas, ata o punto de que é posible que se neguen a aseguralos.

Contrato ou prepagamento?

Os seguros son diferentes en función de se o móbil funciona mediante contrato ou tarxeta prepagamento. Para os primeiros, as primas son maiores, xa que se inclúe unha indemnización por uso fraudulento de chamadas. No caso dos móbiles prepagamento, a perda en chamadas está limitada ao valor da tarxeta no momento do roubo que, polo xeral, non son grandes cantidades. Un mesmo móbil, de 150 euros de prezo, con tarxeta prepagamento pode asegurarse por 31 euros ou por 38 euros na modalidade de contrato.

Coidado coas excepcións e coa letra pequena dos seguros de móbil
  • As aseguradoras non sempre cobren o 100% do valor do móbil. En caso de subtracción (roubo ou furto), solicitan unha denuncia policial e a factura de compra. Se non se achega algún destes documentos as compañías atrasarán o proceso de cobramento. É fundamental conservar a factura do teléfono, xa que sen ela as compañías están no seu dereito de negarse a pagar a indemnización.
  • En caso de perda do móbil, como é máis difícil de demostrar, as aseguradoras non cobren o 100% do seu valor, senón que conceden cantidades fixadas de antemán. Algunhas compañías só pagan 100 euros, aínda que se demostre que o seu custo era superior a 500 euros.
  • En caso de avaría, os seguros funcionan igual ca a garantía do teléfono: exclúen o mal uso. O seguro cobre defectos en materiais e man de obra, pero non certas partes, como pantalla, carcasas, o desgaste normal ou o abuso. Por exemplo, os estragos na pantalla ou na cámara de fotos por uso excesivo non poden ser cubertos. Tamén os danos causados polo mal uso, como os causados pola auga, quedan fóra das coberturas previstas por estes seguros.